jueves, 13 de noviembre de 2008

POR SAN MARTIÑO...


Hoxe é o día grande do mes de San Martiño.
Nalgúns sitios hoxe avillan os pipotes para probar o viño novo. “Por San Martiño, proba o teu viño”. Castañas dos nosos castiñeiros para os magostos que tan tradicionais son.


O castiñeiro dá unha sombra “moi regalada de verán” canta aquela cantiga.
O castiñeiro é a nosa caoba, dá nome a moitos lugares, a moitos soutos, que, coas carballeiras, forman as típicas arboredas de Galicia.


Por iso mesmo, hai tantos apelidos “Castiñeiras”, “Castaño , Carballo...”
San Martiño, ademais, ten feira aló en Calo - Teo, onde se venden mulas galegas que levaban tratantes casteláns para laborar as súas terras.


San Martiño é o comezo da matanza en Galicia. Comezo tamén tradicional para o ano agrícola. Pensemos agora no santo. Militar, cabaleiro, catecúmeno, cristián, bispo... exemplo de servizo pastoral e de caridade cristiá.


Velaí as imaxes de Cances e Razo. En Cances, o santo comparte a súa capa co pobre que vai espido. En Razo, é un bispo que bendice a todos os fregueses que entran naquela igrexa.


Xa sei que estas imaxes non son exclusivas, pero cómpre salientalas, ao mesmo tempo que felicitamos a estas parroquias.