viernes, 9 de enero de 2009

DISFRUTANDO DA XENEROSIDADE DOS REIS MAGOS


Empezamos outro ano, unha xeira máis, onde tan gratamente nos acolle esta páxina carballesa.

Están os nenos disfrutando da xenerosidade dos Reis Magos. Quizáis algún neno ou nena non merecese tanto, pero os Reis, pensando e confiando en que eses así van portarse mellor, por iso deixaron o seu agasallo.

Polo tanto, quedan todos convocados para reemprender de novo os estudos nos Colexios, a asistencia á catequese nas igrexas. Un compromiso de todos como nos piden os Reis Magos.

Os máis vellos lembramos que, na nosa nenez, viñan polas portas a cantar matines. Así chaman en Bergantiños ás panxoliñas. As dúas palabras (matines, e panxoliñas) son moi importantes para vislumbrar a orixe deste noso folklore.

Cantaban así. (Entran catro mozos, en dous coros)

"A la puerta estamos
cuatro pasajeros
se nos dan licencia


escomenzaremos.
Es descortesía
es desobediencia
ponerse a cantar
sin pedir licencia"

(Seguen máis versos)

Intercalando sempre, ao final de cada estrofa, " Buenos Reises, Buenos Reises!"
O castelán empregado tamén axuda para pescudar na orixe destas cántigas de Nadal.

Pois remato coma nos matines: "Buenos Reises!"
Deamos tamén ós nosos nenos e nenas o agasallo de coñeceren e amar ao Neno Xesús.

RECORDANDO O ANO QUE REMATOU...







Demos cabo a este ano e coma sempre facer un resumo ou balance do mesmo. Coma sempre hai luces e sombras.
Aqueles ós que lle tocou a lotaría, moi ben han de falar deste ano. Anque parece que desta vez non houbo a sorte do ano pasado.

Punto negro, moi negro, é a violencia doméstica que segue e segue, e chegou a moi preto de nós. E dá que pensar, porque poida que haxa mulleres que, á tal hora, estean aguantando moito nas súas casas por ver de manter unida a familia.


Debemos sentir dor e vergonza por algo tan triste e arrepiante. Vindo a cousas máis gratas, falemos do triunfo da selección española de fútbol, e dos nosos tenistas en Arxentina. Así, Campionato de Europa e Copa Davis viñeron para España.


Sinalemos a visita que a parroquia de Carballo fixo ao Vaticano, onde o Papa Benedicto XVI nomeou esta freguesía de San Xoán. Asimesmo, os bergantiñáns en Roma visitaron e foron gratamente recibidos polo noso embaixador. Don Paco Vázquez, como dicimos acó
.

Este ano deixa afirmada a presenza do noso laicado en parroquias nas que, polo domingo, non pode haber Misa. Celebran eles a Palabra (homilía, comunión, catequese, canto, oracións) e así animan esas comunidades. Exemplo este para outras bisbarras da nosa diocese.

Boas novas son: o sacerdocio de D. Pablo Carou Barros, quere exerceu como diácono entre nós durante un ano. E agora temos outro xoven diácono, D. Daniel Pérez Espasandín, que será sacerdote, D.M., en xullo deste ano no que entramos.


Rematemos evocando a dous compañeiros que se xubilan, pois teñen xa máis de oitenta anos. Son, D. Perfecto Santiago Carracedo, párroco de Cereo, Valenza e Verdes; e D. Xosé Xerpe Barreiro, párroco de Castro, Coristanco e San Xusto.

Chegaron á plenitude do seu esforzo e merecen un descanso, ben gañado