viernes, 31 de diciembre de 2010

O nacemento

     O Nacemento de Xesús, o Noso Señor, tivo particulares celebracións no tempo de trovadores e xoglares, tamén nos poetas do noso século de ouro, autosacramentais… etc.

     Os vellos bergantiñáns, ou maiores (como se di con eufemismo) lembrarán panxoliñas e matines, de castelán rancio ou afectado polo galego dos cantores do noso rural. A gaita galega acompañaba en moitos casos aquela salmodia da nosa mocidade que, no frío e na lama dos camiños, ía pregoando o Nadal polas portas da veciñanza.

     Hoxe temos nacimentos de barro, nacementos viventes, vilancicos cantados por corais expertas en polifonía.

     Así demudan os tempos. Desde o cachopo de nadal que rexeitaba Martín Dumiense por ser realidade precristiá, pagana, chegamos a obras teatrais, con toda beleza literaria da nosa lingua galega, para representar o Nacemento de Xesús.

     Ten a nosa lingua unha especial vocación, recursos, para expresar o agarimo dunha nai, a pobreza dunha familia, a tenrura de pobres pastores. É dicir, todo o que se precisa para recoller os datos do evanxeo.

    Pero a nosa Terra, Galicia, tivo, soubo, de moitas familias e nenos nacidos en situacións semellantes ás de Xesús.

     Hoxe deberiamos ter o corazón cheo de amor como aparece na familia de Belén, para acoller ao próximo, á vida nacente, á familia desvalida.

    Iso é a Navidade, o Nadal galego e cristián.

martes, 21 de diciembre de 2010

A Lotería

     Esta semana ofrece moitas sensacións. Para os crentes cristiáns, o cumio destes días é o Nadal do Señor.

     Gran espectativa temos no sorteo da Lotería. O Gordo de Nadal un ano, hai pouco; e o Gordo de Reis, hai xa moitos anos, caeron en Carballo.

     Pois que esta vila bergantiñá siga tendo a sorte repetida. Que veña a fortuna a paliar moitos males e estreituras que trae a crise. Pero, quén sabe, ao mellor, ou ó peor, os que máis o necesitan, nin sequera teñen unha participación na lotería, anque fose ben pequena.

     Tocará, pois, a lotería. Non sabemos a quen, polo de agora. Volveremos ver esas escenas nas que os afortunados convidan a viño de cava. Parece que viño tan selecto, o noso, ou o francés, están chamados a seren derramados, impulsados, para mollar á xente. Forma derrochadora de celebrar a fortuna.

     Hai quen pensa que, para bebelo en demasía e facer dano, deixalo ir así.

     Boa administración desexamos a quen lle caia a sorte.

     Que os afortunados se acorden dos necesitados e de tantas institucións benéficas, como Cáritas, que nesta tempada de Nadal loitan por faceren un mundo máis humano, máis fraternal.

FELIZ NADAL

     Volve o Nadal e para nós, os crentes cristiáns, volve a frase de Felices Fiestas; volve o consumismo; volve a Navidade sen neno. Todo nos parece insuficiente, pois amosa perda do sentido cristián do Nadal.

     Temos, pois, un tempo que se parece cada vez máis ás festas que no Imperio Romano había por estas datas, porque ían medrar os días. Festas adicadas ao Sol. Festas propias da estación.

     Hai pouco, doíanos que celebracións tan devotas como Santos e Difuntos se vexan invadidas por unha cultura que seica é celta. Os vellos coma este servidor, coido que endexamais tiñamos oído tal cousa. Sempre hai que aprender.

     Haberá, como pensan algúns, un propósito ou campaña para borrar os símbolos e presenza cristiá das nosas familias, rúas, e sociedade?

     Se así fose, razón por demais para que os crentes respectando a todos, saibamos facernos presentes, e reclamemos para nós o respecto que tributamos ós que non comparten a nosa Fe. Tolerancia, pois, pero con fidelidade a Cristo Señor.

     Pois, sen razón para vivir a plenitude da vida presente, con amor, diálogo e tolerancia, tampouco teremos unha vida humana. Deus dignifica ao ser humano, constrúe a sociedade.

     Resoen panxoliñas e matines; vilancicos; Nacimentos; obriñas teatrais representando o Belén; postáis con motivos verdadeiramente cristiáns. Sintamos os saúdos de FELIZ NADAL, aninovo en paz e graza de Deus.

     Velaí o ambiente que non debemos deixar esmorecer. Deus connosco!

     Feliz Nadal, co Neno Xesús!

jueves, 9 de diciembre de 2010

O SEÑOR CARDEAL

      Van aló xa 39 anos do pasamento do Cardeal Quiroga Palacios. Finou en Madrid o 7-XII-1971.

     O Sr. Cardeal (como dicimos, sen máis, os que o coñecimos) concita unha admiración, afecto, e respecto, en todos os que vivimos aquel tempo, como difícilmente alguén puidera ter.

     Foron 22 anos dunha total entrega á diocese compostelá. A cidade de Santiago adicoulle unha rúa, e un colexio leva o seu nome. Así como tamén unha cátedra dun Instituto de Estudos Teolóxicos, distinción outorgada pola nosa arquidiocese.

     Era un galego listo, intuitivo. Con suficiente capacidade para evitar perigos. Sentía unha profunda pasión polas cousas da Igrexa. Doíanlle moito os fallos, gozábase no ben feito como un don de Deus.

      Unha mostra da entrega coa que él vivía e servía á Igrexa, eran eses enfados espontáneos que tiña e axiña correxía.

      Contaba o bispo Riesgo Carbajo (quen veu facer unha Visita Pastoral, delegado polo Sr. Cardeal) que, sendo este presidente da Conferencia Episcopal, propuso algo que él coidaba que os bispos aceptarían de inmediato. Pero non foi así. Quiroga Palacios entón, mostrou ostensiblemente o seu disgusto, pero deseguida, soubo dominarse e aceptou o criterio dos compañeiros de episcopado.

      E comentaba Riesgo Carbajo pola súa conta e para si: aquí hay un hombre de gran virtud.

      Unha pequena anécdota para amosar que o Cardeal tiña unha bondade froito da súa ascese e fonda vida espiritual.

      Os máis veteranos imos rezar ante o sartego do Sr. Cardeal, case, case, como cando imos rezar ante o sepulcro do Apóstolo.

martes, 23 de noviembre de 2010

A BERGANTIÑÁ

     Ben sabedes todos que os peregrinos que chegan a Santiago, se acreditan certas condicións teñen dereito a recibiren un documento que recoñece, nominalmente, ese feito.

     Requírese, sobre todo, que o peregrino sexa motivado por razóns de Fe, non por razóns turísticas, sen máis, ou deportivas, ou ecoloxistas.

     Sendo así, os que veñan a pé andando 100 quilómetros; ou dacabalo, esa mesma cantidade de quilómetros; ou 200 quilómentros, en bicicleta, son os merecentes da chamada Compostela.

     O premio material, hoxe, é pequeno, máis é símbolo do que había noutros tempos. Hoxe, os dez primeiros peregrinos que acreditan ter a Compostela, en cada día terán o xantar gratuíto no Hostal dos RR. Católicos.

     A popularidade da Compostela está facendo que noutros centros da nosa terra que queren atraer ós peregrinos, tamén dean un documento acreditativo. Así, en Fisterra, que por ser final do mundo, atraíu e segue atraendo peregrinos.

    Tamén en Padrón, por aquelo que din: o que vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romería, ou non. Un pareado moi galego que sementa dudas sobre unha peregrinaxe a Santiago, se non remata en Padrón.

     Así pois, en Padrón, berce do Xacobeo, agora o concello da a Pedronía, ós que foron visitar o Pedrón que se garda na igrexa parroquial.

     Aquí en Carballo, botándolle imaxinación á cousa, ós que fixeron o curso de pastoral, dóuselles un diploma, redactado en latín, acreditando que os así galardoados foron peregrinos que percorreran todas as etapas, ou clases, que se impartiron sobre o Ano Santo.

     Velaí, pois, a Bergantiñá, outorgada aquí en Carballo.

Bergantiñáns peregrinos a Santiago

Arziprestazgo_18_0166

Rvdo. D. José Cambón Martínez

Arcipreste de Bergantiños 

 

     Os bergantiñáns somos moi devotos para acudir ás romarías. Agora, nos autobuses que van á Escravitude, San Campio de Entíns, Milagros de Amil; e, acó máis preto, a Vilamaior e ao Espíritu Santo de Rial. Caión, Agolada, Muxía, Malpica, tamén son centros de devoción para os bergantiñáns.

     Polo tanto, ir a Santiago a pé, en Ano Santo, tamén é propósito da xente bergantiñá. Hai quen coñece ben os atallos para que o esforzo sexa menor.

     No Ano Santo de 1982 un grupo de veciños de Seavia saiu moi cedo, de preto da igrexa parroquial, para ir a Compostela. Van a pé, diríxense a aldea de Mira, pasan a rentes da capela de San Outelo, en Bazar, baixan pola Pereira cara a igrexa de Rial, en Dubra, pasan mesmo á beira do camposanto desta parroquia, chegan a Bembibre, cruzan o río Dubra na Ponte Taboada. Seguen agora o curso da estrada que leva a Portomouro.

