miércoles, 21 de abril de 2010

DE BERGANTIÑOS A SANTIAGO

 

Ponteceso

 

     O ambiente de peregrinación a Compostela, indo desde Bergantiños, fai que lembremos o camiño que en Agosto de 1865, propoñía Eduardo Pondal a Manuel Martínez Murguía, o gran escritor, esposo de Rosalía de Castro.

     Pondal estaba na súa casa de Ponteceso e quería animar a Murguía para que viñera visitalo.

    Cando Pondal escribe esta carta de invitación, xa levaba moitos anos publicado o mapa de Galicia de Domingo Fontán. Porque con este mapa era doado ir polos camiños da nosa terra. Quizáis Pondal pretende dicir (á marxe da Carta Geométrica de Galicia, de Fontán) cales eran os camiños máis seguros e transitables para vir de Santiago a Ponteceso.

     Chegados aquí, imos copiar literalmente o que Francisco Fernández del Riego nos di, en artigo publicado en La Voz de Galicia, no mes de xullo do ano 2000. Di así:

Contando con que realizase a viaxe, o poeta marcáballe o intinerario a seguir. Porque como non había estrada nin carruaxe, tería que ir a cabalo. Para iso debería coller a costa do Monte Pedroso, facendo camiño deica Porto Mouro sobre o Tambre. Desde este punto, a Páramos. Daquí a Porto Medal e a Castrís. Proseguiría logo por Agualada e á Mota. A andadura levaríao á Baneira, Allóns, e, ó cabo, a Ponteceso. Era ese, mesmamente, o itinerario que Pondal percorría cando estudiaba en Compostela.

     Remata aquía a cita que facemos do texto de Fernández del Riego.

     Velaí, pois, un camiño entre Bergantiños e Santiago, naqueles anos da segunda metade do século XIX, que moitos bergantiñáns percorreron.