martes, 2 de febrero de 2010

FALANDO BEN

 

     Estamos no medio e medio do inverno, pero esta festa de hoxe é unha lembranza dos pasados días do Nadal.

     Celebramos a Presentación de Xesús Neno no Templo de Xerusalem. Como había que facer asegún a lei de Moisés.

     A nai entregaba o seu neno a Iahveh, e o sacerdote devolvíallo confiando que a nai faría do seu neno un bo israelita.

     Traducido isto ós nosos días, xa dentro da lei do Evanxeo e na liturxia católica, temos que as nais repiten no templo parroquial o compromiso da hora do bautizo, como foi, xunto cos pais e padriños, o de seren garante da educación cristiá dos nenos bautizados. Por iso a Igrexa, confiando nese compromiso, imparte o sacramento primeiro da vida cristiá.

     Examinémonos todos, porque, anque maiores, os bautizados estamos comprendidos nesa palabra que deron os nosos pais e padriños naquela hora de feliz memoria. Debemos cumprir os santos propósitos dos nosos antergos.

     E tamén estamos ás portas do San Brais. Outro santo habitual nas nosas parroquias. Anque oriental e lonxano no tempo, invocámolo para os males da gorxa, tan frecuentes nas humidades dos nosos invernos.

     Se ademais de coidar a gorxa, sabemos empregar a lingua, falando ben e con respeto aos demais, velaí unha boa homenaxe a San Brais, bispo e mártir.