martes, 27 de diciembre de 2011

FIN DE ANO






Imos dar cabo a este ano 2011. Todos fan balance de cómo foi. No eido eclesial tamén podemos botar contas.



O gran acontecemento do ano foi a JMJ, a Xornada Mundial da Xuventude. Fíxonos a todos concebir esperanzas por ver a case dous millóns de xente nova xuntados en Madrid para escoitar ao Papa, a pesares de calor, ou da chuvia que houbo naqueles días.



Na nosa diocese tivemos a celebración do centenario da ordenación sacerdotal do Venerable D. Baltasar Pardal, a quen quixeramos ver un día beatificado.



Tivemos tamén os 800 anos da consagración da actual Catedral de Santiago.



Houbo acontecementos tristes. Así, o pasamento de D. Xesús Precedo Lafuente, Deán Emérito da Catedral e profesor do Seminario de Santiago. Moitos máis cargos, honores e distincións tivo este esclarecido sacerdote, honra do noso clero.



Lamentable foi a desaparición do Códice Calixtino. Temos esperanzas en que volverá ao Arquivo da Catedral esta xoia da literatura xacobea medieval.



E achegándonos máis ao noso, este ano foi o comezo do Ano Xubilar da Capela da Milagrosa, que seguirá rexindo no vindeiro 2012 ata a clausura no mes de setembro. A restauración da vida cristiá na familia é o obxetivo desta gracia xubilar.



A Vixilia da Inmaculada, no pasado día 6 de decembro, trouxo moita mocidade a Carballo. Todos podemos ser testigos diso.



Finalmente, nas familias dos nosos oíntes tamén habería navidades: un bautizo, unha primeira comunión, ou un casamento. Quizáis tamén a morte, ou a enfermidade, dun ser querido. Así é a vida. Que Deus nos acompañe no vindeiro ano.

martes, 20 de diciembre de 2011

DÍAS DE NADAL






Estamos inmersos no ambiente navideño. Quizáis, cada ano, notamos máis a falta do Neno Xesús, como fundamento e razón do noso gozo. Para os cristiáns, o nacimento de Xesús, é o alicerce da nosa alegría. Se isto falta, podemos quedarnos en felices fiestas, como frase ou desexo que podemos oír, pero iso é moi pouco para un crente.






A mensaxe de Xesús é paz para ós homes de boa vontade. Así é a traducción que presenta a Biblia da Conferencia Episcopal Española, editada haberá medio ano.






Volvemos, pois, á traducción clásica, e deixamos a que rexía ata agora, que dicía: Paz a los hombres que ama el Señor.






Non é doada a traducción, recoñezámolo.






O texto grego pon tes eudokías. Literalmente, pois, de boa vontade. Pero trátase dun xenitivo que ten difícil versión. Supoño que cando lemos titulares nos diarios tamén notamos a ambigüidade dos xenitivos: se son obxetivos ou subxetivos no seu contido.






Coa nova traducción quérese sinalar que é precisa a boa vontade nas persoas para recibiren a paz que Cristo trae para todos. Ofrezamos, pois, esa boa disposición.






Pensamos que aquela traducción galega que fixeron Espiña e Morente aló por 1954 expresa moi ben a frase da lingua grega: paz para os homes de boa fe se temos soberbia, se non hai en nós humildade para acollera Xesús, quedamos sen a paz do Nadal.






Paz, pois, para os nosos oíntes e as súas familias. Que no la dá o Neno Xesús.

martes, 29 de noviembre de 2011

Advento






Estamos no Advento, un tempo litúrxico que nos fala da preparación para a chegada do Señor en Nadal. Tempo, pois, de expectación e esperanza.






Noutros anos, no primeiro domingo de Advento celebrábase o Día do Emigrante, na Igrexa Católica. O Emigrante por antonomasia é Cristo Xesús que vén a nós. E moitos paisanos emigrantes, agora, en Navidad, tornaban ás súas casas, tan sequera por uns días de vacacións familiares.






Volve a emigración, un feito social que pensabamos ía ir a menos. Pero as circunstancias económicas levan a moitos galegos outra vez, a centroeuropa.






Mércores, día trinta, é día de San Andrés, o Apóstolo irmán de San Pedro que en Galicia ten célebre santuario e populares cuartetos que avisan da necesidade de acudir aló, vivo ou morto.






Vén, despois, a festa de San Francisco Xavier, o xesuíta pamplonica patrón das misións, que é quen motiva o Día de Navarra.






Santa Bárbara, patroa de quen manexa material explosivo, como mineiros, artilleiros, ten imaxe e festa en Sísamo. Sempre nos acordamos dela cando lostrega, como di o sabio refrán.






Quédanos o sábado día cinco, como Día Internacional do Voluntariado. Que é a actividade de tantos catequistas, axudantes en cáritas, ONGs, etc.






Presente está o labor que os voluntarios fixeron na XMX de Madrid, ou en Lourdes, ou no pasado Ano Santo Compostelano.






Non todo é egoísmo. Hai moita caridade cristiá e tamén moita filantropía.






