martes, 7 de julio de 2009

PARABÉNS ÓS NOVOS PRESBÍTEROS


Estamos ás portas dun acontecemento memorable. O vindeiro domingo, 5 de xullo, o Sr. Arcebispo de Santiago, Don Xulián Barrio; procederá, na Catedral, á ordenación presbiteral dos que, ata ó de agora, e durante un ano, foron diáconos da Igrexa Compostelá. Dous deles teñen estreita relación con Bergantiños, son : Don Mario Cotelo Felípez, natural de Verdillo, licenciado en Arte, autor de numerosos estudos sobre a súa especialidade, conferenciante, asimesmo, sobre arte relixiosa. Don Mario é unha vocación que xurdíu durante o servizo pastoral que en Verdillo prestou Don Constantino Campos Pena, de gran recordo naquela freguesía, e alí ten a súa sepultura. Don Mario ten pregoado o bon quefacer pastoral de Don Constantino.Para este benemérito sacerdote será un gozo saber que a súa sementeira produciu este froito dunha vocación sacerdotal que tanta esperanza fai nacer en todos.


O outro diácono que recibirá a ordenación presbiteral é Don Daniel Pérez Espasandín, natural de Santacomba, que durante este curso pasado estivo exercendo o seu ano de pastoral aquí en Carballo e parroquias da Unidade Pastoral que encabeza esta vila.


Polo tanto os nosos oíntes coñecen a entrega de Don Daniel (Dani para os amigos) en todos os labores que demanda a pastoral en tan variados servizos, como son: a catequese, a preparación para confirmandos, a mocidade en xeral, as súas clases de guitarra.


Don Daniel estivo nesta emisión relixiosa varias veces, por iso os nosos radioíntes coñecen a súa simpatía e as grandes dotes que o adornan.
Entrevemos, esperamos, pedimos, que “Dani” siga connosco, porque o necesitamos; porque ten que seguir o traballo comezado; porque as freguesías demandan a súa presenza entre nós.


Que Deus bendiga a estes novos sacerdotes que vai ter a diócese Compostelá.
O terceiro diácono que pasará a sacerdote é Don Ventura Martínez Riboiras, natural de San Ciprián de Vilanova de Arousa, que foi un solista en orquestra, e agora emprega as súas facultades musicais na liturxia da Igrexa. Deus segue chamando.



Parabéns a todos

Santa Comba, terra de curas e persoeiros famosos


Santacomba é o centro das terras de Xallas , ou Céltigas (como lle gustaría dicir a Valle Inclán). A súa situación preponderante define o que serán terras de Barcala, Dubra, Bergantiños e Soneira.

Santacomba é o centro dinamizador dunha bisbarra agrícola e gandeira, especialidades nas que é sobranceira en toda Galicia. As súas feiras foron xuntanza de labregos en moitas leguas á redonda.

A súa Igrexa parroquial, amplísima, feita haberá 40 anos, ben restaurada, conserva un campanón da anterior igrexa, que era notoriamente insuficiente. Foi promotor da obra Don Xoaquín Torres Valiñas, que antes fora párroco de Rus ata 1.959. Finou haberá dous anos.

En Santacomba foi párroco Fonseca lll, que, de aí, pasou á parroquia de Santa María da cidade de Pontevedra. Despois, foi un gran arcebispo de Santiago.

En Santacomba foi párroco Manuel Cabeza Docampo, natural de Sofán, tío de Don José Álvarez Cabeza e dos irmáns Eirís Cabeza, todos eles son gloria da freguesía de Sofán.
De Sta Comba é Don Manuel Carracedo, catedrático de medicina legal, moi laureado internacionalmente.

Outros persoeiros de Santacomba son, entre máis:
María Pilar Torres Lema, andaluza afincada nesa vila xalleira; xeógrafa, experta en parroquias e arciprestados de Galicia, e no Camiño de Santiago.
Temos que mentar tamén a David Durán Arufe, músico e compositor, director do Conservatorio Profesional de Música, de Santiago, Poeta.

Pois ben, a Primeira Misa en Santacomba do novo sacerdote Don Daniel Pérez Espasandín, vai ser o domingo, día 19. Así como a súa Primeira Misa en Carballo será o venres día 10.

Felicitamos, unha vez máis ao novo sacerdote, como tamén temos que felicitarnos todos, en Carballo e Santacomba, en Bergantiños e Céltigos.
Que Deus nolo conserve por moitos anos. Amén

A GRANDEZA DO SAN XOÁN


Estamos no San Xoán. Afortunada esta vila de Carballo por ter a súa festa patronal neste mes en que todo é plenitude.. Días longos, luz a cachón, cores mil na natureza (albres, mar, ceo, silveiras).

San Xoán lévanos ao río Xordán, ao noso bautizo, ao empezo da nosa vida.
San Xoán anuncia a Cristo, vai o santo case espido, come pobremente, chámanos á reflexión sobre a nosa vida. Isto é un exemplo que nos dá o noso patrón, que temos que acoller como cristiáns.

Hai todo un referente cultural, mesmo prehistórico, que serve de marco á grandeza deste santo. Reviven lendas, refráns, casas enramadas, cachelas para saltar, sardiñadas que concentran ás veciñanzas.

O noso Alfredo Brañas ten unha descrición de San Xoán, longa, e polo miúdo que recomendamos aos nosos oíntes.

Tamén Álvaro Cunqueiro, nun programa das festas de hai xa moitos anos, facía un relato moi suxerente da Misa Grande do día de San Xoán na Igrexa Parroquial de Carballo.

Desde a Lagoa de Alcaián ata o Monte Neme, Bergantiños é un mosaico de lendas, pero todo vai esmorecendo. Outra vez nos vén a idea da globalización que achanza todo, quita identidade, mestura as culturas. Que sigamos co noso San Xoán, tal como foi, ou como debera ser, por moitos ano, “Mil veráns máis”.

Engadiremos que mañá inaugúrase a reconstruida capela de San Xoán en Bembibre. Había como medio século que a capela derrubárase e deixou de haber alí romaría. Agora pola iniciativa do Sr. Cura Don Xosé Ortoño Fuentes, e coa colaboración do Concello, recupera Dubra un valioso patrimonio.


Da vella capela fora levada para a reconstrucción do Coro do Mestre Mateo (século Xll) no Museo da Catedral, unha peza románica, que seica procedía daquel coro, retirado cando se fixo no século XVl o coro lígneo que hoxe pode contemplarse na igrexa de San Martiño Pinario.

Parabéns a Dubra.