martes, 10 de mayo de 2011

Vodas sacerdotais

     Hai dous días ó ano, nos que o Sr. Arcebispo invita os sacerdotes a unha Misa solemne na Catedral e despois convida a xantar.

     Un día é o Martes Santo en que celebramos a renovación das promesas feitas na ordenación sacerdotal.

     Outro día é o da celebracióndas vodas de diamante, ouro e prata de xeracións sacerdotais que cumpren 60, 50 ou 25 anos da súa ordenación. En números redondos, este ano había, respectivamente: 10, 40 e 2 sacerdotes que foron ordenados nos anos 1951, 1961 e 1986. Reciben do Sr. Arcebispo un merecido agasallo.

     Todos felicitamos a estes compañeiros. Na Misa que preside o Sr. Arcebispo faise memoria daqueles que non chegaron a estas vodas porque foron chamados polo Señor e descansan en paz.

     Entre os ordenados no 1961, e polo tanto, celebra vodas de ouro, está don Xosé Cambón Martínez, que é párroco de Couso, Ferreira, Agolada e Cuns, no concello de Coristanco. O señor Cambón Martínez naceu en Ardaña no 1937, foi ordenado en Agosto do 1961. Actualmente, tamén é arcipreste de Bergantiños.

     Queremos felicitar a este distinguido compañeiro, pedimos para el moitos anos de vida e que siga exercendo o seu sacerdocio entre nós, animándonos co seu exemplo e virtudes.

     O señor Cambón, nos anos que leva servindo as súas parroquias, ten feito gran labor restaurando aquelas igrexas e promovendo as comunidades a unha vida cristiá máis participativa.

     Tamén celebra este ano vodas de ouro do sacerdocio, don Francisco Domínguez Lobelos, párroco de Cesullas no concello de Cabana.

     Aburiño, pois. Coa bendición de Deus.