martes, 16 de noviembre de 2010

Peregrinos a Compostela

    A Catedral de Santiago e os camiños que a ela levan rebordan de peregrinos.

     As esixencias da peregrinaxe noutros tempos, facían que o peregrino se cubrise de chapeo de á ancha.

     Levase unha túnica ampla, coma a que fixeron popular os franciscanos, capa con esclavina e sandalias.

     Levaban o macuto, un bordón como defensa de animáis silvestres e apoio para camiñar. Naquel bordón unha cabaza para levaren auga fresca, por iso non podía aquela especie de cantimplora ir pegada ao corpo. Disque algunha vez, levaban viño para ter máis ánimos.

     Volvendo de Santiago, o peregrino levaba o sinal da súa estadía na cidade. Probara as vieiras, e levaba as cunchas pegadas no traxe.

     Así, a venera, onde nacera Venus, asegún a vella mitoloxía, pasou a ser vieira, de vía, é dicir, camiño.

     En Santiago aínda hai a rúa dos Concheiros, que é onde os peregrinos que viñan polo camiño francés, podían probar vieiras e mercar as conchas. E moitos apelidos hai derivados dese costume, son os Concheiros.

     O fenómeno da peregrinaxe tivo dúas consecuencias ben visibles. Unha, a construcción de pontes e hospitais. Outra, a construcción de igrexas.

     Tamén así naceu a orde militar chamada Cabaleiros de Santiago para defensa dos peregrinos.

     En Santiago estaba o Gran Hospital Real, que acollía a peregrinos enfermos. Algúns, a pesares da atención prestada, alí morrían e recibían sepultura no camposanto (hoxe xardín) que hai tras o edificio do Palacio de Raxoi.

     Despois de tanto camiñar, con suor e pó, os peregrinos queimaban a roupa vella, quizáis afectada por pestes e enfermidades, na chamada Cruz dos Farrapos, da catedral.

     E así torna ás súas casas cheos de ledicia os peregrinos xacobeos.

A Porta Santa

 

     Entrando pola Porta Santa, podemos ver a figura de Santiago Peregrino, acompañado dos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Van vestidos como ordena a tradición.

     Pero teredes visto outro santo, tan popular como é san Roque, que vai talmentes como un Santiago Peregrino. Distínguense ben porque san Roque leva un canciño de par, amosa o santo a súa chaga na perna.

     San Roque era de Montpellier, por onde pasa o Camiño Francés. Ser peregrino era mostra de bo crente, o peregrino era moi ben visto polos reises, moi protexido polos bispos. Certo que tamén había falsos peregrinos, rapiantes, dos que había que arredarse. Isto pasou, e pasa, en toda romaría.

     Que o botafueiro fose para contrarrestar o cheiro de tanta xente que chegaba á Catedral, non pasa de ser unha interpretación popular. Abrindo as portas da basílica deseguida se renovaba o ar.

     O incenso do botafumeiro era adoración, dedicación de toda a moitedume ao Santo Apóstolo, rezaban con fervor. Mesmo o edificio todo da santa Catedral, era unha ofrenda a Deus, coa intercesión do Apóstolo.

     O botafumeiro, que tamén o había noutras catedrais (por exemplo, na de Ourense) evolucionou. Un exemplar que hoxe temos é do século XIX. Pesa uns 58 quilos. Outro exemplar é do século XX, resulta algo máis pesado. Seica ós tiraboleiros lle resulta menos doado ter que movelo.

     E se ides á Praza do Obradoiro, seguramente veredes un peregrino, moi querido en Santiago. É un natural da cidade que adoita estar por alí para recibir, saudar e fotografiarse, co seu traxe tradicional, con cantos llo pidan.

Santiago Peregrino

     

No Santiago Peregrino temos a imaxe máis querida entre as que representan ao noso Apóstolo. Con razón Castelao dicía que ese é o noso, mentres que do Santiago Cabaleiro dicía que era o deles.

     O Santiago Cabaleiro aparece vencellado á Batalla de Clavijo no ano 884. Alí prestou axuda ás tropas de Ramiro I que se enfrontaban ós musulmáns.

     Nas nosas igrexas hai imaxes do Apóstolo dacabalo. Tamén é a figura acrótera que señorea o Palacio de Raxoi en Santiago. Non é, certamente, unha representación ecuménica. Pero hai que entender os tempos.

     Os Libros de Caballería son unha importante producción cultural na España medieval. Cervantes, co seu Don Quijote expuso as meirandes aventuras dun entusiasta cabaleiro. Quería desfacer entuertos, loitar pola xustiza, polo ben… anque, o pobre, tivo moitos contratempos. Todo foi motivado pola lectura de libros de caballerías que lle secaron o cerebro. Don Quijote era a ilusión. Sancho, o práctico, cómodo, previsor.

     Polo tanto, Santiago Apóstolo, se tiña que ser grande naqueles tempos, tiña que ser cabaleiro e comportarse como tal, contribuíndo á liberación da nosa España.

     Nos tempos que andamos, temos as cidades cheas de monumentos, estatutas, onde os grandes persoeiros aparecen en briosos cabalos. Cántas veces temos admirado máis a beleza, o andar, a nobreza do cabalo, ca o cabaleiro. O equino é un animal heráldico tantas veces manipulado para dar a fama a un persoeiro que non merecía tanto.

     Nós, seguimos chamando caballero a todo aquel que é home de palabra, honrado, servicial.

     Co devandito, interpretemos tolerantes ao noso Santiago Cabaleiro.