martes, 12 de julio de 2011

A Nosa Señora do Carme

Nos días en que o mar parece estar máis azul, e máis quente a auga das súas ondas, e máis relucente a area das nosas praias, parece que todo se volve marco festivo para a celebración típica dos nosos mariñeiros: a de Nosa Señora do Carme.

     Irá en motoras a súa imaxe polas rías de Laxe, Malpica, e moitas outras vilas mariñeiras.

     Cantarán a Salve Mariñeira as nosas corais e tamén os cadetes da Escola Naval de Marín.

     Bergantiños ten un perfil mariano, pois desde a Nosa Señora da Pastoriza pasando por Caión, Laxe, Muxía… toda a costa está señoreada por santuarios de Nosa Señora.

     Carballo ten a festa do Carme, pensamos, das primeiras en celebración porque vai acompañando as festas patronais, como son o patrón San Xoán e o Santísimo Sacramento.

      Pero o Concello ten unha cabeceira marítima que é cobiza dos que nos visitan. A latitude da praia de Razo, que é un sistema de ondas cabalgantes deica Baldaio e Pedra do Sal, é algo que levanta o espíritu.

     Tamén merecen a nosa responsabilidade no cuidado de tanta fermosura.

     Felicidades ás Carmes e Carmelos.