Todo é bo para o servizo da humanidade.

martes, 22 de noviembre de 2011

Santa Cecilia

Coral de Bergantiños







Sendo hoxe día de Santa Cecilia (ou Cecía / Icía, que algúns galegistas din) temos que falar do canto nas nosas comunidades.






Temos o canto de expertos que animan ao pobo para que cante nas funcións litúrxicas.



Temos o canto das grandes corais que hai en terras bergantiñás, que nestes días darán concertos para os amantes da música que, coido, somos todos.






Cada parroquia ten aportacións diversas. Todas son necesarias para facer máis solemne, máis devota, máis participativo o culto nas nosas freguesías.






Hai cancioneiros, folios, todo editado na procura da participación do pobo.






A isto queriamos referirnos. Que a participación do pobo é tan importante coma decisivas e necesarias son a súa presencia, as súas respostas aclamando, ratificando, ou proclamando a Palabra de Deus.






Poida que non todos teñan un mínimo de condicións para cantar. Serán poucos casos. Porque cantar levados por unha comunidade cantora, xa é doado.






Venzamos a comodidade e a rutina. Somos orantes, crentes, que cantamos as marabillas de Deus, que entoamos cantos de louvanza, de perdón, de misericordia, de esperanza. Todo, a según os tempos litúrxicos.






Que Santa Cecía, que aparece nas imaxes, ben tenxendo un arpa, ben tocando un órgano, nos axude a todos.

martes, 8 de noviembre de 2011

Día da Igrexa diocesana

O vindeiro domingo é o Día da Igrexa Diocesana. Da nosa diocese que, por ser de categoría especial é arquidiocese, podemos dicir moitas cousas. Así:

  • Falar da súa marabillosa xeografía, pois as rías galegas, altas e baixas pertencen á nosa diocese.
  • Da súa gran historia. Anos Santos, Corpo do Apóstolo en Compostela, na Catedral que é unha obra de arte que garda e protexe aquel sartego. E moitas cousas máis.

Pero o máis importante son os diocesáns, cos seus problemas e esperanzas. Así:

  • Mariñeiros con pouco mar libre para pescar.
  • Labregos que van á ruína polo escaso valor dos seus produtos.
  • O paro e a pobreza conseguinte que cáritas axuda a paliar.

Durante o ano pan pasando por diante nosa os problemas da diocese: seminario, igrexas novas a construír, outras a restaurar, despoboación no campo, concentración nos barrios das cidades, insuficiente número de sacerdotes.

Agora mesmo, a nosa diocese ten un plan pastoral que nos leva a coñecer mellor a Biblia, como Palabra de Deus. Non é unha evasión dos problemas de acotío. Non. Porque coñecendo que o amor que debemos a Deus maniféstase no amor aos irmáns, e isto cumprimos, teriamos unha sociedade máis xusta e integrada.

Polo tanto, paz social, consecuencia da xustiza e ésta basada no amor. Como é propio do cristianismo, a Mensaxe do Señor.

martes, 1 de noviembre de 2011

Santos e Difuntos

Santos e Difuntos son dúas celebracións tan ben emparelladas, que a súa ensinanza é manifesta. Destino, a resurrección, tras o intermedio da morte e da morte desta vida.

     O decaemento da natureza no outono, facilita no emisferio norte, esta celebración. Ao véremos que a follase das albres sinte a mordedura do frío, tamén pensamos nos albores e verdores da primavera e verán. Toda vida é un ciclo. Velaí, na natureza, morte e resurrección.

     Volverán os campos santos a seren un rebulir de xente piadosa. Flores, velas, oracións, suspiros, quizáis bágoas, tamén, todo iso enche o ánimo de esperanzas. As nosas, polos que xa non están acó, e as deles que seguen esperando e confiando en nós. Reciprocidade de recordos e oracións.

     Non é, pois, o campo santo, o lugar, sen máis, da morte, se non o lugar dos que esperan a resurrección, antesala nunha vida que xa latexa nos nosos corazóns, pola misericordia de Deus e as nosas, pobres, pero necesarias, obras de ben.

     Interroguémonos, pois, coma todos, para un bo emprego dos días de vida que poidan quedarnos. Quizáis teñamos algo que rectificar e moito labor por diante en favor do próximo e para gloria de Deus.

martes, 25 de octubre de 2011

De actualidade

 

   No Calendario da ONU figuran moitos días internacionais para cada ano. Pero, do 24 ao 30 de outubro, temos unha semana adicada ao Desarme.

     Vella cuestión que empezou con diálogo e tratados entre Rusia e Estados Unidos. Houbo guerras frías, grandes temores a que se chegara a utilizar tanto armamento nuclear como hai gardado en silos atómicos.

     Agora, a enerxía nuclear, e non con fins pacíficos, témola en bastantes países, tanto europeos como asiáticos. Vivimos sobre un polvorín, din algúns.

     O Desarme supón confianza e tamén vixiancia mutua. Un planeta desarmado (parece unha utopía) podería investir tanto capital en medicinas, progreso, atencións ecoloxistas… etc. Cando falamos da Fame no Mundo, vennos á mente o gasto en armamento para destruír e volver a construír, coma unha maldición de Penélope o mito grego que desfacía de noite o que facía de día.

