jueves, 5 de noviembre de 2009

ORANDO POLOS NOSOS DIFUNTOS

Como estamos no mes de Difuntos, e nas parroquias celebran moi devotamente o Acto Xeral de Ánimas, ocorréuseme falar dos Petos de Ánimas.

Son unha manifestación tradicional da fe cristiá na trascendencia da nosa vida; da misericordia de Deus para con nós, pecadores; e tamén do valor das nosas oracións pola mediación de Cristo, o noso Señor.

Por outra banda, os Petos son unha creación de arte popular que todos debemos axudar a conservar.

Polo xeral, están á beira dos camiños, froito da devoción dalgún devoto. A representación das almas no Purgatorio, ofrece uns rostros cheos de esperanza, en actitude de oración a Deus Pai.

Se imos desde Bergantiños a Santiago, veremos que subindo a costa que empeza en Portomouro, enchegando ao santuario de Nosa Señora de Belén, hai un Peto de Ánimas, moi ben configurado que, a pesares de que a estrada foi ancheada, sempre se recompuxo aquel Peto, como é preceptivo civilmente.

O malo daquel Peto é que moitas veces aparece descerrallado. Por uns céntimos que pode haber alí, fan un dano moi superior.

Aquí en Carballo, na Brea, ao pé do camiño real que ía de Verdillo a Ponte Lubián, tamén hai un Peto de Ánimas. Os camiñantes ao pasaren, facían unha invocación ás Ánimas, implorando a súa axuda; lembraban ós propios difuntos e deixaban unha esmola, se podían.

En Cances da Vila, hai un cruceiro no que, ao pé da vara, aparecen Ánimas suplicantes.

En Oza, hai unha pequena capeliña. Aredor dela pasan as procesións. Hoxe, no interior vexe unha imaxe de san Antonio, pero quizáis, nalgún tempo, fose un peto de Ánimas. De ser así, tería esta parroquia bergantiñá o Peto de Ánimas de mellor arquitectura na redonda.

Retablos con escenas de Ánimas témolos nas capelas laterais que hai á man dereita, nas igrexas de Sofán e Sísamo.

No Hospital Real de Santiago, aló polos anos de 1940 (hoxe aquilo é un gran hostal) había un retablo de Ánimas como non vin outro. No medio e medio daquela representación do Purgatorio había un papa, e tamén bispos, reis, homes, mulleres… pero todos en oración, esperando a misericordia de Deus. Son almas santas, salvadas, polas que rezamos, pero tamén nos encomendamos a elas. Somos todos o Corpo Místico de Cristo.

Non sei que sería daquel retablo. Agora alí hai concertos e xuntanzas. Era a gran capela do Hospital dos Reis Católicos en Santiago.

Polo demais, todos coñecerán a capela-santuario das Ánimas que hai en Santiago, famosa polos seus retablos, agora entrance de restauración.