viernes, 29 de enero de 2010

DÍA DA NON-VIOLENCIA

     Cada 30 de xaneiro celébrase o Día da Non-Violencia e a Paz. É unha celebración civil, con gran resoancia nos colexios.

     Está motivada porque nese día do ano 1948 foi asasinado Mohandas Gandhi, que foi un lider do autogoberno da India, pero loitou sempre pacíficamente, cunha resistencia pasiva. Loitou pola convivencia pacífica entre hindúes e musulmáns. Foi un admirador de Cristo e do Evanxeo. Pero tamén se queixaba dos cristiáns que non cumprían coa Fe que dicían profesar.

     Ademais desta celebración os católicos temos o Día da Paz instituído polo Papa Paulo VI.

     Quixo el que o día primeiro do ano fose para pensar na Paz, como un ben, un dereito e un don que se constrúe polos humanos. No primeiro de ano, aínda resoan as palabras da mensaxe de Nadal: “Gloria a Deus no ceo e Paz na terra para os homes de boa vontade, para os homes de boa fe, para os homes que Deus ama”.

     Caben as tres traducións. Pois ben, aprestémonos a construir a Paz. Que debera ser misión prioritaria dos crentes.

     Paz no mundo, nos pobos, e na conciencia de cada quen, como nos dixo aquel papa tan amado, que foi Xoán XXIII. Paz, consecuencia da xustiza, como ensinou Pío XII.