martes, 23 de noviembre de 2010

A BERGANTIÑÁ

     Ben sabedes todos que os peregrinos que chegan a Santiago, se acreditan certas condicións teñen dereito a recibiren un documento que recoñece, nominalmente, ese feito.

     Requírese, sobre todo, que o peregrino sexa motivado por razóns de Fe, non por razóns turísticas, sen máis, ou deportivas, ou ecoloxistas.

     Sendo así, os que veñan a pé andando 100 quilómetros; ou dacabalo, esa mesma cantidade de quilómetros; ou 200 quilómentros, en bicicleta, son os merecentes da chamada Compostela.

     O premio material, hoxe, é pequeno, máis é símbolo do que había noutros tempos. Hoxe, os dez primeiros peregrinos que acreditan ter a Compostela, en cada día terán o xantar gratuíto no Hostal dos RR. Católicos.

     A popularidade da Compostela está facendo que noutros centros da nosa terra que queren atraer ós peregrinos, tamén dean un documento acreditativo. Así, en Fisterra, que por ser final do mundo, atraíu e segue atraendo peregrinos.

    Tamén en Padrón, por aquelo que din: o que vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romería, ou non. Un pareado moi galego que sementa dudas sobre unha peregrinaxe a Santiago, se non remata en Padrón.

     Así pois, en Padrón, berce do Xacobeo, agora o concello da a Pedronía, ós que foron visitar o Pedrón que se garda na igrexa parroquial.

     Aquí en Carballo, botándolle imaxinación á cousa, ós que fixeron o curso de pastoral, dóuselles un diploma, redactado en latín, acreditando que os así galardoados foron peregrinos que percorreran todas as etapas, ou clases, que se impartiron sobre o Ano Santo.

     Velaí, pois, a Bergantiñá, outorgada aquí en Carballo.

No hay comentarios: