martes, 26 de julio de 2011

San Salvador

    

Tiña Bergantiños un calendario festivo no mes de agosto, no que todos os días do mes tiñan unha festa nunha ou noutra parroquia. As circunstancias do traballo actual fixeron que as festas se foxen concentrando no fin de semana.

     As festas do San Salvador de Sofán, que son as patronais desta coñecida freguesía, ainda conservan os días tradicionais.

     Así, no día 6, temos o San Salvador, que agora ademais da imaxe sedente da entrada da igrexa, hai outras dúas no interior. A que agora preside o retablo maior é unha talla atopada no desván da rectoral, e que don Diego Ríos, o anterior párroco, deu a coñecer. Tamén procurou a súa restauración e a colocación no lugar preferente que sempre debeu ter.

     A profesora da Historia da Arte da Universidade de Santiago, dona Rocío Sánchez Ameijeiras estudou a imaxe e di que pertence ao segundo cuarto do século XIV. Mide esta talla 113 ctms de alto e 40 de ancho.

     A imaxe que antes estaba no retablo maior sigue exposta a veneración dos fieis.

     E San Salvador témolo tamén en Rebordelos, freguesía pequeniña pero que foi nomeada titular de concello naquela inicial distribución do territorio de Bergantiños que determinou a Constitución de Cádiz no 1812, e que en Galicia foi aplicada pola Deputación única, sita en Santiago. Os outros dous concellos que fixaron para Bergantiños foron os de Sofán e o de Sísamo. Pero todo aquilo rematou no 1814, coa volta de Fernando VII. E así ata 1836, no que foi adiante o previsto nas Cortes de Cádiz, e naceu o concello de Carballo.