martes, 20 de septiembre de 2011

Rematando Setembro

 Vista lateral del convento de las Madres Mercedarias

Santiago de Compostela

Mañá e día de San Mateo, un apóstolo e evanxelista que moito nos instrúe a todos no seu evanxeo que este ano precisamente, o seu texto lémolo cada domingo.

     Non hai moitas imaxes do santo. Haina, sí, na Agolada e no coro dos apóstolos que aparecen no retablo maior de Seavia. Agora tamén nunha vidreira das postas hai pouco na igrexa parroquial de Carballo.

     O día 24 temos unha celebración que trae felicitación para todas as Mercedes. Nome real, pois foi o da esposa de Alfonso XII que o deixou viúvo e isto dou pé a unha célebre película. Mercedes era tamén a nai do rei Xoán Carlos.

     Como fundador da orde da Mercé era catalán, San Pedro Nolasco, nesas terras ten moitos devotos Nosa Señora da Mercé. En Santiago hai un artístico convento de mercedarias. De mercedarios foi o convento de Conxo. Adicada a Virxe da Mercé hai na aldea de Lapido, parroquia de Ortoño, unha ermida, agora restaurada, que Rosalía de Castro visitaba cando, de nena, morou na veciña aldea de Castro. Por iso visitaba Rosalía á Nosa Señora da Mercé que había en Conxo. Todo isto sabíao ben, e contóunolo, o padre Placer López, mercedario, natural de Pontedeume.

     Temos, asimesmo, o Día do Alzheimer. Este ano anúnciase unha vacina contra este mal creada por médicos galegos. Sexa benvida

ROMARÍAS EN SETEMBRO

Mediado setembro e xa co sol moi baixo e as praias non tan concorridas e co inicio do curso escolar, temos festas que cómpre repasar:

  • A Exaltación da Santa Cruz lévanos ao castro de Santa Irene, que chaman, na parroquia de Lema.

A visión do mar, a belísima panorámica que alí contemplamos, fai que esteamos ante unha das máis fermosas paraxes de Bergantiños.

  • A Memoranza da Cruz do Señor, lévanos a ter tamén unha conmemoración de Nosa Señora das Dolores.

Moi fermosa romAría en Castrís e tamén celebración pola Cofradía das Dolores en Carballo.

  • Quédanos Santa Eufemia. A devoción a esta santa chéganos de Ourense, é venerada en moitas parroquias galegas. Así, en Vilouchada, onde houbo un mosteiro, é en Leira. Isto en terras de Órdenes.

Máis acó, temos festas de santa Eufemia na Capela de Ramil, en Rus, e na parroquial de Bértoa.

Seguramente o nome da santa, que se refire a falar ben (eufemismo) foi o que motivou a súa popularidade; así como o traballo pastoral nas igrexas para que todos falasemos ben, tanto a Deus coa oración (e lonxe das blasfemias) como do noso próximo. Santa, pois, esta Eufemia, que nos pide ser amables coa nosa palabra e pregoeiros da Palabra de Deus, que é o Evanxeo.