jueves, 4 de diciembre de 2008

SEDE SANTOS PORQUE EU SON SANTO


Quiroga Palacios, Cardeal-Arcebispo de Santiago.
Cuadro que se encontra no Instituto Teolóxico Compostelán


Nestes primeiros días do mes de Nadal, cúmprense 37 anos do pasamento do inesquencible cardeal Quiroga Palacios.

Para os que somos testemuñas do seu servizo á diocese, a súa memoria segue viva en nós.
Quiroga veu para Santiago con 49 anos de idade, en plena vitalidade. Era o arcebispo máis xoven de España- Foi tal a sú entrega sacerdotal, que todos viamos como aquela fortaleza física ía esmorecendo. Cando fixo a apertura da Porta Santa do ano 1971, apoiábase no báculo para non caer.

Quiroga Palacios sentía unha inmensa e intesna paixón polas cousas da Igrexa. Por iso, algunha vez, tiña uns instantes explosivos, que el recollía deseguida, porque había nel unha virtude feita de dominio de sí mesmo, baixo a gracia de Deus.

Quiroga era coma unha forza sacramental. Enchía el só a Catedral, paraba bendicindo e erguía os ánimos dos que estabamos derrumbados en calquera curruncho da Basílica.

Tiña paciencia, sufría, perdoaba, comprendía. Pensamos que pasaría noites enteiras sen durmir. Era galego listo, que entendía os recursos da nosa retranca. En Quiroga tiñamos a eficacia de Xelmírez, a prestancia de Payá, a magnificencia de Monroi, a grandeza do arcebispo Raxoi, a galeguidade de Lago González.

Os seus restos mortais están preto do Pórtico da Gloria, aproveitando o estradós do arco que fixo o Mestre Mateo para soster a súa admirada obra.

Quiroga debería de ser canonizado. Mentres esa hora non chega, pensamos que xa está no mesmo conxunto do Pórtico. Na gloria, cos Apóstolos e cos Profetas.

Aquela fe con que Quiroga vivía ás ordenacións sacerdotais, parece que traspasa a landa sepulcral que protexe os seus restos. Mágoa nos dá ver que inconscientes turistas trepen aquel santo lugar. Nestes días, alí haberá ramos de flores. Desde aquí, poñemos a nosa rosa encendida de amor ao gran cardeal Quiroga Palacios.