martes, 21 de junio de 2011

Festas en Carballo

    

Agora, san Xoán. Sol no alto da bóveda azul celeste, carabeis nas silveiras, pelitroques, verdes espadanas.

     Días longos, boa temperatura. Vacacións para profesores e escolares.

     Hai un rexurdir de lendas, tanto na noite como pola mañá desde día de san Xoán. Penedos, rochedos, fontes, lagoas… todo está bendicido pola festa de san Xoán.

     En Carballo hai valiosos cadros co san Xoán bautizando a Xesús no Xordán. Hai así mesmo imaxes de tamaño medio, moi fermosas, nas que o santo vestido como un severo profeta, está sinalando ó Año de Deus, que leva na man esquerda, sobre a Biblia; ou ben está sinalando ó año que está cabo do santo.

     Como patrón, vai diante abrindo camiños, sendo pois precursor dos outros días das festas patronais: seguen o Santísimo Sacramento, que irá sobre alfombras florais compostas pola devoción carballesa nas rúas da vila. Rematarán as festas coa adicada á Virxe Mariñeira, a do Carme, como ten que ser nunha vila que ten factoría de nivel europeo traballando con productos do mar; e concello que no linde norte ten praias e urbanización que no verán son verdadeira atración turística.

     Boas festas teñamos todos!