     Neste grupo de auténticos peregrinos houbo algún desfalecemento ao chegaren a Santiago, pero repuxéronse, axudáronse mutuamente e gañaron o xubileo na Catedral. Cando regresaron, viñeron en autobús.

     Mesmo nese día foi a peregrinación oficial do arciprestazgo de Bergantiños. Moitos fomos e viñemos en autobús.

     Agoran digan vostedes quen foi, ou foron, os verdadeiros peregrinos a Compostela.

CAMIÑO XACOBEO DE BERGANTIÑOS A SANTIAGO

Virgen Peregrina

     Colaborando neste ambiente xacobeo que hai entre nós, imos falar dun Camiño Xacobeo que ía de Carballo a Santiago. Baseámonos na obra de Ferreira Priegue titulada Los caminos medievales de Galicia. Nela podemos ver un camiño que sae de Carballo por A Brea, Ardaña, Quintáns, Rus, Portochan, Portocovo, A Folgueira, Rebordelos, Abelenda, A Brea de Benza, Longarela, Ponte Alvar, Ponte Vilar, O Bargo, A Peregriña, onde a autora pon unha ermida.

     Isto é o principal. A devoción á Virxe Peregrina, é propia do Camiño de Santiago, así, en Pontevedra. Santa María, pois, recibe, anima, protexe ós peregrinos a Santiago. Ela mesma foi peregrina no seu tempo. Vén agora visitar a Santiago sepultado, como antes fora a Zaragoza.

     Por ese camiño de Ponte Alvar a Santiago, ían os peregrinos do Bergantiños oriental, os da Dubra oriental, e todos os dos concellos de Trazo e Tordoia.

     Aquela ermida deu paso a unha gran igrexa feita polo arcebispo Alexandre Bocanegra, e finalmente, converteuse en parroquia a finais do século XIX por decreto do cardeal García Cuesta.

     Como A Peregrina, tamén a Virxe do Camiño, que hai en León e en Pontevedra, son referencias do Camiño de Santiago, tanto do Francés como do Portugués.

     Velaí pois, un Camiño Bergantiñán, que haberá que percorrer a pé, como antano, pois non hai estrada para todos os tramos del.

      Entramos, pois, na cidade de Santiago. Na capela da Virxe da Fonte, nos Pelamios, podemos ver unha bóveda gótica coma a que hai en Santiago en San Paio da Devesa, todo obra dos monxes benedictinos.

      Máis adiante, xuntámonos cos peregrinos que veñen polo camiño francés.

     A nós, non nos darán a Compostela, pois o noso camiño non pasa de 45 quilómetros pero si os aproveitamos ben, coa preparación e devoción propia dos romeiros bergantiñáns, teremos moito gañado para o noso ben espiritual.

martes, 16 de noviembre de 2010

Peregrinos a Compostela

    A Catedral de Santiago e os camiños que a ela levan rebordan de peregrinos.

     As esixencias da peregrinaxe noutros tempos, facían que o peregrino se cubrise de chapeo de á ancha.

     Levase unha túnica ampla, coma a que fixeron popular os franciscanos, capa con esclavina e sandalias.

     Levaban o macuto, un bordón como defensa de animáis silvestres e apoio para camiñar. Naquel bordón unha cabaza para levaren auga fresca, por iso non podía aquela especie de cantimplora ir pegada ao corpo. Disque algunha vez, levaban viño para ter máis ánimos.

     Volvendo de Santiago, o peregrino levaba o sinal da súa estadía na cidade. Probara as vieiras, e levaba as cunchas pegadas no traxe.

     Así, a venera, onde nacera Venus, asegún a vella mitoloxía, pasou a ser vieira, de vía, é dicir, camiño.

     En Santiago aínda hai a rúa dos Concheiros, que é onde os peregrinos que viñan polo camiño francés, podían probar vieiras e mercar as conchas. E moitos apelidos hai derivados dese costume, son os Concheiros.

     O fenómeno da peregrinaxe tivo dúas consecuencias ben visibles. Unha, a construcción de pontes e hospitais. Outra, a construcción de igrexas.

     Tamén así naceu a orde militar chamada Cabaleiros de Santiago para defensa dos peregrinos.

     En Santiago estaba o Gran Hospital Real, que acollía a peregrinos enfermos. Algúns, a pesares da atención prestada, alí morrían e recibían sepultura no camposanto (hoxe xardín) que hai tras o edificio do Palacio de Raxoi.

     Despois de tanto camiñar, con suor e pó, os peregrinos queimaban a roupa vella, quizáis afectada por pestes e enfermidades, na chamada Cruz dos Farrapos, da catedral.

     E así torna ás súas casas cheos de ledicia os peregrinos xacobeos.

A Porta Santa

 

     Entrando pola Porta Santa, podemos ver a figura de Santiago Peregrino, acompañado dos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Van vestidos como ordena a tradición.

     Pero teredes visto outro santo, tan popular como é san Roque, que vai talmentes como un Santiago Peregrino. Distínguense ben porque san Roque leva un canciño de par, amosa o santo a súa chaga na perna.

     San Roque era de Montpellier, por onde pasa o Camiño Francés. Ser peregrino era mostra de bo crente, o peregrino era moi ben visto polos reises, moi protexido polos bispos. Certo que tamén había falsos peregrinos, rapiantes, dos que había que arredarse. Isto pasou, e pasa, en toda romaría.

     Que o botafueiro fose para contrarrestar o cheiro de tanta xente que chegaba á Catedral, non pasa de ser unha interpretación popular. Abrindo as portas da basílica deseguida se renovaba o ar.

     O incenso do botafumeiro era adoración, dedicación de toda a moitedume ao Santo Apóstolo, rezaban con fervor. Mesmo o edificio todo da santa Catedral, era unha ofrenda a Deus, coa intercesión do Apóstolo.

     O botafumeiro, que tamén o había noutras catedrais (por exemplo, na de Ourense) evolucionou. Un exemplar que hoxe temos é do século XIX. Pesa uns 58 quilos. Outro exemplar é do século XX, resulta algo máis pesado. Seica ós tiraboleiros lle resulta menos doado ter que movelo.

     E se ides á Praza do Obradoiro, seguramente veredes un peregrino, moi querido en Santiago. É un natural da cidade que adoita estar por alí para recibir, saudar e fotografiarse, co seu traxe tradicional, con cantos llo pidan.

Santiago Peregrino

     

No Santiago Peregrino temos a imaxe máis querida entre as que representan ao noso Apóstolo. Con razón Castelao dicía que ese é o noso, mentres que do Santiago Cabaleiro dicía que era o deles.

     O Santiago Cabaleiro aparece vencellado á Batalla de Clavijo no ano 884. Alí prestou axuda ás tropas de Ramiro I que se enfrontaban ós musulmáns.

     Nas nosas igrexas hai imaxes do Apóstolo dacabalo. Tamén é a figura acrótera que señorea o Palacio de Raxoi en Santiago. Non é, certamente, unha representación ecuménica. Pero hai que entender os tempos.

     Os Libros de Caballería son unha importante producción cultural na España medieval. Cervantes, co seu Don Quijote expuso as meirandes aventuras dun entusiasta cabaleiro. Quería desfacer entuertos, loitar pola xustiza, polo ben… anque, o pobre, tivo moitos contratempos. Todo foi motivado pola lectura de libros de caballerías que lle secaron o cerebro. Don Quijote era a ilusión. Sancho, o práctico, cómodo, previsor.

     Polo tanto, Santiago Apóstolo, se tiña que ser grande naqueles tempos, tiña que ser cabaleiro e comportarse como tal, contribuíndo á liberación da nosa España.

     Nos tempos que andamos, temos as cidades cheas de monumentos, estatutas, onde os grandes persoeiros aparecen en briosos cabalos. Cántas veces temos admirado máis a beleza, o andar, a nobreza do cabalo, ca o cabaleiro. O equino é un animal heráldico tantas veces manipulado para dar a fama a un persoeiro que non merecía tanto.

     Nós, seguimos chamando caballero a todo aquel que é home de palabra, honrado, servicial.

     Co devandito, interpretemos tolerantes ao noso Santiago Cabaleiro.

martes, 19 de octubre de 2010

HOMENAXE EN CORES - Ponteceso

 

San Martiño de Cores

     Dous amantes da nosa terra como son os amigos Luís Giadás e Xosé Manuel Varela veñen de fundar a Asociación cultural Cándido Rodríguez Campaña que foi un dos beneméritos persoeiros que afortunadamente tivo Bergantiños.

     Queren que xurdan vocacións que defendan, recuperen, espallen todo o conxunto cultural da terra pondaliana. Tal como fixo don Cándido, párroco de Cores durante uns trinta anos e finado haberá 11 anos.

     O señor Rodríguez Campaña fixo das igrexas de Cores e Nemeño modelos de restauración e recuperación. A cantería galega, para os panteóns. Xa que os medios mecánicos da agricultura moderna descubren pezas megalíticas dos tempos máis vellos, don Cándido procurou recoller a rentes da igrexa, sartegos suevos, muiños de man, aras romanas. Todo está a salvo e exposto para quen queira estudar.

     Na restauración da igrexa de Cores puxo os esteos prerománicos na súa función de sustentar o artesonado, e o altar pétreo, que sufragou don Modesto Anido, natural de Cores, tamén leva forma dun esteo. Poden verse nesta igrexa e non temos idea de que haxa máis esteos por acó entre nós.