     O día 31, é o Día Universal do Aforro. Seica as familias e os gobernos agora tratan de aforrar, se poden, porque temen polo futuro. Se se aforra, non hai consumo. E sen consumo non producen as fábricas, non hai emprego para traballadores, senón paro.

     Haberá que aforrar con prudente medida. Pero xa sei o que poderán pensar os lectores. As Caixas de Aforros, tan populares e queridas, deron indemnizacións millonarias a directivos cesantes. Pero non facilitan así o crédito ás familias e empresarios. O escándalo e indignación foi unha reacción unánime nos medios de comunicación.

     A xustiza social ten moito que facer e progresar entre nós.

martes, 18 de octubre de 2011

Misioneros por el mundo

Cartel A4

    

Os que seguimos a marcha da vida litúrxica e pastoral da Igrexa, ben sabemos que o penúltimo domingo de outubro é o DOMUND, unha palabra artificial de dúas sílabas para dicir Domingo Mundial da Propagación da Fe. Ou dito noutras palabras, o domingo das misións.

     Das misións que ten a Igrexa Católica en África, Asia, América ou Oceanía.

     A Igrexa, levando o evanxeo, tamén está civilizando, leva cultura, promove os dereitos humanos, defende a paz e a xustiza. Pero a Igrexa non é sen máis, unha Organización Non Gubernamental como tantas que hai nos nosos días, e tan meritorias que son polo seu labor.

     A Igrexa non se move por filantropía, ou por ecoloxismo, senon pola forza do Evanxeo que manda amar a Deus e ós irmáns. A Fe en Cristo morto e resucitado, a vida eterna como resultado do noso comportamento nesta vida temporal, que é proba e decisión nosa.

     A primeira intención do DOMUND é a de solicitar vocacións de misioneiros/as para este labor apostólico lonxe das nosas fronteiras.

     Bergantiños foi e segue sendo, terra de misioneiros. Velaí están as Fillas da Caridade e outras congregacións relixiosas de mulleres ou homes valentes, que buscan horizontes lonxanos para evanxelizar. Que de vez en cando volven a Bergantiños, pero non deixan o seu destino misioneiro. Admirable todo isto.

     Acompañémolos coa nosa oración e coa nosa axuda económica.

     O lema deste ano é: Como o pai me enviou, así tamén os envío eu. Son palabras de Cristo aos apóstolos. Hoxe continúan e reciben ese envío os nosos misioneiros/as

martes, 11 de octubre de 2011

Nosa Señora do Pilar

     Nosa Señora do Pilar trae a súa mensaxe de firmeza, seguridade. Por iso é a Patroa da Garda Civil. Este benemérito instituto fundado hai máis de século e medio, significa a defensa e custodia da orde pública especialmente nas zonas rurais.

 

     Pero nos nosos tempos a Garda Civil, xunto coa Policía Nacional, tivo que enfrontarse ao terrorismo para defenderen as liberdades. Casos heroicos temos tamén entre nós, aquí en Carballo.

     Por iso é un día para felicitar, agradecer, animar ós membros da Garda Civil por todo o servizo que fan pola comunidade durante o ano, días e noites.

     Sempre estamos acudindo á Garda Civil. Como os mundos do delito fanse cada día máis variados e frecuentes, velaí temos á Garda Civil loitando contra a droga, por mar e por aire, nos aeroportos, nas aduanas…

     Axudan e protexen o tráfico polas estradas. Loitan contra os delitos que maltratan a natureza: lume nos montes, ríos contaminados…

     Agora hai delitos informáticos. Para iso hai que ser verdadeiros especialistas.

     Homes e mulleres compoñen o instituto armado que chamamos a Benemérita Garda Civil.

     Con uniforme renovado agora que un sinal de que desexan estar máis dispostos aínda para prestar dilixentemente o seu servizo ao pobo. Felicitemos á Garda Civil que tanto arrisca por servir á sociedade.

San Francisco de Asís

  

  San Francisco de Asís, o fundador dos Irmáns Menores, como él chamou ten a súa festa o 4 de outubro. Agora dicímoslle franciscanos. E ós Franciscos chamámoslles Pacos. Seique esta palabra vén de dúas latinas: pater communis, pai común, que era o sobrenome que os franciscanos das diversas ramas, daban a San Francisco, que era pai de todos.

     San Francisco hoxe é viva actualidade porque é o patrón dos ecoloxistas.

     En Santiago, diante do convento dos franciscanos, no ano 1930, o gran escultor galego que foi Francisco Asorey, levantou un monumento ao santo, que aparece coas mans abertas e bendicindo ao lobo, ao cordeiro, aos labregos… en fin, a natureza aínda non estragada pola man humana.

     San Francisco no Cántico das Criaturas, rezaba: louvado sexas, meu Señor, por toda criatura, en especial polo irmán Sol, que alumea, abre o día e é fermoso no seu esplendor.

E pola irmá Lúa, de branca luz menor, e polas estrelas claras que o teu poder creou; tan limpas, tan fermosas, tan vivas como son, e brillan nos ceos. Louvado sexas, meu señor!

     E segue o santo invocando á auga, ao lume, á terra, ás herbas e flores… todo lles serve para louvar a Deus.

