martes, 11 de octubre de 2011

Nosa Señora do Pilar

     Nosa Señora do Pilar trae a súa mensaxe de firmeza, seguridade. Por iso é a Patroa da Garda Civil. Este benemérito instituto fundado hai máis de século e medio, significa a defensa e custodia da orde pública especialmente nas zonas rurais.

 

     Pero nos nosos tempos a Garda Civil, xunto coa Policía Nacional, tivo que enfrontarse ao terrorismo para defenderen as liberdades. Casos heroicos temos tamén entre nós, aquí en Carballo.

     Por iso é un día para felicitar, agradecer, animar ós membros da Garda Civil por todo o servizo que fan pola comunidade durante o ano, días e noites.

     Sempre estamos acudindo á Garda Civil. Como os mundos do delito fanse cada día máis variados e frecuentes, velaí temos á Garda Civil loitando contra a droga, por mar e por aire, nos aeroportos, nas aduanas…

     Axudan e protexen o tráfico polas estradas. Loitan contra os delitos que maltratan a natureza: lume nos montes, ríos contaminados…

     Agora hai delitos informáticos. Para iso hai que ser verdadeiros especialistas.

     Homes e mulleres compoñen o instituto armado que chamamos a Benemérita Garda Civil.

     Con uniforme renovado agora que un sinal de que desexan estar máis dispostos aínda para prestar dilixentemente o seu servizo ao pobo. Felicitemos á Garda Civil que tanto arrisca por servir á sociedade.

San Francisco de Asís

  

  San Francisco de Asís, o fundador dos Irmáns Menores, como él chamou ten a súa festa o 4 de outubro. Agora dicímoslle franciscanos. E ós Franciscos chamámoslles Pacos. Seique esta palabra vén de dúas latinas: pater communis, pai común, que era o sobrenome que os franciscanos das diversas ramas, daban a San Francisco, que era pai de todos.

     San Francisco hoxe é viva actualidade porque é o patrón dos ecoloxistas.

     En Santiago, diante do convento dos franciscanos, no ano 1930, o gran escultor galego que foi Francisco Asorey, levantou un monumento ao santo, que aparece coas mans abertas e bendicindo ao lobo, ao cordeiro, aos labregos… en fin, a natureza aínda non estragada pola man humana.

     San Francisco no Cántico das Criaturas, rezaba: louvado sexas, meu Señor, por toda criatura, en especial polo irmán Sol, que alumea, abre o día e é fermoso no seu esplendor.

E pola irmá Lúa, de branca luz menor, e polas estrelas claras que o teu poder creou; tan limpas, tan fermosas, tan vivas como son, e brillan nos ceos. Louvado sexas, meu señor!

     E segue o santo invocando á auga, ao lume, á terra, ás herbas e flores… todo lles serve para louvar a Deus.

    

     Bendito este san Francisco de Asís, que pedía: Señor, fai de min instrumento da túa paz e o Padre Feijoo, fundador do Orfeón Terra Nosa, púxolle música, con letra galega a estas floriñas de san Francisco.