martes, 8 de junio de 2010

MES DE SAN XOÁN!

image

     Estamos no mes de san Xoán, haxionímico que se perdeu nos meses de Santiago e de Nosa Señora, pero que persiste neste mes que é primavera e verán, coas senlleiras características.

     San Xoán é luz, pois os días son meirantes, estamos no cumio do ano.

     O Sol parece perpetuarse nun horizonte cóncavo, abovedado de azul.

     Este mes ofrece temperaturas medias, nada excesivas.

     Todo reborda de cores.  A humidade do inverno bergantiñán, dá agora un cromatismo embriagador a esta terra temos o verde nos campos e nas albres caducifolias. O azul do mar que nos fai soñar coas súas aror acabalando entre elas, con sedas de brancores, que son o engado para os surfistas que escolleu os nosos areais para o seu deporte.

     Cando as ondas se estenden sobre a area quente, sentimos un ruxido, como se fereveran despois do esforzo por chegaren onda nos.

     O concello de Carballo ten un frontal para o mar, que vai de Razo, pola ría de Lema, ou Baldaio, deica Pedra do Sal. Grandioso espectáculo para contemplar e admirar.

     Como nesta vila hai xentes procedentes das aldeas, aínda veremos casas e beirarúas enramadas. Espadanas, fiúncho, hortensias, rosas das silveiras… son os mellores vexetais contra as meigas.

     As fontes, os penedíos, os castros, as lagoas… todos ten a súa lenda, mesturados os elementos mitolóxicos que veñen dos máis antigos tempos.

     Pero tamén temos romarías no santoral bergantiñán, non alleas ás particularidades do mes. Hai San Antonio na Agolada e Francos, así como S. Hadrián en Sofán e Malpica.

     Sobre todo S. Xoán de Carballo, que como en tantas festas patronais galegas, leva consigo a celebración do Santísimo Sacramento.

     Mes de San Xoán! Como dixo un poeta: Moito tardas e axiña pasas.