miércoles, 28 de abril de 2010

De Carballo a Santiago

 

 

     Ir a Compostela neste Ano Santo, e sempre, é un obxectivo dos bergantiñáns, coma dos dubreses, amaiáns, ou dos veciños das terras do Ulla e Tambre.

     Feirantes, tendeiros, estudantes… para todos, Compostela foi unha cidade amiga. Clérigos e labregos tiñan alí o centro das actividades. Para Otero Pedraio, o paisano do rural ten nos seus camiños ancestrais un acceso dereito ás rúas da cidade do Apóstolo.

     Na entrada anterior deste blog, falamos do camiño que Pondal indicaba a Murguía para que este viñese desde Santiago a Ponteceso.

     Ese camiño, no traxecto de Compostela a Portomouro, non aparece concretado abondo, como quixeramos. Ante esta carencia, poderiamos preguntar se Pondal tería ido a Santiago pasando por Carballo e Bembibre.

     Na Cántiga 51 de “Queixumes dos Pinos” lembra Pondal a Anxerís, Buxán e ás Alturas de Portomeiro.

     Seguramente que o Buxán (sunto con Carboeiro e Oca)de que fala o poeta de Ponteceso, é unha aldea daa parroquia de Seavia, e non é o topónimo referido ao Concello de Buxán, que hoxe chaman Val do Dubra, que ten a capital en Bembibre.

     Pero as referencias a Anxerís e ás Alturas de Portomeiro son suficientes para soster que polo camiño, hoxe estrada, de Carballo a Santiago, tamén ía Pondal.

     Efectivamente, cando pasamos fronte ao santuario de Nosa Señora de Belén, se miramos ao horizonte que temos á man esquerda, veremos, na lonxanía, o Castelo de Portomeiro, e Pedraslongas, alturas que son, ou eran, marabilla da natureza, e agora aparecen sacrificadas pola desfeita de humanos intereses.

     Alí había grandes aglomeracións de rochedos, enormes penedos labrados polos ventos e augas de moitos séculos. Alí sentíanse presentes as idades xeolóxicas que conformaron a nosa terra, e tamén a historia do medievo.

     Pero deixando a tristura que nos dá ver o noso patrimonio natural desaparecido para sempre, volvemos a Pondal. A visión de P0rtomeiro, camiño de Santiago parecíalle “fuxitiva”. Así é, en realidade. Por pouco tempo pode contemplarse, indo de viaxe, aquela monumentalidade das montañas.

     Mais cando o noso bardo vai de Bembibre a Portomouro, séntese acompañado polo ríao Dubra, e escribe:

Por entre verdes campos

o Dubra vai correndo

o Dubra montesío

o Dubre verde e fresco

que nace nas montañas

de Erviñou e Arabexo

(Poesía Galega Completa II, edic. Sotelo Blanco, Poemas manuscritos, páx. 91)

     Isto manifesta o amor pondaliano pola terra Valdubresa, senlleira no camiño de Bergantiños a Compostela.