martes, 31 de mayo de 2011

Maio para María

    

Chegados ao final do mes de maio, e celebrando a Resurrección do Señor, a devoción popular vólvese a María, a Nai de Xesús.

     María acompáñanos todo o ano. Advento e Nadal son conmemoración da maternidade de Santa María. Na Semana Santa temos a María como Nai de Dolores, Virxe da Soedade, e agora, na Pascua, María como testemuña senlleira da Resurrección de Cristo.

     Seguirá María connosco, nesta fermosura de Maio, como Nai dos Apóstolos, animadora da Igrexa, presente no Pentecostés cristián.

     Empezaron, pois, as festas marianas como Nosa Señora da Estrela en Corme e Sofán, ou a romaría coñecida como de Monte Torán en Bamiro, no concello de Vimianzo.

     En maio rezamos aquela oración de San Bernardo, como é o Acordaos. Temos cantos típicos como é Venid y vamos todos, e ogallá haxa nenos ou nenas que declamen versos a Nosa Señora, como faciamos antano nas igrexas e nas escolas.