martes, 21 de febrero de 2012

Estamos no Entroido

 

En Martes do Entroido non hai escola, é festivo moi popular, pero teñamos unha sensata e breve reflexión.

Do Introitus, en latín sae o noso Entroido, que fonéticamente, por facilidade na dicción, chega a converterse en Antroido.

Preguntaremos. Entrada en qué e para qué? Pois para a Coresma, os corenta días de preparación para a Pascua. Toda preparación supón reflexión. Empezamos co Mércores de Cinza. Disque a ave Fénix rexurdía da súas propias cinzas, por iso ós gregos e romanos tíñana como representativa da eternidade da vida.

Deixando esta lenda que seica empezou no Exipto, a liturxia católica invítanos a unha meditación serena.

Das nosas cinzas, da borralla dos nosos pecados e maldades, podemos rexurdir a unha vida nova e mellor con Cristo Resucitado.

Velaí a nosa Coresma, o tempo de salvación que a Igrexa nos ofrece. Sintámonos convocados, cada quen, e como comunidade crente.

Hoxe, pois, entroido. A partires de mañá, a Santa Coresma