martes, 19 de mayo de 2009

BERGANTIÑÁNS EN TERRA SANTA


Retrato de Exeria

Galicia, no esplendor dos séculos IV e V tivo un século de ouro, só comparable, en frase de Otero Pedrayo, ao século de Xelmírez. Tivemos comunicación con Terra Santa, sendo nós o Fisterra de Occidente, e España, a parte máis oriental do Mediterráneo, nas que baña as costas da península Ibérica e as da Palestina.

Os Avitos, que eran de Braga, na Galicia romana, visitaron Roma e Xerusalem. Nesta cidade, estiveron con Paulo Orosio, paisano seu, que no ano 415 asistiu ao Concilio que houbo en Xerusalem, e conversou con San Xerónime, alí residente.

Idacio, bispo de Chaves, tamén na provincia romana de Galaecia, viaxou por Oriente.

A galega Exeria, fálanos do culto cristián en Xerusalem.

Santiago Apóstolo é un xudeo palestino que nos trouxo a Mensaxe do Evanxeo e temos en Compostela os seus restos mortais.
Polo tanto, as peregrinacións que desde Carballo e desde a diocese de Santiago, están programadas a Terra Santa, non fan máis ca proseguir unha vella tradición. Mesmo parece que cómpre visitar Betsaida, a patria pequena de Santiago o Maior, a onde, hai algúns anos, o Cabido de Santiago levou unha imaxe do Apóstolo peregrino.

E non hai moito, o deán de Santiago, estivo na igrexa de Xerusalem onde a tradición que di que alí foi decapitado o noso Apóstolo.

Isto, e todo o demais que se refire a Xesús, Noso Señor, é a razón primordial da peregrinación a Terra Santa. Acompañemos os peregrinos bergantiñáns que aló van , coa nosa oración. Eles tamén rezarán por nós naqueles santos lugares onde Noso Señor naceu, viviu e morreu, rematando todo na súa Resurrección.