martes, 12 de abril de 2011

Chega a Semana Santa

     Chegando estamos á Semana Santa. É unha celebración na que se conxuntan datos históricos, xeográficos, celebracións populares e litúrxicas.

     Pero, con iso todo como marco necesario, o principal para ós crentes é que celebramos un misterio da nosa Fe: a paixón, morte e resurrección do Señor Xesús, que leva consigo a nosa resurrección xa conseguida por Él.

     Hoxe, nestes tempos, hai moitas visitas a Terra Santa, son moitos os que estiveron no escenario daqueles misterios. Adoitan traer recordos de Terra Santa. Así, auga do Xordán, aceite disque feito coas aceitunas das oliveiras do Horto de Xetsemaní, terra alí recollida. Moi apreciables estes recordos, como tamén os rosarios que alí fan con madeiras de albres bíblicas.

     En España temos un anaquiño da Cruz que levou Xesús na súa paixón. En Liébana, Cantabria, seica está o anaco meirande dos que se conservan daquela Cruz.

     En Oviedo teñen o Santo Sudario, unha peza que cubría a cabeza de Xesús no seu enterramento.

     En Valencia, é ben coñecido o Santo Grial, o cáliz da Santa Cea.

     Dito todo isto cos respectos que merecen estas reliquias, dentro dos problemas históricos que poida haber.

     E postos a facer recontos, sinalemos tamén as reliquias do Santo Apóstolo que conservamos en Santiago, xunto coas dos seus discípulos Teodoro e Atanasio.

     Que o devandito sirva para entrar no ambiente propio da Semana Santa.