    

     Bendito este san Francisco de Asís, que pedía: Señor, fai de min instrumento da túa paz e o Padre Feijoo, fundador do Orfeón Terra Nosa, púxolle música, con letra galega a estas floriñas de san Francisco.

         

martes, 27 de septiembre de 2011

San Vicente–Fillas da Caridade

San Vicente de Paúl

   Hoxe é día de San Vicente de Paúl, celébrano solemnemente en toda a familia vicenciana. Así é como se adoita dicir para nomear ás Fillas da Caridade, Voluntarias da Caridade, Xuventude Mariana Vicenciana e Sacerdotes da Misión ou Paúles. Todos estes seguen a vida pastoral e de caridade que o fundador, San Vicente, desde o século XVII aló en París sinalou para todos os que quixeren vivir a fe cristiá desta forma peculiar.

     Seica hoxe hai 22 mil Fillas da Caridade en todo o mundo. Aquí na nosa diocese témolas desde hai máis de 200 anos en Carballo vai para 56 anos. Ocúpanse de atender a infancia e pubertade que pasa por circunstancias difíciles. Asimesmo colaboran en cáritas, nas parroquias e na catequese.

     As Fillas da Caridade están nos hospitais, en barrios pobres, nas misións de África ou América, e mesmo tamén en Asia. Son as máis coñecidas de todas as congregacións femininas.

     Na Coruña, Illa de Arousa, Meirás, Noia, Escarabote, Cangas, Bueu, Pontevedra, Poio, Santiago, Oleiros, O Grove… en todas estas localidades da nosa diocese hai Fillas da Caridade exercendo a súa vocación de axudar ós nenos, ós marxinados, ós pobres como nuestros amos y señores que dixo San Vicente de Paúl.

 

     Hai poucos días recibiron unha homenaxe as catro Fillas da Caridade que viñan exercendo no Hospital de Conxo, en Santiago, e que xa antes estiveran no Hospital en Galeras. Despois de 200 anos, pecha esta comunidade que, hai 30 anos estaba formada por 25 irmás. Os tempos, a falta de vocacións, obrigan a estas despedidas con moita dor de médicos e enfermos.

martes, 20 de septiembre de 2011

Rematando Setembro

 Vista lateral del convento de las Madres Mercedarias

Santiago de Compostela

Mañá e día de San Mateo, un apóstolo e evanxelista que moito nos instrúe a todos no seu evanxeo que este ano precisamente, o seu texto lémolo cada domingo.

     Non hai moitas imaxes do santo. Haina, sí, na Agolada e no coro dos apóstolos que aparecen no retablo maior de Seavia. Agora tamén nunha vidreira das postas hai pouco na igrexa parroquial de Carballo.

     O día 24 temos unha celebración que trae felicitación para todas as Mercedes. Nome real, pois foi o da esposa de Alfonso XII que o deixou viúvo e isto dou pé a unha célebre película. Mercedes era tamén a nai do rei Xoán Carlos.

     Como fundador da orde da Mercé era catalán, San Pedro Nolasco, nesas terras ten moitos devotos Nosa Señora da Mercé. En Santiago hai un artístico convento de mercedarias. De mercedarios foi o convento de Conxo. Adicada a Virxe da Mercé hai na aldea de Lapido, parroquia de Ortoño, unha ermida, agora restaurada, que Rosalía de Castro visitaba cando, de nena, morou na veciña aldea de Castro. Por iso visitaba Rosalía á Nosa Señora da Mercé que había en Conxo. Todo isto sabíao ben, e contóunolo, o padre Placer López, mercedario, natural de Pontedeume.

     Temos, asimesmo, o Día do Alzheimer. Este ano anúnciase unha vacina contra este mal creada por médicos galegos. Sexa benvida

ROMARÍAS EN SETEMBRO

Mediado setembro e xa co sol moi baixo e as praias non tan concorridas e co inicio do curso escolar, temos festas que cómpre repasar:

  • A Exaltación da Santa Cruz lévanos ao castro de Santa Irene, que chaman, na parroquia de Lema.

A visión do mar, a belísima panorámica que alí contemplamos, fai que esteamos ante unha das máis fermosas paraxes de Bergantiños.

  • A Memoranza da Cruz do Señor, lévanos a ter tamén unha conmemoración de Nosa Señora das Dolores.

Moi fermosa romAría en Castrís e tamén celebración pola Cofradía das Dolores en Carballo.

  • Quédanos Santa Eufemia. A devoción a esta santa chéganos de Ourense, é venerada en moitas parroquias galegas. Así, en Vilouchada, onde houbo un mosteiro, é en Leira. Isto en terras de Órdenes.

Máis acó, temos festas de santa Eufemia na Capela de Ramil, en Rus, e na parroquial de Bértoa.

Seguramente o nome da santa, que se refire a falar ben (eufemismo) foi o que motivou a súa popularidade; así como o traballo pastoral nas igrexas para que todos falasemos ben, tanto a Deus coa oración (e lonxe das blasfemias) como do noso próximo. Santa, pois, esta Eufemia, que nos pide ser amables coa nosa palabra e pregoeiros da Palabra de Deus, que é o Evanxeo.

martes, 6 de septiembre de 2011

Empezou xa o Ano Xubilar Mariano.

