martes, 23 de agosto de 2011

Máis festas de Nosa Señora

  Nesta semana agosteira temos festas moi próximas no tempo e no espazo.

     Festas de Santa María en Traba, a igrexa que en tempos de Pondal, a torre branqueaba porque sería de recente construcción.

     Pondal adica tamén uns versos ao val desta parroquia, visto desde a aldea de Buxán, en Seavia.

     Máis aló, Entrecruces, tamén con catro días festeiros. Esta igrexa ten un valioso retablo barroco, nesa quenda de importantes retablos que hai en Bergantiños como son os de Xaviña, Castro, e Oza.

  

     Da nosa nenez, recordamos as cereixas e as cuncas de Entrecruces. Chegaban a Dubra en facos ou bestas que foran criados no monte. Conducidos por mulleres bergantiñás que vendían ou trocaban por millo a mercancía que ofrecían. Moi faladoras e graciosas estas mulleres.

     No derradeiro sábado de agosto, temos a romaría nova, a de Nosa Señora dos Milagros en Cereixa-Erbecedo. Empezou esta festa no ano 1943, cando o párroco don Ramiro edificou a capela actual no chan que fora onde estivera a igrexa parroquial, levada para a aldea de Silván, habería daquela, 100 anos.

     Canta o himno de Erbecedo:

Da Virxe dos Milagros a Capela

ten agora a aldea de Cereixa

noutro tempo, cabo dela,

estivo cemiterio e igrexa.

     A imaxe de Nosa Señora ten ao seu pé, un mariñeiro e un labrego. Na Historia de Seavia-Erbecedo figura o nome do escultor que a fixo.

     Desde acó, encomendámonos unha vez máis, a Nosa Señora, a da Ermida de Cereixa, na Erbedeira, ou Erbecedeira de Erbecedo

No hay comentarios: