viernes, 17 de julio de 2009

BERGANTIÑOS, TERRA DE MAR, VAL E MONTAÑA, VENERA Á NOSA SEÑORA DO CARME



No medio do mes de xullo temos a festa de Nosa Señora do Carme. Devoción entrañable nas nosas parroquias.

Na pasada Semana da Familia, viñeron a Carballo imaxes de Nosa Señora. Viñeron as máis populares, as que son máis veneradas. Pois ben, a meirande parte eran imaxes de Nosa Señora do Carme.

Bergantiños é unha admirable síntese de mar, val e montaña. Nas freguesías da ribeira, e nas do interior, temos festas do Carme en todas elas.

Os peregrinos que hai pouco foron a Terra Santa, subiron ao Monte Carmelo, e alí poderon ver a inmensidade do mar azul, o cenobio de orantes que aínda hoxe hai no cumio do monte tan sonado na Biblia.

Santa María, pois, patroa dos que vogamos no mar e na terra. Defensora dos que loitamos contra tantas ondas, feras , asoballantes, que nos fan clamar pola axuda de Nosa Señora.

O mar ten perigos; é “val de bágoas”, tantas veces.

Pero rematemos coa visión de tantas motoras que van levar a imaxe do Carmen, ateigadas de devotos mariñeiros , polas nosas rías e portos.

Felicitamos a tantas “Carmes” que aínda hai entre nós. Anque nos doe que nome tan poético vaia escaseando nas nenas que agora son bautizadas.