  E

stamos vivindo un tempo profundamente mariano. A solemnísima apertura do Ano Xubilar Mariano ponnos a todos os crentes en tempo de revisión, profundización, actualización da nosa Fe. Venerando a María non descamallamos da esencia do cristianismo. Dicía hai algúns días, o sr. Arcebispo de Santiago, D. Xulián Barrio, que o mellor camiño para ir ao Fillo, é súa Nai, María. Nosa Señora lévanos a Xesús.

     Temos todo un ano, Deus nolo dea para sentirnos peregrinos ao santuario da Virxe Milagrosa en Carballo.

     Sempre Bergantiños tivo piedade mariana peregrinante. Preto quedan, e son testimonio, os santuarios de Vilamaior, Caión, Muxía, Monte Torán, A Pastoriza…

     Pois ben. Poñámonos en camiño física, mental e moralmente.

     María está disposta a acoller con solar e animar. Ela levaranos docemente a Cristo Xesús.

martes, 30 de agosto de 2011

Xubileo da Milagrosa en Carballo

O Cardeal Rouco, o Arcebispo D. Xulián, Carrasco Rouco bispo de Lugo, sr. cura de Carballo, e Vicarios Episcopais na visita a Capela da Milagrosa no día 29 de Agosto

    Neste día penúltimo de Agosto, temos ante nós circunstancias ben diversas.

    

     Deixemos aquí unha felicitación para Ramóns e Rosas que teñen nestes días fináis de Agosto o seu onomástico.

     Pero estamos xa ás portas do Xubileo Mariano da Milagrosa en Carballo.

     Aquela igrexa anque reducida en capacidade, vai acoller gran número de devotos, tanto de Bergantiños como de Galicia.

     As Fillas da Caridade, que teñen a devoción á Milagrosa, como emblema e tradición, estarán presentes en número moi considerable na inauguración do Xubileo. Nos días anteriores terán as Fillas da Caridade Asemblea en Carballo, na procura da asistencia despois á inauguración que presidirá o Señor Arcebispo.

     Temos á nosa disposición toda clase de información, obxectivos e significado deste xubileo, tanto para a nosa sociedade, como para a vida persoal de cada un dos crentes. Que Santa María nos leve a unha vida de entrega á Noso Señor e servizo ao próximo.

     Amén. Aleluya.

    N.B.: Os actos do domingo día 4 as 12,30 serán retransmitidos por RadioVoz e polas emisoras de Tv Popular Tv e 13Tv, para Galicia e toda España.

 

martes, 23 de agosto de 2011

Máis festas de Nosa Señora

  Nesta semana agosteira temos festas moi próximas no tempo e no espazo.

     Festas de Santa María en Traba, a igrexa que en tempos de Pondal, a torre branqueaba porque sería de recente construcción.

     Pondal adica tamén uns versos ao val desta parroquia, visto desde a aldea de Buxán, en Seavia.

     Máis aló, Entrecruces, tamén con catro días festeiros. Esta igrexa ten un valioso retablo barroco, nesa quenda de importantes retablos que hai en Bergantiños como son os de Xaviña, Castro, e Oza.

  

     Da nosa nenez, recordamos as cereixas e as cuncas de Entrecruces. Chegaban a Dubra en facos ou bestas que foran criados no monte. Conducidos por mulleres bergantiñás que vendían ou trocaban por millo a mercancía que ofrecían. Moi faladoras e graciosas estas mulleres.

     No derradeiro sábado de agosto, temos a romaría nova, a de Nosa Señora dos Milagros en Cereixa-Erbecedo. Empezou esta festa no ano 1943, cando o párroco don Ramiro edificou a capela actual no chan que fora onde estivera a igrexa parroquial, levada para a aldea de Silván, habería daquela, 100 anos.

     Canta o himno de Erbecedo:

Da Virxe dos Milagros a Capela

ten agora a aldea de Cereixa

noutro tempo, cabo dela,

estivo cemiterio e igrexa.

     A imaxe de Nosa Señora ten ao seu pé, un mariñeiro e un labrego. Na Historia de Seavia-Erbecedo figura o nome do escultor que a fixo.

     Desde acó, encomendámonos unha vez máis, a Nosa Señora, a da Ermida de Cereixa, na Erbedeira, ou Erbecedeira de Erbecedo

martes, 16 de agosto de 2011

Xornada Mundial da Xuventude

     Logo-JMJh_HQ

     Empeza a JMJ en Madrid, a Xornada Mundial da Xuventude que o Papa Benedicto XVI, na anterior, en Sidney, outorgou a Madrid e o Cardeal Rouco presente, acolleuna con gratitude.

     Arraigados, edificados en Cristo. Firmes en la fe. Frase de san Paulo que serve de lema a Xornada Mundial.

     Os nosos peregrinos: mozos, sacerdotes, profesores, responsables dos diversos grupos… aló van, a Madrid.

     Preside a peregrinación o Sr. Arcebispo don Xulián Barrio. Os ben coñecidos colaboradores seus, neste eido, como son Xabier Porro e Andrés García Vilariño, aló van con moitos dos nosos.

     De Bergantiños, con don Daniel, vai un grupo que podería ser maior, se non foran os exames que algúns teñen a comezos de setembro.

