martes, 22 de junio de 2010

FESTA DO SANTÍSIMO SACRAMENTO

     O segundo día das festas de San Xoán está adicado ao Santísimo Sacramento. Quixo a Igrexa que o Misterio da Fe, como chamamos á Eucaristía, tivese, ademais da celebración do Xoves Santo, unha conmemoración sen as angustias da Semana Santa.

     Máis ainda, en cada parroquia está disposto que haxa a celebración particular do Sacramento por antonomasia, como é a Eucaristía.

     Carballo ten unha custodia, tradicional, que leva unha pequeniña imaxe de Bautista baixo o esplendor do viril.

     Nestes anos pasados, a parroquia recibiu outras dúas custodias. A última, ofrenda da Cofradía de Nosa Señora das Dolores.

     Subliñemos asimesmo que, na solemne e larga procesión, hai tres estacións ante tres altares que familias particulares, e os veciños da Ponte Pedra, levantan para acoller ó Santísimo e recibir a súa bendición.

     Con isto, poden verse alfombras florais que son ofrenda, oración, adoración, acción de grazas, ao Señor sacramentado.

     Hai que lembrar a presenza das autoridades locais nas procesións destes dous días, e tamén na Misa solemne de San Xoán, na que o Alcalde, como é tradición, fai unha invocación ao Santo Patrón.

     Intervén a Coral de Bergantiños, entidade que vén dando a coñecer esta vila de Carballo en moitas cidades e vilas de España e Europa.

     Froito todo, en boa parte, da entrega e competencia da súa directora dona Gloria Pardines.

     Os nenos da Primeira Comunión do día de San Xoán poñen unha nota familiar, esperanzadora, para a fervorosa continuidade da procesión do Sacramento en Carballo.