     Os fregueses de Cores puxeron un busto do finado párroco no adro da igrexa, obra do acreditado artista local Xosé Manuel Castro. Esto foi no Agosto do ano 2000 con motivo do cabodano do pasamento de don Cándido, soterrado en Cordeiro, a súa parroquia natal.

     Ogallá que o exemplo faga xurdir moitos seguidores para ben da nosa terra.

San Cristovo entre nós

 

     Hai festa de san Cristovo en Lema e contra o final do mes de Xullo e comezo do mes de Agosto, hai festas e procesións con coches e camións.

     Cristovo (Christophorus, en latín) quere dicir portador de Cristo. E así aparece nas imaxes. O Santo, corpulento, leva nun ombreiro a Xesús. Porque él era un ser caritativo que empregaba a súa fortaleza física para axudar a pasar o río. Non había ponte. Polo tanto, exercía a caridade, unha obra de misericordia feita en favor dos máis débiles. En favor do propio Cristo, como nos ensinan as Benaventuranzas. Por iso é tan acertada a representación que fan do santo os nosos imaxineiros. Que aparece na fachada de moitas igrexas, por exemplo, en Lema, Cerqueda, Xavestre, Erbiñou, Portomouro, onde o santo é patrón.

     Dicían os Santos Padres que todo cristián tamén debe chamarse Cristovo, portador de Cristo, na vida e no servizo ós demais.

     Aquí en Carballo hai, no seu santuario, unha valiosa imaxe que, asegún contan, o día que a trouxeron de Santiago, o camión perdeu os freos ao baixar a costa de Anxeríz, pero puideron chegar con ben á Ponte Taboada. Disque foi intercesión do Santo.

     Son moitos os coches que, durante o ano, acuden ao santuario para recibir a bendición, na oración pídese que o santo nos aparte do vértigo da velocidade; que o viaxar en coche nos axude a contemplar as marabillas da creación e que saibamos poñer o noso coche ao servizo dos demais. Tres boas ideas para todo condutor.

     Prudencia, sentidiño ao volante, son cada vez máis necesarios, sobre todo no verán, na condución de noite. Precaución que pedimos a san Cristovo para a nosa mocidade.

Pan para andar o Camiño

 

    Os que somos de Val do Dubra pertencemos a unha terra que recibe influenzas, sobre todo, de Santiago de Compostela, pero tamén de Bergantiños e Santa Comba.

     De Bergantiños admirabamos o molete que chegaba á feira de Bembibre, branco, arrecendente, coa codia que traía a calor do forno e o miolo esponxado, sabroso, farturento.

     Pero ademais dos días de feira había panadeiros que viñan polas portas a traernos a súa esperada mercancía. Como viñan tamén polas portas as cereixas de Entrecruces e as sardiñas do mar de Malpica, que eran recollidas en Bembibre para seren distribuídas por peixeiros da mesma Dubra.

     Pero o que máis nos facía pasmar ós rapaces era ver aquelas recuas de cabalos que pasaban levando o pan nos esteiróns que cargaban os panadeiros da Brea. Estes, ían dacabalo, falando uns cos outros. E, a onde irán? Porque ían con trote lento, acompasado, duns cabalos que, como diría Castro Viejo, endexamais cansaban.

     Pasaban pola estrada que daquela era de terra, rodeada a un lado e outro por plátanos indios que a deputación da Coruña mandou plantar a rentes das súas estradas, como elemento ornamental. Hoxe, desapareceron todas esas árbores, polo ancheamento das vías de comunicación.

     A onde chegaban aqueles valentes e sacrificados panadeiros? Preguntaba eu. E a resposta era: van deica a Escravitude.

     Hai panadeiros de Bergantiños que agora van vender o seu apreciado produto á feira de Padrón. Levan as furgonetas cheas, e veñen valdeiras. Así, todos os domingos en competencia cos panadeiros das Rías Baixas.

     Houbo as festas na Brea. Alí, o corazón panadeiro de Bergantiños.

     Xa sei que hoxe o panadeiro clásico está reconvertido en industrial que fai empanadas, biscoitos e o pan integral que tanto recomendan os nutricionistas.

     Honor, pois, ós panadeiros da Brea e a todos os veciños que fan o acreditado molete da terra bergantiñá.

SEGUINDO NO CAMIÑO DE SANTIAGO…

     Volvemos hoxe sobre o Camiño de Santiago. Se vemos o mapa de Fontán (de mediados do século XIX) a actual estrada de Carballo a Santiago foi feita sobre un camiño real que labregos e feirantes fixeron ó longo dos séculos. As terras polas que pasa este camiño, teñen influencias xacobeas ben manifestas.

    

     - Os mosteiros benedictinos de Santiago (San Martiño e Antealtares) atenderon pastoralmente estas parroquias, fundaron igrexas, enviaron clero servidor.

     - De Compostela veu a arte románica ás igrexas de Dubra, feitas por mestres que en Compostela aprenderon á beira do gran mestre Mateo e impulsados pola influenza do arcebispo Xelmírez.

     - De Bergantiños a Compostela viaxa o Conde de Traba, colaborador de Xelmírez nos seus proxectos relixiosos e nacionalistas. Pedro Fróilaz chegará a ser señor feudal mesmo ata as ribeiras da dereita do Tambre.

     - Este camiño de Santiago rexistra tamén a presenza dos Templarios, que asentarán en Cances, Arabexo e Bembibre.

     Indo, pois, a Compostela, por este Camiño, cruzaremos Val do Dubra, que ten no seu escudo a urna do apóstolo, como Ames e o mesmo Santiago de Compostela; cruzaremos Terra de Santiago, a partires de Portomouro e entraremos na cidade pola Porta de Val de Deus. Xa na Catedral, gañado o xubileo, poderemos visitar o sartego do primeiro peregrino bergantiñán de nome coñecido, que é, don Pedro Fróilaz, sepultado na Capela das Reliquias, á beira dos reises, favorecedores do culto ó Apóstolo.

     E rendida esta pleitesía, poderemos voltar a Bergantiños.

miércoles, 30 de junio de 2010

SAN PEDRO EN SOANDRES

     Rematamos o mes coa festa de San Pedro. Nalgures hai celebracións populares semellantes ás de San Xoán.

     En Bergantiños temos a Igrexa Parroquial de Soandres, que foi mosteiro benedictino e tamén parroquia Carballo, Golmar e outras freguesías estiveran servidas por monxes de Soandres.

     Aquí temos as dúas imaxes máis frecuentes do Santo: nunha vai revestido con tiara, noutra é un apóstolo que estuda o Evanxeo que predica.

     Hai ademais o famoso cadro das Bágoas de San Pedro, do Greco e representacións de San Pedro no cárcere.

     O actual párroco de Soandres, Don Manuel Mallo Mallo, que leva alí moitos anos e loitou pola restauración do conxunto arquitectónico de Igexa e Mosteiro, é o sexto párroco derradeiro monxe de Soandres.

     Os mosteiros benedictinos acollen sempre como tituolar ó santo venerado no lugar.

     Así, San Martiño, San Pedro e San Paio de Santiago de Compostela, e San Xulián en Samos. Mentras que os monxes do Ciester (unha rama benedictina) sempre poñen a Nosa Señora como patroa. Así, Sobrado.

     No claustro de Soandres, de dimensións reducidas, hai unha palmeira, que fai as veces do ciprés de Silos cantado polo noso poeta Gerardo Diego ou así como El ciprés del Claustro: por Frei Pérez Urbal. Ou a palmeira que hai no claustro de Herbón, traída de Terra Santa.

     Soandres acolleu no s. XVIII a un ilustre benedictino, o P. Sarmiento, un sabio da Ilustración, que, percorrendo Bergantiños, deixou notas sobre a nosa cultura daquel tempo. Foi un viaxeiro observador.

     Mª L. Alonso Otero e o amigo Luís Giadás Álvarez publicaron a Viaxe do P. Sarmiento por Bergantiños e o Instituto de Estudos Bergantiñáns fixo a Soandres a súa primeira visita na serie Andando Por Bergantiños.

     A razón desta preferencia está en que alí nace o Allóns, asimesmo porque esta freguesía é moi extensa, ten uns 32 quilómetros cadrados.

     Hai outras parroquias e capelas que celebran o San Pedro. Así, Valenza de Coristanco, Sorrizo, Armentón, Rus, Cances.

     A todas estas igrexas e a cantos levan o nome do Santo, moita paz e ben lles desexamos.    

martes, 22 de junio de 2010

FESTA DO SANTÍSIMO SACRAMENTO

     O segundo día das festas de San Xoán está adicado ao Santísimo Sacramento. Quixo a Igrexa que o Misterio da Fe, como chamamos á Eucaristía, tivese, ademais da celebración do Xoves Santo, unha conmemoración sen as angustias da Semana Santa.

     Máis ainda, en cada parroquia está disposto que haxa a celebración particular do Sacramento por antonomasia, como é a Eucaristía.

     Carballo ten unha custodia, tradicional, que leva unha pequeniña imaxe de Bautista baixo o esplendor do viril.

     Nestes anos pasados, a parroquia recibiu outras dúas custodias. A última, ofrenda da Cofradía de Nosa Señora das Dolores.

