martes, 7 de junio de 2011

Memoranza sacerdotal

Ordenación 1954

     No día 6 do mes de San Xoán, cumpríronse 57 anos da ordenación sacerdotal dunha xa vella promoción na que está integrado este cronista.

      Cincuenta e sete non é número que se preste a Vodas ou celebracións semellantes. Pero é un día que recordamos cada ano aqueles quince sobreviventes daquela xeración sacerdotal. Fomos ordenados polo inesquecible cardeal Quiroga trinta seminaristas. Empezaramos os estudos sesenta. En números redondos.

     Aquí en Bergantiños, eramos catro os que estabamos máis próximos. E digo estabamos, porque dende hai dous anos falta Don Perfecto Santiago Carracedo, párroco de Cereo.

     Preto de nós, en Canduas, desde hai moitos anos, está Don Antonio Méndez Farto en plena actividade parroquial, con especial dedicación á musica, tanto fundando como dirixindo corais. Recentemente, homenaxeado é galardoado coa medalla Marcial del Adalid.

     Tamén, na súa parroquia natal de Zas, algo enfermo, está Don Xosé Ferreiro Pailos, que foi párroco e despois moitos anos capelán do Sanatorio Marítimo de Oza, na Coruña.

     A pesares das nosas idades, todos tratamos de seguir sendo útiles á Igrexa na medida das nosas posibilidades. Ata que Deus o queira.