jueves, 2 de abril de 2009

ANTE A SEMANA SANTA...




O pórtico da Semana Santa é a celebración de Nosa Señora das Dolores. Ela é a mellor pregoeira da Semana Maior da Pasión do Señor.


Xa están postas as imaxes da Virxe das Dolores en moitas das nosas parroquias. Estase a celebrar o seu septenario, e despois virá a procesión do Venres Santo. En Carballo hai numerosa cofradía que solemniza estes días. Son almas devotas que levan a imaxe ao altar propio das conmemoracións particulares e poñen alí os mellores ornamentos.


Hai misas polos cofrades falecidos cando a morte vai visitando cada familia. Lembremos que a cofradía das Dolores de Carballo fixo o agasallo de artística custodia para o culto da parroquia. E outras axudas máis. Por exemplo, preciosos labores de encaixe que ornamentan a imaxe, foron feitos e ofrendados por mans expertas e devotas de cofrades distinguidas, que colaboran en moitas actividades parroquiais.


Acudindo á liturxia do noso Diurnal Galego, temos versos que expresan o contido desta celebración mariana. Ela é tan humana, que nos sentimos acompañados por María, na hora das nosas crucifixións. Asimesmo, queremos acompañar como ela a tantos que comparten con Cristo as horas amargas das probas que a vida ofrece.


Velaquí uns versos referidos a Nosa Señora das Dolores:


“De pé, vendo que morría
o teu Fillo sentenciado.

De pé estiveches, María,
ó pé da Cruz, no Calvario.

Cada golpe e cada espiña
que no Fillo se cravaba,
cada burla e cada insulto
todiña te angustiaban.

Ó pé da Cruz sen manciñas
para aloumiñar a quen amas,
faste na dor receptiva
da Palabra que nos salva”