     Subliñemos asimesmo que, na solemne e larga procesión, hai tres estacións ante tres altares que familias particulares, e os veciños da Ponte Pedra, levantan para acoller ó Santísimo e recibir a súa bendición.

     Con isto, poden verse alfombras florais que son ofrenda, oración, adoración, acción de grazas, ao Señor sacramentado.

     Hai que lembrar a presenza das autoridades locais nas procesións destes dous días, e tamén na Misa solemne de San Xoán, na que o Alcalde, como é tradición, fai unha invocación ao Santo Patrón.

     Intervén a Coral de Bergantiños, entidade que vén dando a coñecer esta vila de Carballo en moitas cidades e vilas de España e Europa.

     Froito todo, en boa parte, da entrega e competencia da súa directora dona Gloria Pardines.

     Os nenos da Primeira Comunión do día de San Xoán poñen unha nota familiar, esperanzadora, para a fervorosa continuidade da procesión do Sacramento en Carballo.

martes, 15 de junio de 2010

FESTAS PATRONAIS

    

As festas de San Xoán teñen particular celebración en Carballo, capital de Bergantiños, ou: Porta da Costa da Morte, como adoitan dicir.

     Na parroquia hai dúas imaxes de san Xoán. Son de canon mediano. Nas dúas aparece o Santo amosando ó Año de Deus, como ensina a Biblia que fixo o Santo, Bautista de Xesús.

    Pero nunha imaxe, o Año está acarón, ao pé do Santo, e así, San Xoán estao indicando. Na outra imaxe, a que sae na procesión, San Xoán leva o Año enriba do libro da Biblia. Ben amosado,  vai pois.

     Ademais das imaxes, tamén ten a parroquia dous cadros de San Xoán, que á vista están: Un, sobre o Sagrario; outro, no bautisterio. Aquel, é obra dun pintor de Benidorm, Don Miguel Rives Sogorb. Este cadro, representa a escena do bautismo de Xesús. A Santísima Trinidade preside o intre en que Xoán bautiza. Hai gran colorido no río Xordán, que vén serpeando ata o punto do bautizo que ocurre en primeiro termo.

     O pintor señor Rives ten algunha obra súa na Casa do Concello da Coruña.

     Este cadro do Patrón da parroquia, foi doado á mesma, hai agora catro anos, polo devoto matrimonio de Manuel Cancela Sande e Dolores Calvelo Sánchez, fregueses de Carballo.

     O outro cadro, é obra dunha ilustre pintora carballesa, Antoñita Villaverde Pumar, que vive na Coruña. Pero lembra a sús parroquia natal á que lle fixo varias doazóns, entre leas, este cadro.

     Nestes cadros aparecen algunha diferenza, os dous recollen a escena tal como aparece narrada nos Evanxeos. Pero o cadro do retablo da igrexa fíxose máis ben no intre do bautismo. O que está no bautisterio, no intre da presenza do Espíritu Santo sobre Xesús, isto ocurre, asegún o texto bíblico dos Sinópticos, en canto Xesús saiu da auga.

     Miudanzas que captan os artistas que len, meditan, oran sobre os datos da Biblia.

     Antoñita está convaleciente tras unha delicada operació quirúrxica. Vive rodeada do cariño de súas irmás. Desexámoslle unha pronta recuperación para que siga producindo admirables obras de arte nas que o tema relixioso ten preponderancia. Porque así llo pide a gran fe desta artista que é Antoñita Villaverde Pumar.

martes, 8 de junio de 2010

MES DE SAN XOÁN!

image

     Estamos no mes de san Xoán, haxionímico que se perdeu nos meses de Santiago e de Nosa Señora, pero que persiste neste mes que é primavera e verán, coas senlleiras características.

     San Xoán é luz, pois os días son meirantes, estamos no cumio do ano.

     O Sol parece perpetuarse nun horizonte cóncavo, abovedado de azul.

     Este mes ofrece temperaturas medias, nada excesivas.

     Todo reborda de cores.  A humidade do inverno bergantiñán, dá agora un cromatismo embriagador a esta terra temos o verde nos campos e nas albres caducifolias. O azul do mar que nos fai soñar coas súas aror acabalando entre elas, con sedas de brancores, que son o engado para os surfistas que escolleu os nosos areais para o seu deporte.

     Cando as ondas se estenden sobre a area quente, sentimos un ruxido, como se fereveran despois do esforzo por chegaren onda nos.

     O concello de Carballo ten un frontal para o mar, que vai de Razo, pola ría de Lema, ou Baldaio, deica Pedra do Sal. Grandioso espectáculo para contemplar e admirar.

     Como nesta vila hai xentes procedentes das aldeas, aínda veremos casas e beirarúas enramadas. Espadanas, fiúncho, hortensias, rosas das silveiras… son os mellores vexetais contra as meigas.

     As fontes, os penedíos, os castros, as lagoas… todos ten a súa lenda, mesturados os elementos mitolóxicos que veñen dos máis antigos tempos.

     Pero tamén temos romarías no santoral bergantiñán, non alleas ás particularidades do mes. Hai San Antonio na Agolada e Francos, así como S. Hadrián en Sofán e Malpica.

     Sobre todo S. Xoán de Carballo, que como en tantas festas patronais galegas, leva consigo a celebración do Santísimo Sacramento.

     Mes de San Xoán! Como dixo un poeta: Moito tardas e axiña pasas.

jueves, 3 de junio de 2010

IMAXES DO APÓSTOLO

     Preside o altar maior da Catedral unha imaxe sedente do Apóstolo. O mesmo pasa na Parroquial de Padrón e no santuario do Santiaguiño. E noutras moitas igrexas.

     Se facemos unha revisión destas imaxes lendo a cartela que levan na man dereita temos:

     - No Santiaguiño o texto, un latín di que alí predicou o Apóstolo.

     - Na Parroquial, que “aquí estivo o Corpo o Apóstolo”.

     - Na Catedral, “aquí está…”

     Nesta, Santiago leva unha esclavina de prata que lle doou o arcebispo Monroi, que viñera de México, (posesión española, daquela) onde seu pai tiña minas de prata.

     Se facemos unha síntese da mensaxe que dan as tres imaxes de Santiago, temos: O Peregrino é o misioneiro enviado a evanxelizar. O Sedente, é o apóstolo que preside a comunidade formada; o Cabaleiro é o que segue loitando por extender a Fe, con decisión e sen complexos, ante tantas dificultades.

     Como temos que facer hoxe.

sábado, 29 de mayo de 2010

HIMNOS A SANTIAGO

     Cando imos á Catedral, moitas veces temos que cantar o Himno ao Apóstolo. O actual, que é o himno oficial, empeza por aquelas palabras de Santo Adalid, Patrón de las Españas, Amigo del Señor.

     Xa no Códice Calixtino aparece un himno para o noso Santiago. Está en latín, cunhas notas musicais, que os mellores musicólogos teñen interpretado. Ese himno empeza por Dum Paterfamilias ten a ventaxa de que non é belicista, nin na música, nin na letra,.

     Nos tempos do cardeal Martín de Herrera (que ten rúa adicada en Carballo) cantábase Dos favores, facía alusión a Santiago e ó Pilar. Pero era breve.

     Así, en 1920, empezouse a cantar o himno actual, que ten letra de Barcia Caballero e música de Soler Palmer, mestre de Capela da Catedral.

     Como este himno fai somentes alusión a España, e a peregrinación hoxe é un feito universal, pensouse de poñerlleunha letra en latín, con pequenas modificiacións. Pero non callou aquilo.

     O himno actual adáptase moi ben ao camiñar do peregrino, e acae co balanceo do botafumeiro, que é o intre sobanceiro no que se canta.

     Ten unha dificultade no canto de primeira volta do será en España. Suprimindo esa volta (como dicía o mestre Pérez Rajoán)  acabábse con ese punto no que fallan os cantores non especialistas.

     Houbo, hai, outros himnos. Así, o que compuxo Pérez Millán aló por 1950, e máis o que se atribúe a Pérez Rajoán, estreado por 1957. Seguramente este himno Crucis aeques é do admirado Rajóan.

     Eu vinllo dirixir unha vez na Catedral e pareceume que o facía con particular emoción. Pero non lle gustaba a el proclamar a orixe das súas composicións.

     Estamos,, pois, na espreita dun himno xacobeo universal.

martes, 18 de mayo de 2010

LOUBEMOS A DEUS

 

     A liturxia católica expresa o seu gozo cunha palabra emblemática: aleluia.

     Así, en tempo de severidade litúrxica como é a Coresma, non se canta o Aleluia. Pero iso non quere dicir que deixemos a loubanza de Deus.

     Aquela fermosa e expresiva palabra, vennos do hebreo (como “hosanna”) significa “alabade a Iaveh”, a Deus. Acotío rezamos Laudes, que son loubanza, a primeira oración do día na Liturxia das Horas.

     Na lingua greaga hai o verbo qeu Laleo de cantigas en galego, na que se presentaba o texto bíblico dos salmos, traducían o aleluia clásico por ailalelo.

     Pois ben. Estamos entre o día da Ascensión do Señor e o día de Pentecostés. Remata así o ciclo pascual. Loubemos ao noso Deus.

Ailalelo

FINAIS DE CURSO

 

     Nestas datas do mes de maio, compre que pensemos nos nosos estudantes. Teñen por diante uns días, ou unha tempada que vai ser decisiva para eles e para as súas familias. Todos estamos pendentes, queremos un bo remate do curso para a mocidade estudante.

