martes, 24 de noviembre de 2009

A MEDALLA MILAGROSA

Medalla

     A celebración da Virxe da Medalla Milagrosa ten en Carballo unha triple localización: A Capela do Campo da Feira, a Igrexa Parroquial e o Colexio das Fillas da Caridade.

     Hai xa máis de medio século que este Colexio Fai moito ben en Carballo e en toda a bisbarra bergantiñá. Foi, e segue sendo, coma un  seminario no que se formaron xóvenes, nenos, que hoxe gardan un bo recordo do seu paso por este Centro. Así o amosaron cando hai poucos anos foi celebrado o cincuentenario da chegada das Fillas da Caridade a Carballo.

     Temos, pois, que felicitarnos pola presencia e misión que as relixiosas vicencianas están exercendo.

     Son doce relixiosas. A superiora é sor Celia que hai ano e medio está ao fronte da casa.

Pero hai tres venerables irmás que están no pensamento, no corazón e na oración de cantos tiveron, ou teñen, algunha relación con aquel colexio. Tres irmás anciáns, que, despois dunha vida toda entregada ao servizo da obra vicenciana, en diversos lugares, agora, por razóns de saúde, xa non poden traballar e servir como elas quixeran.

Reciben, si, o trato e agarimo, todo amor e caridade que elas merecen, das súas irmás relixiosas. Velaí un exemplo de como temos que atender aos que non poden valerse, aos que a idade limitanas súas posibilidades físicas ou mentais.

Estas venerables Fillas da Caridade son:

- Sor María, que exerceu como cociñeira no Colexio.

- Sor Ana, que foi superiora na casa que a institución ten en Vigo.

- Sor Matilde, que foi catequista en Carballo moitos anos e que levaba a Comunión a moitos enfermos. Subindo e baixando escaleiras nas casas de Carballo.

     Queira a Virxe Milagrosa conservar a vida destas tres insignes relixiosas moitos anos; e confortalas na súa enfermidade.

     E tamén recoñecemos e agradecemos o exemplo de amor constante, oculto, que nos dá a comunidade de Carballo, coa atención a estas figuras exemplares das Fillas da Caridade.