martes, 25 de agosto de 2009

NOSA SEÑORA DOS MILAGROS EN CEREIXA



Neste devalante de Agosto, temos as festas de Entrecruces. Tamén a de Nosa Señora dos Milagros, en Cereixa-Erbecedo.

Se miran un mapa vello, daqueles que se editaban en escala de 1:50.000, verán que naquela paraxe poñen "ruínas". Efectivamente, alí quedaban as ruínas da igrexa parroquial de Erbecedo. Concretamente, na Erbedeira, terra de erbedos, ou alvedros, que, en castelán chaman madroño. Mais no 1943, o párroco Rodríguez Carballo recuperou aquel lugar e levantou unha ermida adicada a Nosa Señora dos Milagros. Celebración que vai cada ano a máis e agora ten espazo abondo para tan concorrida celebración.

Da Erbedeira, pois, veu a igrexa parroquial para a aldea de Silván, onde atopou acougo grazas a que a Fundación do Santo Anxo lle deu terreo para fundar alí igrexa e camposanto. Moitas cousas máis fixo a fundación de don Paulo Anxo Aldao e Breixo en favor de Erbecedo, desde a súa creación a comezos do século XVIII, ata os nosos días.

Agora, o nome deste meritísimo sacerdote, figura en lápidas que ornamentan o Complexo Parroquial do Santo Anxo de Erbecedo-Silván. Pero no texto desas onrosas lápidas non figura todo o que de don Paulo Anxo poderamos dicir. Así, por exemplo, que era de familia nobre, foi Colexial de Fonseca, en Santiago; coengo maxistral na colexiata da Coruña; catedrático de teoloxía e vicerector da Universidade de Santiago.

Finou no 1721, deixou todos os seus bens, que daquela eran moitos, en favor de Erbecedo. Está soterrado na capela da Terceira Orde en Santiago de Compostela. D.E.P.