     Poida que vallan estes consellos, que nacen da experiencia dos que fomos, hai tempo, estudantes tamén.

     Primeiramente, hai que concentrarse. Deixar cousas, asuntos que alonxan o que agora é prioritario.

     O alumno debe saber distinguir o que é secundario e o que é nuclear, principal.

     Isto descríbese polo interese e traballo que tivo o profesor sobre os temas en cuestión de cada asignatura.

     Estou seguro que os profesores, ademais do traballo que fan na clase, non dudarán en axudar ao alumno que lle pida explicacións sobre calquera punto da materia que o profesor dea.

     Mesmo haberá compañeiros que estarán dispostos a aclarar algún asunto escuro que se nos poida presentar. Pois hai alumnos que durante o curso seguen as explicacións do profesor, toman apuntes, e agora teñen que facer un esforzo menor para vencer o curso. Estes, claro é, deben axudar ós demais.

     Todos comprenderán que o curso académico é coma unha liga de fútbol. Hai que ir gañando puntos, os que se poida, en cada partido, e así podemos chegar a campións.

     Adiante, pois, estudantes. Espéranvos as merecidas vacacións, que serán tanto máis felices, canto mellor rexa o resultado dos vosos exames. Felicidade, honra e satisfacción que serán para vós e para as vosas familias.

miércoles, 5 de mayo de 2010

DE CAMIÑO A SANTIAGO ATRAVESANDO RÍOS

Portomouro

 

     Imos e vimos de Compostela e poida que non nos decatemos do gran servizo que fan as partes o camiño para que poidamos peregrinar neste ano Santo e sempre, porque a capital de Galicia a todos chama.

     Daremos unhas breves notas sobre a ponte de Portomouro que, ésta, a actual, é unha obra arquitectónica moi vencellada á vila e concello de Carballo, como os nosos lectores de mediana idade, lembrarán.

     Os datos que vou ofrecer están tomados de estudos ben coñecidos como son os de Ferreira Priegue, Pérez Costanti, La Ilustración Gallega y Asturiana, e la Voz de Galicia.

     Remitíndose, pois, a estas fontes escritas, resulta que:

    - Unha vella ponte medieval comunicaba as terras das dúas bandas do Tambre.

    - No ano 1591, unha enchenta do Tambre, derrubou totalmente aparte.

    - Foi reconstruída entre 1.601 e 1.609.

    - No 1879, o Tambre desfixo un dos arcos da ponte. Deben ser reparado este arco porque

    - En febreiro do 1.883, as noticias da prensa son que una gran avenida de agua, con troncos, derribó el viejo presente de Portomouro.

    - A tradición local asegura que a vella ponte estaba un pouco máis arriba da actual, nunha paraxe que aínda hoxe chaman a ponte.

     - Seica levou tres anos facer a ponte actual.

     - No 1.885, La Voz anuncia que se fixo unha ponte de madeira, pola que pode pasar a xente, os cabalos e os carros, pagando unha pequena peaxe.Con isto, evitábanse os perigos de pasar o río en barcazas.

     - Finalmente, na sección de La Voz, titulada Hace cien años do día 29-V-1991, anúnciase a próxima inauguración da ponte de Portomouro.

     - Coidamos, pois, que sería naquel ano de 1891.

     - No ano 1.993, foi ancheada por necesidades do tráfico.

     - Conclusión: a ponte ten 129 anos.

     Que por moitos máis siga en pé, qa que é a meirande obra de inxenería civil de Dubra. Non hai nela unha gota de cemento. Todo é pedra ben labrada e asentada.

O puntal da obra, a luz dos seus anos e a firmeza dos pilares, son garante ante as grandes enchentas do Tambre.

miércoles, 28 de abril de 2010

De Carballo a Santiago

 

 

     Ir a Compostela neste Ano Santo, e sempre, é un obxectivo dos bergantiñáns, coma dos dubreses, amaiáns, ou dos veciños das terras do Ulla e Tambre.

     Feirantes, tendeiros, estudantes… para todos, Compostela foi unha cidade amiga. Clérigos e labregos tiñan alí o centro das actividades. Para Otero Pedraio, o paisano do rural ten nos seus camiños ancestrais un acceso dereito ás rúas da cidade do Apóstolo.

     Na entrada anterior deste blog, falamos do camiño que Pondal indicaba a Murguía para que este viñese desde Santiago a Ponteceso.

     Ese camiño, no traxecto de Compostela a Portomouro, non aparece concretado abondo, como quixeramos. Ante esta carencia, poderiamos preguntar se Pondal tería ido a Santiago pasando por Carballo e Bembibre.

     Na Cántiga 51 de “Queixumes dos Pinos” lembra Pondal a Anxerís, Buxán e ás Alturas de Portomeiro.

     Seguramente que o Buxán (sunto con Carboeiro e Oca)de que fala o poeta de Ponteceso, é unha aldea daa parroquia de Seavia, e non é o topónimo referido ao Concello de Buxán, que hoxe chaman Val do Dubra, que ten a capital en Bembibre.

     Pero as referencias a Anxerís e ás Alturas de Portomeiro son suficientes para soster que polo camiño, hoxe estrada, de Carballo a Santiago, tamén ía Pondal.

     Efectivamente, cando pasamos fronte ao santuario de Nosa Señora de Belén, se miramos ao horizonte que temos á man esquerda, veremos, na lonxanía, o Castelo de Portomeiro, e Pedraslongas, alturas que son, ou eran, marabilla da natureza, e agora aparecen sacrificadas pola desfeita de humanos intereses.

     Alí había grandes aglomeracións de rochedos, enormes penedos labrados polos ventos e augas de moitos séculos. Alí sentíanse presentes as idades xeolóxicas que conformaron a nosa terra, e tamén a historia do medievo.

     Pero deixando a tristura que nos dá ver o noso patrimonio natural desaparecido para sempre, volvemos a Pondal. A visión de P0rtomeiro, camiño de Santiago parecíalle “fuxitiva”. Así é, en realidade. Por pouco tempo pode contemplarse, indo de viaxe, aquela monumentalidade das montañas.

     Mais cando o noso bardo vai de Bembibre a Portomouro, séntese acompañado polo ríao Dubra, e escribe:

Por entre verdes campos

o Dubra vai correndo

o Dubra montesío

o Dubre verde e fresco

que nace nas montañas

de Erviñou e Arabexo

(Poesía Galega Completa II, edic. Sotelo Blanco, Poemas manuscritos, páx. 91)

     Isto manifesta o amor pondaliano pola terra Valdubresa, senlleira no camiño de Bergantiños a Compostela.

miércoles, 21 de abril de 2010

DE BERGANTIÑOS A SANTIAGO

 

Ponteceso

 

     O ambiente de peregrinación a Compostela, indo desde Bergantiños, fai que lembremos o camiño que en Agosto de 1865, propoñía Eduardo Pondal a Manuel Martínez Murguía, o gran escritor, esposo de Rosalía de Castro.

     Pondal estaba na súa casa de Ponteceso e quería animar a Murguía para que viñera visitalo.

    Cando Pondal escribe esta carta de invitación, xa levaba moitos anos publicado o mapa de Galicia de Domingo Fontán. Porque con este mapa era doado ir polos camiños da nosa terra. Quizáis Pondal pretende dicir (á marxe da Carta Geométrica de Galicia, de Fontán) cales eran os camiños máis seguros e transitables para vir de Santiago a Ponteceso.

     Chegados aquí, imos copiar literalmente o que Francisco Fernández del Riego nos di, en artigo publicado en La Voz de Galicia, no mes de xullo do ano 2000. Di así:

Contando con que realizase a viaxe, o poeta marcáballe o intinerario a seguir. Porque como non había estrada nin carruaxe, tería que ir a cabalo. Para iso debería coller a costa do Monte Pedroso, facendo camiño deica Porto Mouro sobre o Tambre. Desde este punto, a Páramos. Daquí a Porto Medal e a Castrís. Proseguiría logo por Agualada e á Mota. A andadura levaríao á Baneira, Allóns, e, ó cabo, a Ponteceso. Era ese, mesmamente, o itinerario que Pondal percorría cando estudiaba en Compostela.

     Remata aquía a cita que facemos do texto de Fernández del Riego.

     Velaí, pois, un camiño entre Bergantiños e Santiago, naqueles anos da segunda metade do século XIX, que moitos bergantiñáns percorreron.

jueves, 15 de abril de 2010

A MOCIDADE BERGANTIÑÁ PEREGRINOU A SANTIAGO

     A este arciprestazgo de Bergantiños correspóndelle ir en peregrinación a Santiago o domingo 18 de abril, polo serán.

     Hoxe queremos lembrar aquí unha peregrinacióin ou marcha ata Compostela, organizada en Carballo no pasado Ano Santo do 2004.

     Foi Senda Nova quen promoveu esta iniciativa.

     Polo que vemos no roteiro, trataron de facer un recorrido que fose proveitoso no eido cultural e relixioso, pois, no tríptico editado para os participantes, a saída foi en Carballo e a camiñata foi demorada e intelixente.

    De Carballo van á igrexa de Rus, expoñente da nosa arquitectura barroca e relixiosa.

