jueves, 4 de junio de 2009

AMAR E RESPECTAR O MUNDO CREADO



Cada cinco de xuño, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente. Falta nos fai unha xornada así para que meditemos sobre o noso planeta, a nosa casa, na que tamén vivirán as próximas xeracións.

Cambio climático; subida do nivel do mar que asolagará poboacións que están á beira do mar; perda de especies, tanto de animais como de plantas... son consideracións que os ecoloxistas e os expertos en Natureza, a cotío nolas poñen diante de nós.

Pero nós mesmos podemos ver que maltratramos árbores e xardíns, a pesares de que a primavera quere reverdecer, encher todo de vitalidade.

Vense poucas anduriñas, xa botamos de menos o canto do cuco, que deberían sentirse entre marzo e abril como di o refrán.
As gaivotas andan por terra adentro. Comercio de animais en perigo de extinción; mascotas fóra do seu habitat. O xabarín é o terror dos nosos labregos.

Botamos papeis e bolsas de plástico na rúa; enchemos de porcallada ríos, fontes e mares; o "botellón" deixa abraiados os traballadores da limpeza; o lume no monte é unha praga que arruína a nosa terra galega. Motocicletas e coches hai que, co seu estrondo, deixan xordos, tanto ós veciños coma ós propios conductores.

Os crentes temos unha obriga especial, unha razón engadida para amar e respectar este mundo creado, conducido na súa evolución pola man de Deus Creador. Mansión esta que foi morada do Señor Xesús, e de cantos nos precederon, que nos deixaron un patrimonio a conservar e agradecer a Deus.

No hay comentarios: