martes, 27 de septiembre de 2011

San Vicente–Fillas da Caridade

San Vicente de Paúl

   Hoxe é día de San Vicente de Paúl, celébrano solemnemente en toda a familia vicenciana. Así é como se adoita dicir para nomear ás Fillas da Caridade, Voluntarias da Caridade, Xuventude Mariana Vicenciana e Sacerdotes da Misión ou Paúles. Todos estes seguen a vida pastoral e de caridade que o fundador, San Vicente, desde o século XVII aló en París sinalou para todos os que quixeren vivir a fe cristiá desta forma peculiar.

     Seica hoxe hai 22 mil Fillas da Caridade en todo o mundo. Aquí na nosa diocese témolas desde hai máis de 200 anos en Carballo vai para 56 anos. Ocúpanse de atender a infancia e pubertade que pasa por circunstancias difíciles. Asimesmo colaboran en cáritas, nas parroquias e na catequese.

     As Fillas da Caridade están nos hospitais, en barrios pobres, nas misións de África ou América, e mesmo tamén en Asia. Son as máis coñecidas de todas as congregacións femininas.

     Na Coruña, Illa de Arousa, Meirás, Noia, Escarabote, Cangas, Bueu, Pontevedra, Poio, Santiago, Oleiros, O Grove… en todas estas localidades da nosa diocese hai Fillas da Caridade exercendo a súa vocación de axudar ós nenos, ós marxinados, ós pobres como nuestros amos y señores que dixo San Vicente de Paúl.

 

     Hai poucos días recibiron unha homenaxe as catro Fillas da Caridade que viñan exercendo no Hospital de Conxo, en Santiago, e que xa antes estiveran no Hospital en Galeras. Despois de 200 anos, pecha esta comunidade que, hai 30 anos estaba formada por 25 irmás. Os tempos, a falta de vocacións, obrigan a estas despedidas con moita dor de médicos e enfermos.