     Seguen a Casal de Perros, preto daquela igrexa, e aquí admiran unha casona petrucial, con aires de pazo, onde nacera don Antonio Carracedo Viña, párroco que foi de Sofán moitos anos, ben coñecido en toda a bisbarra bergantiñá (supoño que aquí falarían do topónimo Pérros que aínda é unha incógnita para os nosos lingüístas)

     Seguen á igrexa de Entrecruces, ao santuario de san Paio da Debesa. Na férveda, presencian a baixada e batifondo das augas sobre o rochedo.

     Despois, igrexas de Anxerís, Tordoia, capela de san Xosé na Abelenda de Erviñou. Acamparon na carballeira que hai preto da igrexa de Benza, acollidos alí polo señor cura párroco, don Manuel Pontes García.

     Seguiron ás igrexas de Xavestre e Chaián. Visitaron a ermida de Augas Santas, nesta parroquia. Cruzaron o Tambre pola ponte de formigón feita haberá 25 anos e subiron a Compostela por terras que hoxe son do Polígono do Tambre, Boisaca, San caetano. Entran na cidade seguindo o Camiño Inglés.

      Camiñata, pois, confortable, na que o ecoloxismo e o deportivo, estiveron presentes. Un gran recordo deixaría nos excursionistas esta súa ida a Compostela.

     Ogallá outros fagan este recorrido ou un semellante.

     A pé , polas sendas do Apóstolo. Así é como se titula o programa que chegou ás nosas mans. Tivo que ser redactado por alguén que coñecía moi ben o traxecto, porque, por exemplo, ir á capela de san Xosé da Abelenda, en terras dubresas; ou ir á capela de Augas Santas en Chaián (concello de Trazo) supón ter gran coñecemento do routeiro.

     Quede constancia deste feito como sinal de que a mocidade bergantiñá ten degoiros pola arte relixiosa, pola natureza, e polo noso Apóstolo.

     Na Catedral gañarían o xubileo e xacobeo, abrazarían ao Apóstolo, darían a crocada no Santo dos Croques, pasarían a Porta Santa. Colofón feliz para unha boa camiñata. Parabens.

miércoles, 7 de abril de 2010

FELICES PASCUAS. ALELUIA

     O Pórtico da Gloria, nestes días da Resurrección do Señor, deixa oir o máis afinado concerto que dan os 24 anciáns que alí tanxen os mellores instrumentos do medievo.

     Hoxe, quen vai a Compostela, pode escoitar, se quere as melodías que os músicos tocan nas rúas da cidade. Son sucesores daqueles anciáns do Pórtico.

     Quizáis poidamos escoitar a modesta zanfona, sucesora do organistrum que tanxen entre dous, os músicos do arco central do Pórtico.

     Foron os cegos que tanxían ao pé de moitas igrexas, os que nos legaron a zanfona. Que nos tempos que andamos foi recuperada por Faustino Santalices Pérez, un avogado ourensán, que finou no 1960, con máis de 80 anos. Foi un musicólogo que, con Casto Sampedro traballou pola recuperación do cancioneiro popular.

     Aló por 1951 poidemos escoitar un disco daqueles de vinilo, no que, coa súa zanfona cantaba o Romance de “Don Gaiferos de Mormaltán”.

     Con voz e maneiras de cantor popular, como correspondía ó instrumento, Santalices empezaba dicindo que adicaba o seu cantar a Don Fernando Quiroga Palacios, arcebispo de Santiago de Compostela.

     Velaquí algunhas estrofas daquel Romance:

A onde irá aquel romeiro

aquel romeiro, ¿a onde irá?

Camiño de Compostela

non sei se alí chegará

(…)

I eu chámome don Gaiferos

Gaiferos de Mormaltán

se agora non teño forzas

meu Santiago mas dará

(…)

Gracias meu señor Santiago

ós teus pés tesme xa

se queres ti darme a vida

pódesma, señor, tirar

porque morrerei contento

nesta Santa Catedral.

 

Remata o Romance dicindo que don Gaiferos morreu na Catedral e o señor bispo alí o mandou enterrar.

sábado, 3 de abril de 2010

CHEGAMOS A SEMANA SANTA

Semana Santa

     Vivimos a Semana Santa deste Ano Santo Compostelán.

     Na Catedral, repuxeron xa, na chamada Torre da Carraca, o instrumento propio dos días de loito da Semana Maior. Cesa o sonido das campás, e teremos o berro estridente da carraca. Seica hai medio século que non funcionaba a carraca da Torre do Obradoiro. Os máis vellos lembramos quel son da vella carraca, que, asegún din, foi posta alí hai século e medio.

     Na liturxia tamén se manexaba unha carraca, en vez da campaíña. Todo era para expresar a dor pola morte do Señor. Así era, desde o gloria do Xoves Santo, ata o gloria da vixilia Pascual, que, nos vellos tempos, era o sábado pola mañá, desprazada da noite do sábado ao domingo, que é o lugar propio da celebracón, como agora temos recuperado.

     Por algunhas aldeas de Bergantiños había carracas de feitura caseira, que os rapaces poñían a funcionar neses días da Semana Santa.

     Chamábanlle “rélos”, que é unha palabra que leva a vibrante R, como unha voz onomatopeia do son recio primitivo do instrumento. Máis perceptible aínda cando dicimos “carraca”.

     Que estas manifestacións culturais e litúrxicas nos leven ao espíritu penitente da Semana Santa, na espectativa da Vixilia Pascual, cumio de todas as celebracións do ano.

martes, 23 de marzo de 2010

ANUNCIACIÓN A NOSA SEÑORA

    Frai Angélico. Anunciación

  Entre tantas celebracións que nos trae o Ano Santo Compostelán, poida que esquezamos que está correndo o Ano Bicenciano que empezou o 27 de septembro do ano pasado e rematará no vindeiro 27 de septembro. En tal día é a festividade de san Vicente de Paúl, fundador, con santa Luísa de Marillar, da que chamamos Familia Vicenciana, é dicir, os Sacerdotes da Misión, Voluntarias da Caridade, é Fillas da Caridade.

     O Ano Bicenciano foi establecido para conmemorar a morte dos fundadores, que tivo lugar no ano 1660. Hai, pois, 350 anos.

     Celébranse actos programados en París e en Roma, nas Basílicas de Nôtre Dame, e de San Pedro, respectivamente.

     O día da Anunciación a Nosa Señora, que é pasado mañá (25 de Marzo), é o día da renovación anual dos votos que fan as Fillas da Caridade.

     A súa presenza en tantas partes do mundo, atendendo hospitais, escolas, orfanatos, misións… fainas tan populares e queridas que son coñecidas como “monxas”, anque estrictamente non o sexan. O importante é a súa dedicación a tantas necesidades que na vida hai.

     Carballo conta con un grupo de Fillas da Caridade desde hai xa máis de 50 anos. Van ter a renovación dos votos e algunhas sairán para León, onde practicarán exercicios espirituais durante a Semana Santa.

     Un escritor tan prolífico e famoso como é Víctor Hugo, francés, do século XIX, na súa obra Los Miserables, afirma que o progreso humano depende da educación e da misericordia. Preséntanos aquel autor a sor Simplicia, Filla da Caridade. Era unha persoa (di Víctor Hugo) tan amable que parecía fráxil, pero era máis forte có granito. Tocaba ós desgraciados cos seus dedos delgados e perfectos. Había algo silencioso na súa voz, falaba tan só o necesario. Vestía pobremente, era un recordo continuo de Deus. O seu sorrir e a súa mirada eran trasparentes…

     Velaí, en palabras de Víctor Hugo, o que son as Fillas da Caridade. Que Deus nolas conserve e acrecente.

jueves, 18 de marzo de 2010

Por San Xosé lembramos o Seminario

   Fachada do Seminario Maior de Santiago

 

  Co día de San Xosé, que sempre cae na Coresma, etán de onomástico moitos cristiáns que levan o nome de Xosé ou Pepe, e correspondentes femininos de Xosefa, Xosefina, Fina ou Pepa.

    Pero queremos lembrar que por San Xosé temos una nosa diocese o Día do Seminario. Cando falamos do Seminario Diocesán, estámonos referindo a ese centro vital da igrexa de Santiago no que se forman, con estudio, disciplina e oración, aqueles que han de ser un día sacerdotes, nos cargos e misións que dispoña o prelado compostelán. Todos os sacerdotes temos pasado polo Seminario e levamos connosco os mellores recordos da nosa vida, que foron modelando e definindo a nosa vocación sacerdotal. Disto, xa hai tempo.

     Pero aquí en Carballo e na súa Unidade Parroquial, tivemos a axuda de seminaristas que colaboraron algún tempo antes do seu sacerdocio. E aquí tamén foron eles tomando experiencia do que ía ser a súa próxima misión.

     Lembramos a Don Eduardo Prado que chegou aquí ós poucos días de ser ordenado sacerdote, substituíndo a Don Manuel Rodríguez, cando foi para Betanzos.

      Don Manuel García Souto, hoxe párroco de santa Baia de Curtis, coñecida como Teixeiro. Alíi tamén atendo o Centro Penitenciario.

     Don Xosé Sánchez Piso, que leva cinco parroquia en terras da Ulla, aló por Lestedo, onde naceu. Tamén é profesor de Química no Seminario Menor. Estando en Carballo acadou o grado de doutor nesa disciplina. Agora, ademais, é arcipreste e membro do Consello Presbiteral, por elecciónn dos compañeiros.

