martes, 26 de junio de 2012

CONTRA A DROGA

 

Boa semana esta para reflexionar, ainda que esteamos en festas.

Ou mesmo por iso estamos ante o Día Internacional do Tráfico de Drogas.

Publícase en Carballo, con varios patrocinios (Deputación, Concello, anunciantes) a revista Vieiro.

De distribución gratuita. Aparecen nela os estragos que as diferentes clases de droga fan entre nós. Pero ademais, danos vieiro cumprida información de médicos, terapeutas, psicólogos, expertos na cuestión, para que poidamos remontar a situación e acadar a liberación da escravitude que supón tanto estupefaciente que se reparte con facilidade por Bergantiños.

Unha ruína para a propia personalidade; ruina tamén para as familias.

Males que sobreveñen tanto na saúde como na economía e convivencia.

O primeiro domingo de Xullo está dedicado á Xornada de Responsabilidade nas Estradas. Outro mal no noso tempo son os accidentes, algúns mortais, que aporta a desmedida velocidade, a confianza, as distraccións na conducción.

E así temos tantas bágoas, cadeiras de rodas, mortes que xurden sempre todo o ano, pero quizáis máis no verán, en que Galicia é toda unha festa permanente, chea de pistas estreitas, con casas a beira das mesmas… que piden teñamos sentidiño, responsabilidade, á hora de conducir.

domingo, 24 de junio de 2012

FESTAS DE SAN XOÁN

 

Nesta semana, festa de San Xoán en Carballo e noutros sitios. O programa desta vila, no relixioso, está compost por tres celebracións tradicionais na nosa Galicia.

Diante, o primeiro día, o Patrón, San Xoán Bautista. Veredes que na procesión vai unha imaxe fermosísima, candorosa, ela soa chama pola devoción a este santo, austero, modelo para os nosos tempos de crise, pero anuncia a Cristo Liberador.

Segue a procesión do Santísimo, longa, solemne. Con tres estacións con particulares significados. Na primeira temos un tapiz floral co escudo de Carballo, coma se todo o concello quixera pedir a bendición do Señor.

Na rúa Cervantes, no ángulo en que temos referencias a galegos de pro, como son Valle Inclán e Colón, un elevado altar coroado pola imaxe do Corazón de Xesús, sedente, espera e dá acougo á custodia do Señor Sacramentado.

Unha variada foguetería rexida por ordenador, dá a despedida.

Chegará a procesión a outro altar erixido pola devoción dos veciños da Braña. Aquí é onde se desata o meirande estronicio para saudar ó Santísimo Sacramento.

No terceiro día, Carballo, mariñeiro e pescador, industrioso no eido da conserva, invoca e honra á Virxe do Carme.

Unha factoría nacida nesta vila e creacion dun carballés que buscou progreso e traballo para moitos, leva o nome de Carballo polo mundo adiante. Sobranceira é como poucas a industria da familia Calvo, no eido da conserva en todo o mundo.

Se lle vai ben, como pedimos de corazón, moitos carballeses e bergantiñáns terán pan e traballo. Como foi así ata agora.