martes, 3 de mayo de 2011

VIII Centenario da Catedral

Pórtico de la Gloria

A Catedral, a nosa Catedral de Santiago, cumpre 800 anos da súa consagración. Enténdase ben: son oito séculos de existencia da actual Catedral, que é a terceira das construídas sobre o sartego de Santiago Apóstolo.

     Antes, houbera a igrexiña que fixera Alfonso II, e despois a de Alfonso III, a partires do século IX.

     As datas da Catedral de hoxe son as seguintes: empeza a construcción no ano 1075, a según consta na Capela de San Salvador, que está mesmo arrentes da Porta Santa.

   

     No ano 1111 faise a fachada das Praterías. No ano 1178 póñense as portas do Pórtico da Gloria. No ano 1211 a consagración solemne polo arzobispo Pedro Muñíz dando así por rematada unha obra que empezara o bispo don Diego Peláez e que tivera como propulsor a don Diego Xelmírez.

     Aquela Catedral románica era a igrexa meirande no orbe cristián, no tempo da súa inauguración.

     Perfectamente simétrica, condición hoxe non observable no exterior porque os séculos XVII e XVIII viron como foron alzando o cimborrio e as torres barrocas. Asimesmo, a fachada do Obradoiro e das Praterías, sendo esta última a máis recente e menos afortunada artísticamente.

     Hai que contar tamén coa obra de Fonseca III, quen fora párroco de Santa Comba en Xallas, Santa María de Pontevedra, e despois de ser un dos grandes arcebispos de Compostela, foi destinado a Toledo, onde sería nomeado Cardeal. No tempo deste arcebispo (século XVI) fíxose o claustro actual.

     Lembremos aquí ó gran historiador da Catedral, da Arquidiocese e de Galicia, que foi López Ferreiro. Está sepultado no claustro, baixo unha campa redactada en selecto latín, a única que ten e liñas horizontais o seu texto. No pasado 2010 cumpriuse un século do seu pasamento, e alí foi homenaxeado por arcebispo, cabido e fieis.

     Moi merecidamente.