     Don Pauolo Carou Barros, natural de Santiago, hoxe Vicario Parroquial de San Antonio, parroquia da Coruña. Licenciado en Historia da Arte, compañeiro de mario Cotelo Felípez, tamén coñecido en Carballo.

     Don Daniel Pérez Espasandín, que aquí estivo como diácono e segue como Vicario Parroquial cunha dedicación preferente para coa mocidade, pois el tamén é aínda mozo entusiasta.

     Temos agora a Don Alberto Lema, que vén desde A Coruña para colabroar nos fins de semana. Licenciado en ciencias Económicas é un seminarista cheo de bondade, ilusión e encanto. Unha bendición de Deus.

miércoles, 10 de marzo de 2010

TEMOS VISITA!!!!

     Unha boa nova recibimos todos esta semana pasada. Benedicto XVI vai vir a Compostela no mes de San Martiño. Concretamente, o día 6 de novembro. Vén, dixo el, como un Peregrino da Fe. Crese que a súa presenza entre nós sexa austera e sinxela. Isto van telo moi en conta os que organicen os actos da chegada do Santo Padre.

     En novembro do 1982, no día 9 de tal mes, chegaba a Santiago Xoán Paulo II, como Testigo de Esperanza. Percorrera toda España, e remataba a súa estadía acó en Compostela. Lembrades aquela alfombra floral que os de Ponteareas compuxeron ante a fachada do Obradoiro. Desde Lavacolla, o papa saíu para Roma,  despedido poloso Reis de España.

     Pois ben. Benedicto XVI vindo a Compostela, cumpre un dos seus vellos proxectos. Sendo cardeal, fora invitado a dar unha conferencia no Centro de Estudos Teolóxicos a Santiago, e tiña pensado vir, pero non se que cousa se terciou e non puido ser. Estivo varias veces en España, unha vez, como papa, en Valencia. Agora, en Compostela e Barcelona. Ano Santo en Santiago e consagración do Templo da Sagrada Familia en Barcelona.

     Este gran santuario empezou a construirse haberá 200 anos. O cardeal Martín de Herrera nomeara unha Xunta para edificación dese templo, e así elaborar desde Santiago. Esa obra de Gandi, senlleira entre tantas que este arquitecto deixou en Barcelona, leva pezas de cantería galega, labradas tamén aquí na nosa terra. Coidamos que o fervoroso arquitecto un día será proclamado santo.

     Acollamos a Benedicto XVI. El ten como misión suprema confortar e animar na Fe, como o Señor dixo a pedro, na Última Cea. Hoxe, no medio de tanto laicismo e indiferenza ha de haber un despertar da nosa vida cristiá, como o santo Padre quere e pide a Deus para todos nós.

viernes, 5 de marzo de 2010

O DÍA DA MULLER

     O día oito é o Día da Muller traballadora. Ben sabedes que o día 8 de Marzo de 1908, 146 mulleres que protestaban en Nova York polos baixos salarios nunha fábrica de téxtil, foron calcinadas polas bombas incendiarias que lanzou a policía.

     Lembremos á nosa muller galega que traballaba na casa, criaba os fillos e tamén traballaba nas leiras.

     Á muller do emigrante, que facía fronte á vida ela sola.

     Ás avoas dos matrimonios emigrantes que fixeron de nais para cos seus netos.

     Á muller do mariñeiro, tanto o que pescaba en alta mar coma o de baixura. Mulleres estas, moitas veces viúvas, polos naufraxios que enchían de dor e bágoas os nosos peiraos galegos.

     Ás mulleres “viúvas de vivos” que dixo Rosalía. Porque había un océano de por medio que impedía a comunicación.

     Mulleres, en fin, que pola súa condición feminina, hoxe, ou non atopan traballo, ou reciben un salario menor.

     Unha lembranza garimosa para ás nais solteiras, víctimas do desamparo, abandonadas, esquencidas, pero que poñen todo o seu amor en criar, educar uns fillos que teñen dereito a recibir axuda, amor compartido, dos pais.

     Galicia ten nome de muller, porque é unha terra traballadora, farturenta e chea de vitalidade, anque marxinada terra de tantas mulleres traballadoras que o día 8 de Marzo quere homenaxear.

miércoles, 24 de febrero de 2010

HOMENAXE A ROSALÍA

    

O día 24, cúmprense 173 anos do nacimento da nosa poetisa Rosalía de Castro. Neste ano 2010, aló polo mes de Santiago, cumpriranse 125 anos do pasamento da escritora en Padrón.

     Vedes, pois, que finou moi nova, tiña 48 anos.

     Polos datos que conqueriu Bouza Brey, insigne rosaliano, Rosalía nacera nunha casa que había en Santiago na converxencia das rúas Rosalía Castro e Vilagarcía. Agora alí hai un monolito que fai lembranza do acontecemento.

     En Padrón quéixanse, pois levaron para Santiago os restos mortais de Rosalía, sepultados no camposanto de Iria, e tamén levaron (din en Padrón) o Corpo de Santiago. Por isto reclaman o debido protagonismo neste Ano Santo, como “vila berce do xacobeo”.

     Hai outra celebración nos vindeiros días. No primeiro de marzo temos a festividade de San Rosendo. En tal día do ano 1953, o cardeal Quiroga puxo a primeira pedra do Seminario Menor, en Belvís.

     Gran colaborador do cardeal para lebar adiante esa obra, foi don Modesto Anido Grela, profesor do Seminario moitos anos. Don Modesto, polo seu caracter humanista e conciliador, resolveu difíciles papeletas na vida do Seminairo.

     Entre elas, esta de acadar espazo abondo para o empazamento do novo Seminario.

     Don Modesto, natural de San Martiño de Cores, finou haberá trinta e un anos. Recibiu sepultura na súa parroquia natal. Co seu patrimonio favoreceu ao Seminario e tamén a obras de caridade na súa terra bergantiñá. Rendimos homenaxe a este ilustre testimonio da Fe cristiá, membro do presbiterio compostelán, como outros familiares seus, da parroquia de Cores.

O ENTROIDO DE BERGANTIÑOS

carnaval

     O martes do Entroido é o cume dunha temporada que ten calendario propio. Un tempo no que poñemos o mundo ó revés; rimos de nós mesmos, poñemos en solfa moitas cousas da nosa vida diaria.

     As bisbarras galegas teñen o seu propio Entroido, coa súa coreografía, costumes e traducións. Velaí unha pequena quenda de acontecementos no Entroido:

     Domingo de rapaces, domingo leiro, domingo oleiro. Xoves de compadres, domingo corredoiro, xoves de comadres, enterro da sardiña.

     Don Antonio Fraguas, tan estudoso da nosa etnografía, recolleu moita literatura do Entroido. Aquí, en Bergantiños, foron moi sonados os chamados Testamento do Entroido, que eran sátira imaxinativa.

     Non temos acó peliqueiros nin cigarróns, senón “vellos” e “madamitos”. Anque a globalización vai borrando as fronteiras culturais.

     As laioadas, filloas, orellas… e toda a arte culinaria galega, ainda se manten nos nosos días. Pero celebracións festivas, xa notamosinfluencias do Carnaval de Cádiz, de Tenerife ou mesmo do brasileiro.

     En principio, todo era un exceso anunciador da Coresma, que era certamente rigorosa, esixente.

     Pois non esquezamos isto. A farra, o humor, a son tamén necesidade humana. E como crentes cristiáns aspiramos a unha transformación para mellor, coa oración, caridade e penitencia, para chegáremos así mellorador á Pascua de Resurrección do Señor.

miércoles, 10 de febrero de 2010

O DÍA MUNDIAL DO ENFERMO

image     

Como escribiu Lope de Vega naquel formoso soneto que lle mandara facer Violante, nós podemos dicir que, “burla burlando” imos entrando na mitade de Febreiro.

     O día 11 é a celebración de Nosa Señora de Lourdes en Xoane, parroquia de Goiáns. Teñen alí capela pequeniña, si, pero moi ben restaurada polo ánimo que a aquela veciñanza infundiu o moi recordado Don Manuel Rodríguez, experto en reparacións das nosas igrexas, como o demostrou alí por onde pasou. Lembremos as parroquias, de Aldemunde, Oza e Goiáns, que son testemuñas do ben facer, e do ben dirixir de Don Manuel, hoxe párroco de Betanzos.

     Ben. Pois en tal día 11 celebra a Igrexa a Xornada Mundial do Enfermo. Os que foron a Lourdes en calquera das peregrinacións que, cada ano, organiza a parroquia de Carballo, por exemplo, ben sabedes da moitedume de enfermos que alí acuden levados por familiares, monxas, sacerdotes, que piden a protección de Nosa Señora.

     Nunha estampa atopo esta “Oración del Enfermo”:

“Hoy, Señor, cuanto más me pesa la enfermedad, cuando la vida acelera su ritmo y mi caminar se hace lento me dirijo a ti confiado.

     Necesito encontrar tu apoyo, sentir la presencia discreta de tu amor, en tantas personas que se acercan, me ayudan y consuelan, acompañan mis pasos inciertos y me empujan a la esperanza.

     Gracias, Señor, por todos los que se acercan a mi vida. Bendícelos, Señor, con tu amor”.

martes, 2 de febrero de 2010

FALANDO BEN

 

     Estamos no medio e medio do inverno, pero esta festa de hoxe é unha lembranza dos pasados días do Nadal.

