sábado, 3 de abril de 2010

CHEGAMOS A SEMANA SANTA

Semana Santa

     Vivimos a Semana Santa deste Ano Santo Compostelán.

     Na Catedral, repuxeron xa, na chamada Torre da Carraca, o instrumento propio dos días de loito da Semana Maior. Cesa o sonido das campás, e teremos o berro estridente da carraca. Seica hai medio século que non funcionaba a carraca da Torre do Obradoiro. Os máis vellos lembramos quel son da vella carraca, que, asegún din, foi posta alí hai século e medio.

     Na liturxia tamén se manexaba unha carraca, en vez da campaíña. Todo era para expresar a dor pola morte do Señor. Así era, desde o gloria do Xoves Santo, ata o gloria da vixilia Pascual, que, nos vellos tempos, era o sábado pola mañá, desprazada da noite do sábado ao domingo, que é o lugar propio da celebracón, como agora temos recuperado.

     Por algunhas aldeas de Bergantiños había carracas de feitura caseira, que os rapaces poñían a funcionar neses días da Semana Santa.

     Chamábanlle “rélos”, que é unha palabra que leva a vibrante R, como unha voz onomatopeia do son recio primitivo do instrumento. Máis perceptible aínda cando dicimos “carraca”.

     Que estas manifestacións culturais e litúrxicas nos leven ao espíritu penitente da Semana Santa, na espectativa da Vixilia Pascual, cumio de todas as celebracións do ano.