jueves, 9 de diciembre de 2010

O SEÑOR CARDEAL

      Van aló xa 39 anos do pasamento do Cardeal Quiroga Palacios. Finou en Madrid o 7-XII-1971.

     O Sr. Cardeal (como dicimos, sen máis, os que o coñecimos) concita unha admiración, afecto, e respecto, en todos os que vivimos aquel tempo, como difícilmente alguén puidera ter.

     Foron 22 anos dunha total entrega á diocese compostelá. A cidade de Santiago adicoulle unha rúa, e un colexio leva o seu nome. Así como tamén unha cátedra dun Instituto de Estudos Teolóxicos, distinción outorgada pola nosa arquidiocese.

     Era un galego listo, intuitivo. Con suficiente capacidade para evitar perigos. Sentía unha profunda pasión polas cousas da Igrexa. Doíanlle moito os fallos, gozábase no ben feito como un don de Deus.

      Unha mostra da entrega coa que él vivía e servía á Igrexa, eran eses enfados espontáneos que tiña e axiña correxía.

      Contaba o bispo Riesgo Carbajo (quen veu facer unha Visita Pastoral, delegado polo Sr. Cardeal) que, sendo este presidente da Conferencia Episcopal, propuso algo que él coidaba que os bispos aceptarían de inmediato. Pero non foi así. Quiroga Palacios entón, mostrou ostensiblemente o seu disgusto, pero deseguida, soubo dominarse e aceptou o criterio dos compañeiros de episcopado.

      E comentaba Riesgo Carbajo pola súa conta e para si: aquí hay un hombre de gran virtud.

      Unha pequena anécdota para amosar que o Cardeal tiña unha bondade froito da súa ascese e fonda vida espiritual.

      Os máis veteranos imos rezar ante o sartego do Sr. Cardeal, case, case, como cando imos rezar ante o sepulcro do Apóstolo.