martes, 8 de marzo de 2011

O martes de entroido

      É o cumio desta temporada festiva.

     Hai o Entroido culinario: orellas, filloas, carne… e hai o entroido das celebracións na rúa. Aquí veremos comparsas, testamentos do Entroido, carruaxes moi adornados. Todo froito da imaxinación popular.

    

     As máscaras, as caretas, teñen, ou tiveron, particular protagonismo. Hoxe, máis ben, os disfraces.

     No teatro da antiga Grecia e en Roma, os persoaxes levaban caretas. Era a forma de representar o que a comedia ou traxedia quería expresar. Aparecían os deuses, as musas, o emperador, os escravos, os militares, os cónsules, os sabios, os ignorantes… Todos tiñan que levar a correspondente identificación na máscara.

     Tiña ésta, ademais, a función de servir de altavoz, porque non había outra megafonía. Velaí a orixe da palabra persoa, pois a máis chamativa careta levábana os grandes da sociedade. Tiñan a careta máis importante, a que soaba con máis voz. Resoaba máis.

     O noso Castelao tamén para representar a súa obra Os vellos non deben de namorarse quería que empregasen caretas, como no teatro clásico. Él mesmo pintou algunha careta para aquela representación.

     Volvamos ao Entroido. Todos queren representar algo distinto do que somos polo ano adiante. Aparecen na rúa os grandes xogadores de fútbol, os coñecidos políticos, persoeiros, locais etc. Tamén os heroes da TV.

     Ben. Despois do Entroido, a Coresma, que é o tempo de quitar a careta e volvernos cara a nosa realidade. Ante Deus non podemos levar careta. Sabe Él as nosas mellores intencións e as grandes fraxilidades, por máis que as queiramos ocultar.