     Estarán en Madrid deica o domingo 21. Os días 22 e 23 estarán descansando nalgún pobo de Castela.

     Antes de saír para Madrid, tamén Carballo, Oza, Razo… foron puntos de breve permanencia para que xóvenes estranxeiros descansasen e disfrutasen da nosa terra.

     Boa viaxe. Recoñezamos a valentía e decisión do grupo Bergantiñán, animado por don Daniel, a quen se lle ten encomendado este labor pastoral.

     A súa simpatía, xuventude, entusiasmo fixo posible esta presencia dos nosos mozos e mozas en Madrid.

martes, 9 de agosto de 2011

Nosa Señora de Agosto

  Agosto é o mes de Nosa Señora, como xuño é o mes de san Xoán.

     A festividade da Asunción de Santa María fai que a meirande parte das nosas freguesías celebren as festas patronais.

     Un poema é música de Cesareo Garabain expresa moi ben o que son tantas fesetas a Nosa Señora:

Miles de ermitas pequeñitas

cobijan tu imagen, Señora.

Campanas que el angelus rezan

paisajes que cantan y lloran.

Mas sé que prefieres y añoras

la ermita de mi corazón.

Temblores de paz en el alma

el eco de una oración.

     Se miramos a paisaxe, se escoitamos tanta campá que tanxe, no medio dos balbordos da vida actual, sentiríamos letra e música desta canción, que no seu ritmo, semella unha campaíña que convoca humildemente á festa de Santa María.

     Rus, Bértoa, Ardaña, Cereo, Ferreira, Traba… e non sei cantas máis van estar de festas patronais.

     E na xuntanza das terras de Dubra e Xallas, o santuario de Nosa Señora de Vilamaior. Confluirán moitos devotos, entre eles, os de Bergantiños que sempre foron moi amigos de romarías.

martes, 2 de agosto de 2011

A Porciúncula

Porciúncula de Asís

     Ten tantas advocacións Nosa Señora, María Santísima, que as hai moi parecidas. Todas veñen a converxer na Nai do Señor e Nai nosa.

     Hoxe é o día de Nosa Señora dos Ánxeles, ou Anxos. É o título dunha pequeniña igrexa que había en Asís, aló polo século XII. Alí oraba san Francisco. Sentíu a chamada a renovar a Igrexa, e o santo empezou por restaurar físicamente a obra de esta igrexiña. Entendeu despois, o santo, que a obra de renovación era moito máis trascendente: era a renovación espiritual.

     Pero, con todo, aquela pequeniña igrexa, a Porciúncula que chaman ainda hoxe, segue sendo punto de encontro para toda a familia franciscana. Alí están os inicios desta orde relixiosa que o santo fundador chamou De irmáns menores. É dicir, practicantes da humildade como virtude fundamental da ascese cristiá.

     Como andamos en vésperas de xubileo, mentemos que o chamado Xubileo da Porciúncula, visitando igrexas franciscanas, segue vixente no día de hoxe.

     Como Carballo ten a súa porciúncula, é dicir, a pequeniña capela da Milagrosa no Campo da Feira, que vai comenzar o seu xubileo no primeiro domingo de setembro.

martes, 26 de julio de 2011

San Salvador

    

Tiña Bergantiños un calendario festivo no mes de agosto, no que todos os días do mes tiñan unha festa nunha ou noutra parroquia. As circunstancias do traballo actual fixeron que as festas se foxen concentrando no fin de semana.

     As festas do San Salvador de Sofán, que son as patronais desta coñecida freguesía, ainda conservan os días tradicionais.

     Así, no día 6, temos o San Salvador, que agora ademais da imaxe sedente da entrada da igrexa, hai outras dúas no interior. A que agora preside o retablo maior é unha talla atopada no desván da rectoral, e que don Diego Ríos, o anterior párroco, deu a coñecer. Tamén procurou a súa restauración e a colocación no lugar preferente que sempre debeu ter.

     A profesora da Historia da Arte da Universidade de Santiago, dona Rocío Sánchez Ameijeiras estudou a imaxe e di que pertence ao segundo cuarto do século XIV. Mide esta talla 113 ctms de alto e 40 de ancho.

     A imaxe que antes estaba no retablo maior sigue exposta a veneración dos fieis.

     E San Salvador témolo tamén en Rebordelos, freguesía pequeniña pero que foi nomeada titular de concello naquela inicial distribución do territorio de Bergantiños que determinou a Constitución de Cádiz no 1812, e que en Galicia foi aplicada pola Deputación única, sita en Santiago. Os outros dous concellos que fixaron para Bergantiños foron os de Sofán e o de Sísamo. Pero todo aquilo rematou no 1814, coa volta de Fernando VII. E así ata 1836, no que foi adiante o previsto nas Cortes de Cádiz, e naceu o concello de Carballo.

martes, 19 de julio de 2011

O Noso Apóstolo

  A festividade de Santiago Apóstolo, tamén é o Día Nacional de Galicia. Castelao, aló en Buenos Aires na véspera do Apóstolo do ano 48, pronunciou aquel discurso Alba de Gloria no que fai un canto á Nosa Terra, repasando os persoeiros que a fixeron grande.

