martes, 19 de abril de 2011

Estamos na Semana Santa

     En Semana Santa, as rúas de toda España son escenario de grandes e devotas procesións. Figurarán os pasos tradicionais que o pobo, crente ou non, terá que admirar. O misterio da dor humana está presente para todos. O Crucifixo expresa esa realidade. Trátase de Cristo que asume a morte conscientemente e ofrece a súa vida a Deus por todos nós.

     Polo tanto, as procesións son unha expresiva catequese para que uns revivan a súa Fe, e para outros que poidan interrogarse sobre o sentido da vida.

     Andalucía, Zamora, Murcia,… ofrecerán os máis valiosos pasos da Semana Santa.

     Que pode ofrecer Bergantiños nas súas igrexas para esta Semana?

     Coido que o seguinte:

  •      En cruceiros, temos o de Sofán, do século XVII, o máis antigo.
  •      En cruces parroquiais, a de Verdes, Verdillo, Bértoa e Rus. Unha gran ourivería que honra a Bergantiños.
  •      En Cristos Crucificados, de talla maior: o Cristo gótico de Bértoa, o da Capela da Milagrosa e o da igrexa en Carballo. O de Oza amosa singular patetismo.
  •      Os Cristos de Ferreiro, o gran artista noiés, que gardan as igrexas de Sofán e Razo.
  •      A talla da Dolorosa de Carballo. A Dolorosa de vestir, de Carballo que leva manto bordado en ouro con artístico recamado, pola devoción da Cofradía.
  •      A ceremonia do Desencravo, en Sofán, e o Via Crucis que aparece no valado do adro desta parroquia.

     Rematemos con dúas imaxes singulares, como son, o Resucitado do santuario de San Cristovo, e o do retablo de Goiáns.

     Sen duda, moito máis se podería dicir do patrimonio artístico relixioso que Bergantiños conserva, referido ós misterios da paixón, morte e resurrección do Señor. Pero baste o devandito para estimularnos a vivir a Semana Santa, revestíndonos dos sentimentos propios de Cristo Xesús, como nos di o apóstol Paulo.