miércoles, 29 de abril de 2009

PAZ E PAN PARA TODOS



O primeiro de maio é o Día Internacional dos traballadores. Os cristiáns poñemos ante nós o exemplo do carpinteiro de Nazaret, que foi San Xosé.
Pobre carpintería aquela! Pero se podía ir gañando para manter a Xesús e a María, bo foi. E pronto colaboraría o mociño Xesús.

O mundo do traballo, nos nosos días, é o que máis padece a crise que estamos a sentir. Crise mundial que os expertos economistas teñen que atallar.

Acó sentimos moito que os nosos labregos, que traballan sen horarios e sen vacacións, vexan que a maquinaria e os abonos suben, e, o leite, baixa de precio. Mesmo estan ameazados de non serlles recollido o leite. Despois de tantas inversións en poñer as granxas a producir, agora este esnafrarse coa realidade.

Na construcción, na automoción, sectores que dan, daban tantos postos de traballo, directos e indirectos, vemos moito paro, que avanza mes a mes. Os inmigrantes que chegaron a nós, pensando nun traballo fixo, andan agora acudindo a Caritas e institucións semellantes, para poderen sobrevivir. Teñen dereito todos os traballadores a pedir xustiza social; a que se examinen as fortunas ou os "pelotazos" que de vez en cando temos noticia. Os nomes dos que, sen conciencia algunha se fixeron ricos á conta dos demais, con manifestas estafas, andan nos medios de comunicación. Unimonos a esas denuncias para pedir xustiza social, e reclamar unha ordenación internacional para un xusto reparto dos bens e do traballo. Paz e pan para todos!!!