     Valle Inclán dedica a Compostela a súa obra Jardín Umbrío, onde en lingua castelá, expresa os seus sentimentos galegos pola cidade na que, tempo andando, había de morrer.

     Rosalía de Castro, co seu poema Na Catedral resume o seus amores por Compostela, a cidade na que naceu e foi bautizada.

     Torrente Ballester escribiu Compostela y su ángel, adicada á cidade na que está a fundación do gran escritor ferrolán.

     Gerardo Diego ten coñecidos versos ás torres do Obradoiro.

     La casa de la troya é unha novela demostrativa de como un autor andaluz, queda namorado da cidade e xente galegas.

     Lonxe de Santiago, tamén é para cantar lonxe da terriña, lonxe do meu lar; qué morriña teño, qué angustias me dan.

     Boa festa de Santiago a Sisamo, Arteixo, Mens, Traba de Laxe, Carreira… e tantas outras freguesías que non é doado nomear aquí.

martes, 12 de julio de 2011

A Nosa Señora do Carme

Nos días en que o mar parece estar máis azul, e máis quente a auga das súas ondas, e máis relucente a area das nosas praias, parece que todo se volve marco festivo para a celebración típica dos nosos mariñeiros: a de Nosa Señora do Carme.

     Irá en motoras a súa imaxe polas rías de Laxe, Malpica, e moitas outras vilas mariñeiras.

     Cantarán a Salve Mariñeira as nosas corais e tamén os cadetes da Escola Naval de Marín.

     Bergantiños ten un perfil mariano, pois desde a Nosa Señora da Pastoriza pasando por Caión, Laxe, Muxía… toda a costa está señoreada por santuarios de Nosa Señora.

     Carballo ten a festa do Carme, pensamos, das primeiras en celebración porque vai acompañando as festas patronais, como son o patrón San Xoán e o Santísimo Sacramento.

      Pero o Concello ten unha cabeceira marítima que é cobiza dos que nos visitan. A latitude da praia de Razo, que é un sistema de ondas cabalgantes deica Baldaio e Pedra do Sal, é algo que levanta o espíritu.

     Tamén merecen a nosa responsabilidade no cuidado de tanta fermosura.

     Felicidades ás Carmes e Carmelos.

martes, 28 de junio de 2011

Perigo nas estradas

Xa nas desexadas e merecidas vacacións, como adoita dicirse, temos o Día da Responsabilidade nas Estradas. Moito movimento de coches, polas festas, praias, visitas familiares, turismo, emigrantes en vacacións,…

Aumenta a circulación, aumentan os perigos, e ten que sobreaumentar a nosa responsabilidade, tanto condutores como peóns.

As autoridades teñen que mellorar as estradas, endereitar as curvas, anchear o espazo de circulación, poñer sinais, semáforos, beirarrúas. Todo é preciso, pero a responsabilidade temos que poñela todos. As normas sobre bebidas, cinturón, velocidade, que poñen as autoridades temos que aceptalas tamén no eido moral, é dicir, normas que hai que seguir en concencia.

Confesemos que todos fallamos, automovilistas e peóns. Poñamos os cinco sentidos cando somos usuarios das estradas.

Para non rematar con memorias luctuosas, non imos falar das moitas bágoas que Bergantiños ten derramado polos accidentes de circulación.

Tampouco mentemos as consecuencias que os accidentes deixan e que a tantos, de por vida, padecen lesións incurables.

Responsabilidade, amigos. A de todos, para ben de todos.

martes, 21 de junio de 2011

Festas en Carballo

    

Agora, san Xoán. Sol no alto da bóveda azul celeste, carabeis nas silveiras, pelitroques, verdes espadanas.

     Días longos, boa temperatura. Vacacións para profesores e escolares.

     Hai un rexurdir de lendas, tanto na noite como pola mañá desde día de san Xoán. Penedos, rochedos, fontes, lagoas… todo está bendicido pola festa de san Xoán.

     En Carballo hai valiosos cadros co san Xoán bautizando a Xesús no Xordán. Hai así mesmo imaxes de tamaño medio, moi fermosas, nas que o santo vestido como un severo profeta, está sinalando ó Año de Deus, que leva na man esquerda, sobre a Biblia; ou ben está sinalando ó año que está cabo do santo.

     Como patrón, vai diante abrindo camiños, sendo pois precursor dos outros días das festas patronais: seguen o Santísimo Sacramento, que irá sobre alfombras florais compostas pola devoción carballesa nas rúas da vila. Rematarán as festas coa adicada á Virxe Mariñeira, a do Carme, como ten que ser nunha vila que ten factoría de nivel europeo traballando con productos do mar; e concello que no linde norte ten praias e urbanización que no verán son verdadeira atración turística.

     Boas festas teñamos todos!

miércoles, 15 de junio de 2011

San Antonio en Bergantiños

A festa de san Antonio ten o santuario de Agualada, como punto de concentración de moitos devotos o día 13 deste mes, e ademais en todos os primeiros domingos de cada mes.

     No exterior do santuario, hai unha fonte onde a imaxe do santo derrama alegría sobre os que alí sacian a súa sede.

