jueves, 4 de junio de 2009

AMAR E RESPECTAR O MUNDO CREADO



Cada cinco de xuño, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente. Falta nos fai unha xornada así para que meditemos sobre o noso planeta, a nosa casa, na que tamén vivirán as próximas xeracións.

Cambio climático; subida do nivel do mar que asolagará poboacións que están á beira do mar; perda de especies, tanto de animais como de plantas... son consideracións que os ecoloxistas e os expertos en Natureza, a cotío nolas poñen diante de nós.

Pero nós mesmos podemos ver que maltratramos árbores e xardíns, a pesares de que a primavera quere reverdecer, encher todo de vitalidade.

Vense poucas anduriñas, xa botamos de menos o canto do cuco, que deberían sentirse entre marzo e abril como di o refrán.
As gaivotas andan por terra adentro. Comercio de animais en perigo de extinción; mascotas fóra do seu habitat. O xabarín é o terror dos nosos labregos.

Botamos papeis e bolsas de plástico na rúa; enchemos de porcallada ríos, fontes e mares; o "botellón" deixa abraiados os traballadores da limpeza; o lume no monte é unha praga que arruína a nosa terra galega. Motocicletas e coches hai que, co seu estrondo, deixan xordos, tanto ós veciños coma ós propios conductores.

Os crentes temos unha obriga especial, unha razón engadida para amar e respectar este mundo creado, conducido na súa evolución pola man de Deus Creador. Mansión esta que foi morada do Señor Xesús, e de cantos nos precederon, que nos deixaron un patrimonio a conservar e agradecer a Deus.

A BOA NOVA EN RADIO VOZ BERGANTIÑOS





Aquel xoves que "relucía máis cao sol" (o día da Ascensión) pasa ao seguinte domingo. Esixencias do mundo laboral ao que non lle prestan os días festivos no medio da semana. Pero o misterio seguimolo celebrando. A Ascensión do Señor vén sendo o complemento, ou segunda parte da Resurrecciónde Cristo. En tal día, a Igrexa celebra o Día das Comunicacións Sociais, por aquilo do mandato do Señor: "Ide ao mundo enteiro e pregoado a Boa Nova", mandato que se le no Evanxeo da Ascensión do Señor.

Así, a Igrexa, os cristiáns, temos que ser pregoeiros da Mensaxe de Xesús. Como fixeron os Apóstolos. Hoxe, por medio de follas parroquiais, radio e T.V., a Igrexa está presente na sociedade.

A emisión relixiosa de Radio Voz en Bergantiños, ten que agradecer a acollida que cada semana nos ofrece RADIO VOZ; a amabilidade da dirección e locutores que veñen prestando a súa competencia e servizo para que a emisión poida chegar aos oíntes. Sen esquencer aos técnicos que atenden a parte máis oculta, pero totalmente imprescindible, para que os mecanismos estean a punto e a nosa voz poida ser escoitada comfortablemente.

Non falta moito para que se cumpran as Vodas de Prata da emisión. Por iso, queremos multiplicar o noso agradecemento, por tantos anos de colaboración.