martes, 23 de noviembre de 2010

A BERGANTIÑÁ

     Ben sabedes todos que os peregrinos que chegan a Santiago, se acreditan certas condicións teñen dereito a recibiren un documento que recoñece, nominalmente, ese feito.

     Requírese, sobre todo, que o peregrino sexa motivado por razóns de Fe, non por razóns turísticas, sen máis, ou deportivas, ou ecoloxistas.

     Sendo así, os que veñan a pé andando 100 quilómetros; ou dacabalo, esa mesma cantidade de quilómetros; ou 200 quilómentros, en bicicleta, son os merecentes da chamada Compostela.

     O premio material, hoxe, é pequeno, máis é símbolo do que había noutros tempos. Hoxe, os dez primeiros peregrinos que acreditan ter a Compostela, en cada día terán o xantar gratuíto no Hostal dos RR. Católicos.

     A popularidade da Compostela está facendo que noutros centros da nosa terra que queren atraer ós peregrinos, tamén dean un documento acreditativo. Así, en Fisterra, que por ser final do mundo, atraíu e segue atraendo peregrinos.

    Tamén en Padrón, por aquelo que din: o que vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romería, ou non. Un pareado moi galego que sementa dudas sobre unha peregrinaxe a Santiago, se non remata en Padrón.

     Así pois, en Padrón, berce do Xacobeo, agora o concello da a Pedronía, ós que foron visitar o Pedrón que se garda na igrexa parroquial.

     Aquí en Carballo, botándolle imaxinación á cousa, ós que fixeron o curso de pastoral, dóuselles un diploma, redactado en latín, acreditando que os así galardoados foron peregrinos que percorreran todas as etapas, ou clases, que se impartiron sobre o Ano Santo.

     Velaí, pois, a Bergantiñá, outorgada aquí en Carballo.

Bergantiñáns peregrinos a Santiago

Arziprestazgo_18_0166

Rvdo. D. José Cambón Martínez

Arcipreste de Bergantiños 

 

     Os bergantiñáns somos moi devotos para acudir ás romarías. Agora, nos autobuses que van á Escravitude, San Campio de Entíns, Milagros de Amil; e, acó máis preto, a Vilamaior e ao Espíritu Santo de Rial. Caión, Agolada, Muxía, Malpica, tamén son centros de devoción para os bergantiñáns.

     Polo tanto, ir a Santiago a pé, en Ano Santo, tamén é propósito da xente bergantiñá. Hai quen coñece ben os atallos para que o esforzo sexa menor.

     No Ano Santo de 1982 un grupo de veciños de Seavia saiu moi cedo, de preto da igrexa parroquial, para ir a Compostela. Van a pé, diríxense a aldea de Mira, pasan a rentes da capela de San Outelo, en Bazar, baixan pola Pereira cara a igrexa de Rial, en Dubra, pasan mesmo á beira do camposanto desta parroquia, chegan a Bembibre, cruzan o río Dubra na Ponte Taboada. Seguen agora o curso da estrada que leva a Portomouro.

     Neste grupo de auténticos peregrinos houbo algún desfalecemento ao chegaren a Santiago, pero repuxéronse, axudáronse mutuamente e gañaron o xubileo na Catedral. Cando regresaron, viñeron en autobús.

     Mesmo nese día foi a peregrinación oficial do arciprestazgo de Bergantiños. Moitos fomos e viñemos en autobús.

     Agoran digan vostedes quen foi, ou foron, os verdadeiros peregrinos a Compostela.

CAMIÑO XACOBEO DE BERGANTIÑOS A SANTIAGO

Virgen Peregrina

     Colaborando neste ambiente xacobeo que hai entre nós, imos falar dun Camiño Xacobeo que ía de Carballo a Santiago. Baseámonos na obra de Ferreira Priegue titulada Los caminos medievales de Galicia. Nela podemos ver un camiño que sae de Carballo por A Brea, Ardaña, Quintáns, Rus, Portochan, Portocovo, A Folgueira, Rebordelos, Abelenda, A Brea de Benza, Longarela, Ponte Alvar, Ponte Vilar, O Bargo, A Peregriña, onde a autora pon unha ermida.

     Isto é o principal. A devoción á Virxe Peregrina, é propia do Camiño de Santiago, así, en Pontevedra. Santa María, pois, recibe, anima, protexe ós peregrinos a Santiago. Ela mesma foi peregrina no seu tempo. Vén agora visitar a Santiago sepultado, como antes fora a Zaragoza.

     Por ese camiño de Ponte Alvar a Santiago, ían os peregrinos do Bergantiños oriental, os da Dubra oriental, e todos os dos concellos de Trazo e Tordoia.

     Aquela ermida deu paso a unha gran igrexa feita polo arcebispo Alexandre Bocanegra, e finalmente, converteuse en parroquia a finais do século XIX por decreto do cardeal García Cuesta.

     Como A Peregrina, tamén a Virxe do Camiño, que hai en León e en Pontevedra, son referencias do Camiño de Santiago, tanto do Francés como do Portugués.

     Velaí pois, un Camiño Bergantiñán, que haberá que percorrer a pé, como antano, pois non hai estrada para todos os tramos del.

      Entramos, pois, na cidade de Santiago. Na capela da Virxe da Fonte, nos Pelamios, podemos ver unha bóveda gótica coma a que hai en Santiago en San Paio da Devesa, todo obra dos monxes benedictinos.

      Máis adiante, xuntámonos cos peregrinos que veñen polo camiño francés.

     A nós, non nos darán a Compostela, pois o noso camiño non pasa de 45 quilómetros pero si os aproveitamos ben, coa preparación e devoción propia dos romeiros bergantiñáns, teremos moito gañado para o noso ben espiritual.