martes, 4 de enero de 2011

Os Reis Magos

admag

Mesmo parece que hai pouco andabamos discutindo aquilo de cándo remataba o século vinte, cando empezaba o novo milenio, e xa temos pasada a primeira década do século XXI.

Así é como fuxe o tempo.

Para o empezo do novo ano, ou da nova década, faremos aquel propósito que anuncia o refrán castelán: año nuevo, vida nueva.

E veñen os Reis Magos, que é día de peticións e desexos.

Quixeramos o remate da autovía da Costa da Morte; que a estrada Carballo – Santiago pase á Xunta para que estea ben coidada.

Os que imos con frecuencia a Compostela, pedimos que rematen xa tantas obras que teñen sitiada á cidade polos catro costados: Galeras, Santa Marta, Hórreo, Periférico, Lavacolla.

Aínda que non é Ano Santo, queremos ver totalmente disposta a Catedral para o seu oitavo centenario.

Restaurada, pois, a fachada da Acibechería, o Pórtico da Gloria, a Torre do Reloxo ou Berenguela.

Dicía Otero Pedrayo que ésta era a Torre máis fermosa de Europa.

Un sabio xeógrafo galego, como foi o catedrático Fontán, empezou o seu célebre mapa de Galicia por este punto xeodésico que marcaba a Torre do Reloxo.

Pero sendo, ademais, este monumento, obra dun ilustre arquitecto ceense, como foi Domingo de Andrade, razón temos, por demais, para vela feita unha Berenguela, é dicir coa fermosura propia e clásica da máis artística das Torres da nosa Catedral.