jueves, 5 de marzo de 2009

MIÑA NAI, MIÑA NAICIÑA...

Naiciña. Francisco Asorey


Estamos ante o Día da Muller Traballadora. Queremos poensar en tantas traballadoras que tivo Galicia. Empezando por Rosalía que ía "descalza de pé e perna, de Santiago a Padrón". Nai de familia numerosa, que pasou estreituras e non deixaba sen esmola ao pobre que pasaba pola porta.

Rosalía lévanos a pensar na Pimenteira, de Padrón, que alí ten seu monumento.

Otero Pedraio inmortalizou a Castañeira na súa obra literaria.
Na vila de Arzúa temos o monumento á muller que espera vender os queixos, produto típico daquela bisbarra.
Na entrada que vai de Mesón do Vento a Santiago, temos a vendedora de grelos no tempo do Entroido. O noso escultor Francisco Asorey ten obras de gran forma como son :
- A Naiciña. Que a podemos ver na vila natal do artista, en Cambados. A nai abraza á súa nena. Rostros de raza sueva, galega.
- O Tesouro. Unha labrega leva no regazo un cucho de poucos días. Disque o autor inspirouse nunha paisana da terra de Trazo que baixaba así da feira de Santa Susana, en Santiago.

- Ofrenda a San Ramón. Unha paisana presenta velas ao santo. Vense aqueles floreiros de Sargadelos, os famosos dos "cinco dedos", que había en moitas igrexas.

Quédanos por falar da muller tecelá, ou da que fía co fuso e a roca nas mans. No libro dos Proverbios fálase da muller que é a alma da casa, que aporta riqueza co seu traballo persoal, que ten a familia ben coidada (Prov. XXXI, 10)

Pasa a fermosura (di a Biblia), pero o traballo, servizo e recordo desta nai, non esquecen xamais. Como son, ou foron, as nais dos nosos lectores.

Como foron tantas " viúvas de vivos", que diría Rosalía, que loitaron por sacar adiante unha familia. Son as mulleres dos emigrantes. "Tantas bágoas mar adentro, miña casiña, meu lar!"