     Celebramos a Presentación de Xesús Neno no Templo de Xerusalem. Como había que facer asegún a lei de Moisés.

     A nai entregaba o seu neno a Iahveh, e o sacerdote devolvíallo confiando que a nai faría do seu neno un bo israelita.

     Traducido isto ós nosos días, xa dentro da lei do Evanxeo e na liturxia católica, temos que as nais repiten no templo parroquial o compromiso da hora do bautizo, como foi, xunto cos pais e padriños, o de seren garante da educación cristiá dos nenos bautizados. Por iso a Igrexa, confiando nese compromiso, imparte o sacramento primeiro da vida cristiá.

     Examinémonos todos, porque, anque maiores, os bautizados estamos comprendidos nesa palabra que deron os nosos pais e padriños naquela hora de feliz memoria. Debemos cumprir os santos propósitos dos nosos antergos.

     E tamén estamos ás portas do San Brais. Outro santo habitual nas nosas parroquias. Anque oriental e lonxano no tempo, invocámolo para os males da gorxa, tan frecuentes nas humidades dos nosos invernos.

     Se ademais de coidar a gorxa, sabemos empregar a lingua, falando ben e con respeto aos demais, velaí unha boa homenaxe a San Brais, bispo e mártir.

viernes, 29 de enero de 2010

DÍA DA NON-VIOLENCIA

     Cada 30 de xaneiro celébrase o Día da Non-Violencia e a Paz. É unha celebración civil, con gran resoancia nos colexios.

     Está motivada porque nese día do ano 1948 foi asasinado Mohandas Gandhi, que foi un lider do autogoberno da India, pero loitou sempre pacíficamente, cunha resistencia pasiva. Loitou pola convivencia pacífica entre hindúes e musulmáns. Foi un admirador de Cristo e do Evanxeo. Pero tamén se queixaba dos cristiáns que non cumprían coa Fe que dicían profesar.

     Ademais desta celebración os católicos temos o Día da Paz instituído polo Papa Paulo VI.

     Quixo el que o día primeiro do ano fose para pensar na Paz, como un ben, un dereito e un don que se constrúe polos humanos. No primeiro de ano, aínda resoan as palabras da mensaxe de Nadal: “Gloria a Deus no ceo e Paz na terra para os homes de boa vontade, para os homes de boa fe, para os homes que Deus ama”.

     Caben as tres traducións. Pois ben, aprestémonos a construir a Paz. Que debera ser misión prioritaria dos crentes.

     Paz no mundo, nos pobos, e na conciencia de cada quen, como nos dixo aquel papa tan amado, que foi Xoán XXIII. Paz, consecuencia da xustiza, como ensinou Pío XII.

viernes, 22 de enero de 2010

A FESTA DE SAN VICENTE

San Vicente

     Seguindo a costa deste mes, temos a axuda de San Vicente, con festas na Graña-Cospindo, e tamén en Rial e Niveiro, no Val do Dubra, e Cuns, en Santa Comba. San Vicente forma nese conxunto de diáconos mártires que aparecen como patróns de parroquias da nosa terra. Así, os outros dous son: San Lourenzo (Agualada, Verdillo); e San Estevo (Goiáns, Morás, Malvárez, Anós, Cesullas).

     Nos tres casos as imaxes van con dalmátia e levan na man a palma da victoria sobre o perseguidor, a chamada palma do martirio.

     Vimianzo tamén ten a San Vicente por patrón. Alí, igrexa nova feita en tempos de Don Manuel Arjomil, sacerdote natural daquela vila, qu despois foi párroco de Santa Lucía na Coruña, e finou haberá 18 anos, xubilado.

     Despois, en Vimianzo, foi párroco don Francisco Couto Anido, de familia moi sacerdotal, oriunda de San Martiño de Cores. Completou a obra da nova igrexa, finou haberá dous anos, xubilado, en Santiago de Compostela.

     E así van sucedendo as festas e os párrocos. Todos deixan a súa pegada benfeitora nas freguesías polas que pasan.

     San Vicente, Vicencio tamén chamado, é o vencedor do tormento.

     Na liturxia pídese que os nosos corazóns teñan aquel amor a Deus que axudou ao noso santo a superar os tormentos, no martirio.

martes, 12 de enero de 2010

SAN PAIO DE XANEIRO

     E agora que? Despois de tantas e importantes celebracións parece que quedamos un chisco desorientados. Hai que reemprender a vida de acotío o traballo diario. E costa, si.

     Xaneiro é o mes que na antiga Roma adicaban ao ídolo Xano. Tiña dúas caras, unha para diante, outra cara atrás. Así nos pasa con este mes, ten a ledicia do Aninovo, a festa dos Reises Magos, a alegría dos nenos e dos pais… Pero hai que volver a un tempo pouco solemne, anónimo, pero que é moi fructífero: estudo, traballo, catequese… temos que mobilizarnos todos.

     Festas en Xaneiro? Si, tamén as hai. Velaí o San Paio da Devesa, preto da Férveda, coa súa capela gótica na bóveda, barroca no retablo.

     Hai o San Paio en Goiáns, onde o santo medita austeramente sobre dunha pedra, co crucifixo na man.

    Hai o San Paio de Coristanco, parroquia onde veneran este San Paio primeiro ermitán, e máis o San Paio, o neno martirizado, que ten festa no mes de San Xoán, e vén sendo o patrón da parroquia.

     Haio o San Paio de Niveiro, que tiña capela no monte, e unha valiosa imaxe que trouxeron para a parroquial. Imaxe que roubaron haberá case corenta anos, pero agora trouxeron outra semellante a aquela.

     San Paio de Xaneiro! Invoquémolo como remedio dos nosos males; toses, reuma, gripallada.

     Santiño simpático que aleda a dureza deste mes de Xaneiro.

sábado, 9 de enero de 2010

CHEGOU O ANO SANTO

 

     Como dixo un político: Agora xa estamos no futuro. Estamos no Ano Santo.

     Foron moitos os galegos que asistiron a ceremonia da apertura da Porta Santa. E foron moitísimos máis os que viron a ceremonia por tv.

     Todo estivo moi ben organizado. Fieis, sacerdotes e bispos deron solemnidade a un acontecemento que poucas veces é doado presenciar.

     O cabido e o concello de Santiago puxeron nas mans dos asistentes un album explicativo, de moito gusto e bo deseño, que valeu tanto para seguir os actos con devoción, como para ter un recordo do comezo do Ano Santo.

     O Sr. Arcebispo que ten senlleiras facultades para desenvolver a súa misión, como políglota que é, falou en cinco idiomas á moitedume congregada. E vai ter que votar man deste don para comunicarse cos peregrinos que van vir a Santiago neste ano da Gran Perdoanza. Parece que volven aqueles tempos nos que, como di o Códice Calixtino, resoaban na Catedral todas as falas que había nos diversos países da Europa que empezaba a sentirse continente cristián.

     Algo esperabamos que aínda non chegou. Coidabamos que antes do empezo do Ano Santo iámos a ver o nome do bispo auxiliar de Santiago. Porque, certamente, o Sr. Arcebispo, o Dr. Barrio Barrio, precisa axuda.

     Quizáis non sexa fácil atopar quen poida acompañar a don Xulián nos deberes que o Ano Santo impón ao Prelado da arquidiocese de Compostela.

     Esperemos a ver se os Reis Magos resolven este asunto.

     Esperemos.

lunes, 4 de enero de 2010

ENTRANDO NO ANO SANTO…

    

Chegados ao remate do ano, cómpre que as nosas parroquias feliciten e pidan un ano bo e próspero para todos. E como é Ano Santo, encomendemos á intención do noso Apóstolo Santiago todo canto de boas novas nos veñan co ano 2010, e tamén as novas non tan boas, para que poidamos levar todo en paz e graza de Deus.

     Pois si, a presenza do Apóstolo vai enmarcar estes días.

     Primeiramente, o día 30, a igrexa compostelá celebra a Traslación do Corpo de Santiago a Compostela. O día 31 ten particular solemnidade, pois é cando se abre a Porta Santa, polo tanto a inauguración do Ano Santo.

     Esta ceremonia da Porta Santa ten un rito moi distinto do que se segue en Roma na apertura da Porta Santa da basílica de san Pedro.

     Ven o vistes cando empezou aquel Ano Santo Romano do 2000. O papa Xoán Paulo II foi empuxando coa súa man a porta que estaba pechada, e así foi abrindo.

     En Santiago temos un valo ou parede de pedra pizarra co que se cerra provisionalmente a Porta Santa. Cando o arcebispo dá a terceira martelada, aquela parede derrúbase cara ó interior da Catedral. Entra despois do arcebispo, os novos peregrinos, que son os da comitiva catedralicia e máis persoeiros. Todos queren coller aquelas pedras lanchas, ben formadas, para teren un recordo da ceremonia.

     Despois, mesmo parecen nos comercios de recordos pedras que din ser das da Porta Santa.

     Non é necesario para gañar o xubileio, pasar pola Porta Santa.

     Haberá moitos peregrinos en Compostela. Xa os ven habendo en calquer ano. Pero O Ano da gran perdoanza (como dicían antano) é este que imos comenzar. Acollámolo con gozo.