jueves, 15 de abril de 2010

A MOCIDADE BERGANTIÑÁ PEREGRINOU A SANTIAGO

     A este arciprestazgo de Bergantiños correspóndelle ir en peregrinación a Santiago o domingo 18 de abril, polo serán.

     Hoxe queremos lembrar aquí unha peregrinacióin ou marcha ata Compostela, organizada en Carballo no pasado Ano Santo do 2004.

     Foi Senda Nova quen promoveu esta iniciativa.

     Polo que vemos no roteiro, trataron de facer un recorrido que fose proveitoso no eido cultural e relixioso, pois, no tríptico editado para os participantes, a saída foi en Carballo e a camiñata foi demorada e intelixente.

    De Carballo van á igrexa de Rus, expoñente da nosa arquitectura barroca e relixiosa.

     Seguen a Casal de Perros, preto daquela igrexa, e aquí admiran unha casona petrucial, con aires de pazo, onde nacera don Antonio Carracedo Viña, párroco que foi de Sofán moitos anos, ben coñecido en toda a bisbarra bergantiñá (supoño que aquí falarían do topónimo Pérros que aínda é unha incógnita para os nosos lingüístas)

     Seguen á igrexa de Entrecruces, ao santuario de san Paio da Debesa. Na férveda, presencian a baixada e batifondo das augas sobre o rochedo.

     Despois, igrexas de Anxerís, Tordoia, capela de san Xosé na Abelenda de Erviñou. Acamparon na carballeira que hai preto da igrexa de Benza, acollidos alí polo señor cura párroco, don Manuel Pontes García.

     Seguiron ás igrexas de Xavestre e Chaián. Visitaron a ermida de Augas Santas, nesta parroquia. Cruzaron o Tambre pola ponte de formigón feita haberá 25 anos e subiron a Compostela por terras que hoxe son do Polígono do Tambre, Boisaca, San caetano. Entran na cidade seguindo o Camiño Inglés.

      Camiñata, pois, confortable, na que o ecoloxismo e o deportivo, estiveron presentes. Un gran recordo deixaría nos excursionistas esta súa ida a Compostela.

     Ogallá outros fagan este recorrido ou un semellante.

     A pé , polas sendas do Apóstolo. Así é como se titula o programa que chegou ás nosas mans. Tivo que ser redactado por alguén que coñecía moi ben o traxecto, porque, por exemplo, ir á capela de san Xosé da Abelenda, en terras dubresas; ou ir á capela de Augas Santas en Chaián (concello de Trazo) supón ter gran coñecemento do routeiro.

     Quede constancia deste feito como sinal de que a mocidade bergantiñá ten degoiros pola arte relixiosa, pola natureza, e polo noso Apóstolo.

     Na Catedral gañarían o xubileo e xacobeo, abrazarían ao Apóstolo, darían a crocada no Santo dos Croques, pasarían a Porta Santa. Colofón feliz para unha boa camiñata. Parabens.