martes, 25 de octubre de 2011

De actualidade

 

   No Calendario da ONU figuran moitos días internacionais para cada ano. Pero, do 24 ao 30 de outubro, temos unha semana adicada ao Desarme.

     Vella cuestión que empezou con diálogo e tratados entre Rusia e Estados Unidos. Houbo guerras frías, grandes temores a que se chegara a utilizar tanto armamento nuclear como hai gardado en silos atómicos.

     Agora, a enerxía nuclear, e non con fins pacíficos, témola en bastantes países, tanto europeos como asiáticos. Vivimos sobre un polvorín, din algúns.

     O Desarme supón confianza e tamén vixiancia mutua. Un planeta desarmado (parece unha utopía) podería investir tanto capital en medicinas, progreso, atencións ecoloxistas… etc. Cando falamos da Fame no Mundo, vennos á mente o gasto en armamento para destruír e volver a construír, coma unha maldición de Penélope o mito grego que desfacía de noite o que facía de día.

     O día 31, é o Día Universal do Aforro. Seica as familias e os gobernos agora tratan de aforrar, se poden, porque temen polo futuro. Se se aforra, non hai consumo. E sen consumo non producen as fábricas, non hai emprego para traballadores, senón paro.

     Haberá que aforrar con prudente medida. Pero xa sei o que poderán pensar os lectores. As Caixas de Aforros, tan populares e queridas, deron indemnizacións millonarias a directivos cesantes. Pero non facilitan así o crédito ás familias e empresarios. O escándalo e indignación foi unha reacción unánime nos medios de comunicación.

     A xustiza social ten moito que facer e progresar entre nós.