martes, 23 de noviembre de 2010

Bergantiñáns peregrinos a Santiago

Arziprestazgo_18_0166

Rvdo. D. José Cambón Martínez

Arcipreste de Bergantiños 

 

     Os bergantiñáns somos moi devotos para acudir ás romarías. Agora, nos autobuses que van á Escravitude, San Campio de Entíns, Milagros de Amil; e, acó máis preto, a Vilamaior e ao Espíritu Santo de Rial. Caión, Agolada, Muxía, Malpica, tamén son centros de devoción para os bergantiñáns.

     Polo tanto, ir a Santiago a pé, en Ano Santo, tamén é propósito da xente bergantiñá. Hai quen coñece ben os atallos para que o esforzo sexa menor.

     No Ano Santo de 1982 un grupo de veciños de Seavia saiu moi cedo, de preto da igrexa parroquial, para ir a Compostela. Van a pé, diríxense a aldea de Mira, pasan a rentes da capela de San Outelo, en Bazar, baixan pola Pereira cara a igrexa de Rial, en Dubra, pasan mesmo á beira do camposanto desta parroquia, chegan a Bembibre, cruzan o río Dubra na Ponte Taboada. Seguen agora o curso da estrada que leva a Portomouro.

     Neste grupo de auténticos peregrinos houbo algún desfalecemento ao chegaren a Santiago, pero repuxéronse, axudáronse mutuamente e gañaron o xubileo na Catedral. Cando regresaron, viñeron en autobús.

     Mesmo nese día foi a peregrinación oficial do arciprestazgo de Bergantiños. Moitos fomos e viñemos en autobús.

     Agoran digan vostedes quen foi, ou foron, os verdadeiros peregrinos a Compostela.

No hay comentarios: