viernes, 15 de mayo de 2009

VODAS DE OURO SACERDOTAIS




Neste breve comentario semanal temos que lembrar o acontecemento que tivo lugar na nosa catedral de Santiago o pasado venres. Celebraban as súas Vodas de Ouro no sacerdocio vinteséis presbíteros da nosa diocese, ordenados, pois, no ano 1959, polo cardeal Quiroga.


Tamén cinco sacerdotes celebraban as Vodas de Diamante. Foron ordenados na igrexa de San Xurxo de A Coruña, polo bispo Vicario Capitular, Don Xosé Souto Vizoso. Isto foi o ano 1949. Estaba a diocese vacante por falecemento do arcebispo de Muñiz de Pablos.

Houbo, pois, en Santiago, unha Misa solemne, concelebrada polos sacerdotes que estaban de xubileo. Eramos uns douscentos. Contando tamén tres sacerdotes do Opus Dei, que se agregaron para celebrar as súas Vodas de Prata.

Temos que memorar a dous compañeiros, en Vodas de Ouro, que prestan o seu servizo pastoral en terras de Bergantiños.

Son: Don Eusebio Calvelo Sánchez, párroco de Ardaña, natural de Carballo. Nalgún tempo foi tamén director da Coral de Bergantiños, pois son ben coñecidas as súas aptitudes musicais así como ser gran organista e guitarrista.

Outro sacerdote en Vodas de Ouro é Don Andrés Rumbo Lonqueira, párroco de San Román de Cabovilaño, natural de A Coruña. Foi coadxutor no O Grove e párroco de Santa Mariña de Ribasar, freguesía entre A Escravitude e Bastavales. Colaborador na revista Lumieira e gran pastoralista.

A todos, especialmente a éstes, a nosa felicitación e parabéns polo seu labor sacerdotal. Outros sacerdotes en Vodas de Ouro, dunha forma ou outra relacionados co ámbito deste blog relixioso son: Don Lorenzo Castiñeira Canosa, en Cee; Don Xosé Ferreiro García, de Golmar, párroco do Burgo; don Manuel Martínez Riveiro, de Sofán na Coruña, e Don Mario Villaverde Villaverde, párroco de Xaviña en Camariñas.

Recibiron en agasallo da diocese que lle entregou persoalmente un delegado do Señor Arcebispo, entre o aplauso de todos os reunidos, que compartían o xantar ao que nos convidara o Señor Arcebispo.