martes, 27 de octubre de 2009

SANTOS E DIFUNTOS

     Os que vivimos no hemisferio norte temos moitas ventaxas para celebráremos a Liturxia Romana.

     Estamos no outono. Os nosos carballos, albres emblemáticas da nosa terra, van ter unha cor dourada, froito da metamorfose de cores que empezou na primavera. Aquel verde tímido que agromaba nas pólas aló polo abril, foi afianzándose nun verde escuro polo verán e remata a súa sinfonía de cores nun dourado que semella o dos nosos retablos barrocos.

     As carballeiras quedarán estradas de follas que alfombran o noso camiñar. Os poetas darán vida a esta follaxe que, tendida no chan, canta, romántica, o que é o ciclo da nosa vida.

     Estamos ás portas de Santos e Difuntos. Serena placidez do outono, que nos leva a matinar sobre a nosa existencia, sobre un final que nos pide sentidiño, reflexión, ao abeiro da Fe en Cristo, tamén morto, pero definitivamente resucitado.

     Así temos que vivir estes días do comezo de novembro. Con recordo para ós nosos que nos precederon; para todos os que con Deus están.

     Agradecemento, oración, paz, consolo, esperanza. Son as categorías coas que temos que vivir o misterio da morte, dulcificado coa Resurrección que esperamos acadar gloriosa, pero que xa ilumina o noso camiñar por este VAL DE BÁGOAS.