jueves, 25 de septiembre de 2008

ESTIVEN NO CÁRCERE E VIÑESTES VERME

Centro Penitenciario de Teixeiro

Este mes tan mariano, setembro, tráenos a festa de Nosa Señora da Mercede. Advocación creada por San Pedro Nolasco, catalán, co obxetivo, de redimir cautivos.

Os mercedarios emiten, ademais de votos de pobreza, castidade e obediencia, o de estaren dispostos a quedar en cautividade para así liberar a cristiáns que volverían ás súas casas, substituídos por frades mercedarios.

Un cautivo redimido por mercedario foi Don Miguel de Cervantes Saavedra. Polo tanto, o noso gran escritor é un mérito da obra mercedaria. Hoxe, estes frades, están presentes nos cárceres, colaborando na restauración dos internos para que poidan volver á sociedade como cidadáns pacíficos.

Os sistemas penitenciarios están orientados a que, o propio detido, vaia progresando na recuperación da súa personalidade. Para iso veñen os tempos que se descontan da pena imposta, se hai un bo comportamento; os permisos carcelarios, as saídas en fin de semana… para que, pouco a pouco, o que foi delincuente se volva un cidadán de proveito para sí mesmo e para a sociedade.

Certo que hai fracasos neste intento de axudar ós propios presos; hai quen non corresponde á confianza que coidaban que merecía. Pero, en conxunto, preténdese algo que está en consonancia coa dignidade humana.

Así, pois, o día da Nosa Señora da Mercede, mañá, haberá unha celebración festiva, con Misa, na que participan exemplarmente os internos que o desexen. Departirán amablemente internos e funcionarios. Recibirán todos parabéns e visitas de familiares. De Bergantiños hai internos en Teixeiro, por algunha debilidade humana. Son visitados por almas boas que, de aquí, chegan deica aló. E animan e consolan a presos e familiares.

“Estiven no cárcere e viñestes verme”. Frase de Noso Señor, que dá razón do premio que merecemos se temos esta caridade cós que foron vítimas da fraxilidade humana. Porque todos podemos caer.