   

      Pero hai un san Antonio famoso tamén, na capela do gran pazo de Vilardefrancos. Este nome pasa a unha ilustre xenealoxía galega, que levará no seu escudo a bandeira axitada por unha man, querendo significar liberdade, franquía, paso aberto, franco.

    Ademais, na mesma parroquia de Artes, temos o Pazo ás Pallas, relacionado históricamente co anterior. Deste pazo era dona Petra Enríquez Bermúdez, quen tiña o dereito de presentación de párrocos que servirían a parroquia de Carballo.

     Así, ata o párroco anterior, Don Venancio Ruano, que veu de exercer tal cargo na veciña parroquia de Verdillo.

     Don Javier Enríquez, ilustre farmacéutico carballés, é da proxenie de as Pallas, e moitos recordos garda da historia familiar e bergantiñá. Asegurounos que ese apelido Bermúdez, que leva dona Petra, en realidade é un Bermúdez de Castro, abreviado. Algo semellante temos en Rosalía de Castro que leva apelido que foi dos Bermúdez de Castro, de Lestrove, na parroquia de Benza, concello de Trazo, por onde pasaron tamén antecesores de este xubilado que escribe.

martes, 7 de junio de 2011

Memoranza sacerdotal

Ordenación 1954

     No día 6 do mes de San Xoán, cumpríronse 57 anos da ordenación sacerdotal dunha xa vella promoción na que está integrado este cronista.

      Cincuenta e sete non é número que se preste a Vodas ou celebracións semellantes. Pero é un día que recordamos cada ano aqueles quince sobreviventes daquela xeración sacerdotal. Fomos ordenados polo inesquecible cardeal Quiroga trinta seminaristas. Empezaramos os estudos sesenta. En números redondos.

     Aquí en Bergantiños, eramos catro os que estabamos máis próximos. E digo estabamos, porque dende hai dous anos falta Don Perfecto Santiago Carracedo, párroco de Cereo.

     Preto de nós, en Canduas, desde hai moitos anos, está Don Antonio Méndez Farto en plena actividade parroquial, con especial dedicación á musica, tanto fundando como dirixindo corais. Recentemente, homenaxeado é galardoado coa medalla Marcial del Adalid.

     Tamén, na súa parroquia natal de Zas, algo enfermo, está Don Xosé Ferreiro Pailos, que foi párroco e despois moitos anos capelán do Sanatorio Marítimo de Oza, na Coruña.

     A pesares das nosas idades, todos tratamos de seguir sendo útiles á Igrexa na medida das nosas posibilidades. Ata que Deus o queira.

martes, 31 de mayo de 2011

Maio para María

    

Chegados ao final do mes de maio, e celebrando a Resurrección do Señor, a devoción popular vólvese a María, a Nai de Xesús.

     María acompáñanos todo o ano. Advento e Nadal son conmemoración da maternidade de Santa María. Na Semana Santa temos a María como Nai de Dolores, Virxe da Soedade, e agora, na Pascua, María como testemuña senlleira da Resurrección de Cristo.

     Seguirá María connosco, nesta fermosura de Maio, como Nai dos Apóstolos, animadora da Igrexa, presente no Pentecostés cristián.

     Empezaron, pois, as festas marianas como Nosa Señora da Estrela en Corme e Sofán, ou a romaría coñecida como de Monte Torán en Bamiro, no concello de Vimianzo.

     En maio rezamos aquela oración de San Bernardo, como é o Acordaos. Temos cantos típicos como é Venid y vamos todos, e ogallá haxa nenos ou nenas que declamen versos a Nosa Señora, como faciamos antano nas igrexas e nas escolas.

martes, 17 de mayo de 2011

Día das Letras Galegas

    

Este día 17 de maio é o Día das Letras Galegas. Festivo en Galicia, anque, como temos oído a importantes amantes da nosa lingua galega, máis ben debería ser un día lectivo, no que profesores e alumnos estudasen as nosas letras e autores galegos.

     Rosalía de Castro puxo no seu libro Cantares Gallegos a data do 17 Maio 1863. Puxo esa data porque o seu esposo, Manuel Martínez Murguía, nacera un 17 de maio. Como moi ben sabedes, naceu acó, preto de nós, na aldea do Froxel, na parroquia de Oseiro, no concello de Arteixo. Súa nai, a señora Murguía, fora ao santuario da Pastoriza e cumpridos os seus propósitos de ofrecer o froito da súas entrañas a Nosa Señora, aquela boa muller deu a luz nunha casa na que fora acollida ante a urxencia do caso.

     Ao fundador da Real Academia Galega, escritor, xurista, historiador, que foi Manuel Martínez Murguía, débese a publicaciónde Cantares Gallegos, a obra que iniciou a restauración da lingua galega no noso tempo. Por iso, Rosalía, agradecida ao seu esposo, tivo a delicadeza de poñer a data do seu nacimento en tan decisivo libro.

     Temos o perigo que o Día das Letras Galegas sexa un día de evasión, de fuxida, pero non de inmersión na nosa lingua. Por iso vemos moi ben o labor dos nosos concellos, como o de Carballo, que teñen actividades para que as novas xeracións non esquezan, senon falen o bo galego de Bergantiños.